A cea, de Herman Koch: unha parodia sobre pais e fillos

Last updated on 24 / Abril/ 2011


O escritor Herman Koch

A cea, a novela do polifacético escritor e actor holandés Herman Koch, é destes libros que non sabes como coller. O primeiro factor intrigante é o tempo da acción. Malia con disgresións ao pasado, toda a novela sucede ao redor dun restaurante caro dunha cidade que é posiblemente Amsterdam, onde dúas parellas -os homes son irmáns- deben decidir sobre se encubrir ou non un asasinato dos seus fillos adolescentes. A historia en si mesma é tremenda, e está inspirada no terrible crime de Barcelona, onde dous niñatos mataron a unha indixente nun caixeiro. A acción que Koch traslada a un restaurante exclusivo sitúanos ademáis no centro das sociedades máis tolerantes de Europa, as dos Países Baixos, onde a apariencia é de liberdades. Un dos irmáns é profesor de secundaria, e sufre trastornos psicolóxicos. O outro é o candidato a primeiro ministro do principal partido da oposición, a quen todo o mundo postula coma o futuro dirixente de Holanda.

A acción é tremenda, polo tanto. Uns adolescentes indolentes que non parecen especialmente afectados polo homicidio da indixente, e si máis ben pola delación que ameaza con cometer o irmán adoptivo dun deles. E uns pais que tentan encubrir e desculpar un horrible crime cometido. É inevitable non colocarse na situación, sentirse particularmente incómodo, aínda que non sexas pai. E toda unha reflexión sobre os límites da moral e da ética, sobre os límites da idea de familia e da protección. A novela, que ás veces é humorística, convértese nun incómodo volume nas túas mans.

Espazo pouco documentado

Os cambios de tercio veñen dirixidos pola intervención do maitre, que vai servindo os pratos do xantar, a quen Koch parodia miserablemente cos tópicos baratos habituais -ampulosidade, plato grande e comida pequena-. A idea do tempo da cea como eixo central da novela, pero Koch nin se documentou minimamente sobre os espazos que parodia. Que diga que a cea no restaurante máis exclusivo de Amsterdam, con viño, é de 100 euros por cabeza, significa basicamente que non foi a ningún deles. A cousa andará máis sobre os 170-190, sendo optimistas. En fin, estas son teimas dun gastronómo, pero obviamente, distráente da lectura.

Pola contra, a novela resulta tremendamente real no espazo que relata. Dá a impresión que os pais non teñen claro cal é a súa situación con respecto aos fillos. Youtube convértese nun espazo de ameazas e a televisión une ao país no escándalo dos adolescentes asasinos. O novo monstro irreal da clase media, canda os ñetas, é este adolescente que o pai non é capaz de comprender; que teima en queren entender, que teima en aproximarse pero que sabe perfectamente que non é quen de conectar con el, e iso xenera un profundo sentimento de frustración. Unha sociedade na que o pai xa non sabe se ser pai ou ser colega, e no que moitos fracasan no intento de ubicarse. E unha sociedade que xenera psicópatas, xente que non ten claras as barreiras e os límites.

Neste sentido, Koch puido ter aprendido de moitos telexornais de Antena 3, pero afortunadamente a novela redímese coa propia parodia da situación. Unha novela para reflexionar e pasar un rato entretido e incómodo, ao mesmo tempo (¡é isto posible?, si, sen dúbida).

2 Comments

  1. 22 / Abril/ 2011

    Concordo contigo en que a novela nos fai pasar un tempo entretido e incómodo. Sobre todo incómodo. Como reaccionariamos nós se fose un dos nosos fillos? Sempre agardamos ser mellores, pero esta novela dá para reflexionar, e moito. Grazas por engadir os toques do restaurante: tes razón, a min pasáronme por alto.

  2. 22 / Abril/ 2011

    O cuestión da gastronomía, neste caso, ten que ver coa ambientación. Pero eu pregúntome en que medida a ambientación e a documentación nunha novela é importante. Para min o é, e moito, se a novela busca, como esta, estar encaixada -moito- nun tempo e nunha sociedade concreta. Koch lévase pola ignorancia nalgúns aspectos e polos prexuízos noutros (estes, obviamente, son discutibles). Neste sentido, os lectores máis gastronómos contemplarán esa parte con bastante estupor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará