Unha Ribeira Sacra conxelada no tempo (III): as primeiras imaxes de Corentia

Non sei se lembras esta imaxe. Era a etapa final de como a vexetación devoraba as ruínas do mosteiro de Corentia ou Cuarenza, na espectacular Ribeira Sacra conxelada no tempo no río Tambre. Aquí contabamos esa historia. Pois ben: Xermán García Romai, naturalista e amplo coñecedor, a nivel profesional, da área de Nimo, onde foi garda forestal moitos anos, achegouse ata a xungla a ver que raio era o que viamos desde o aire e remitiunos as fotos das construcións. Efectivamente, a área está moi cuberta de vexetación. Por exemplo, vedes aquí dous edificios?

Pois están. Aquí mesmo:

Non é doado adscribir temporalmente estas estruturas. Non parecen, desde logo, un casal agrícola e a estrutura lembra moito á dos priorados antigos do XVI ou XVII, o cal podería casar coa documentación da decadencia do cenobio, cando perde a súa batalla fronte a Toxosoutos a mediados da Idade Media e comeza o longo esmorecemento como unha esquencida granxa habitada por priores que autosaqueaban o seu propio templo. O que non parece estar aí é a igrexa, ou non se recoñece nos dous edificios como tales, pero Xermán comentoume que a cousa estaba tan tupida que impedía unha exploración en profundidade. Estará máis perdida na vexetación? Lembrei que tivera a mesma sensación en Santa Columba de Naves: a igrexa non estaba anexa ao edificio, senón algo separada e mesmo noutro plano…Alá houbo xente que marchou do mosteiro sen saber que existía. Pasará algo similar na antiquísima Corentia?

Pero sexa un destes edificios ou estea sepultada na xungla, non debe andar lonxe. Por que? Comenteille a Xermán antes de que baixase aló a tradición oral que reseñara un veciño de Nimo neste mesmo blog: o seu pai sinaláralle de pequeno as tumbas dos monxes. Falando con Xermán directamente no lugar el me dixo que non vía as tumbas entre a maleza. Pero aos poucos chamoume.

-Xa sei onde están as tumbas -dixo ríndose, abraiado.
-Onde?
-Onde non o esperas.

A foto revélao:

Fenosa colleu as tumbas para cimentar a pista de acceso á central hidroeléctrica que debeu erguer nos anos 50.

Os misterios do mosteiro altomedieval de Corentia aínda non remataron, señores. Desde aquí o meu agradecemento a Xermán pola súa teimosía e o interese en rescatar estes espazos abandonados.

E aínda nos quedan tres máis, Xermán… :-)

6 Comments

  1. SergioLousame
    14 / Abril/ 2011

    Interesantísimo! Ó fin atopaches Corentia, ou iso parece…
    Agardando con intriga a próxima entrega,
    Saúdos

  2. Antonio Parada
    14 / Abril/ 2011

    Veña leóns, o Indiana o voso lado e un aprendiz. Por certo,estou esperando a chamada polo de Sálvora. Teño un resto de cerámica que colleu un mariñeiro de Aguiño na Area dos Bois traballando a ameixa. Parece que atoparon mais restos outros mariñeiros ¿Un pecio?

  3. 14 / Abril/ 2011

    Sergio, efectivamente polo que me comentou Xermán, os edificios (son dous) son ben raros e desde logo non ten para nada a fasquía de casal agrícola, pero ao mesmo tempo están ben conservados (usados ata o XIX con outros usos?). A ver cando atopo un momento para achegarme eu tamén ata aló. O asunto é ben interesante.

    Tucho, se Indiana Jones tivera que enfrontarse a toxos e silveiras para chegar ata Corentia como fixo o Xermán, veriamos se se atrevía a saír do Marshall College, hahahaha. Chamarante para o de Sálvora. Fica con ese anaco para ensinarllo a elas, que lles vai interesar.

  4. 17 / Abril/ 2011

    Nas noites de luar, os monxes de Corentia levantan as tampas das súas sepulturas e formando unha procesión pantasmal, como Santa Compaña monástica, recorren os montes de Nimo, onde as mestas carballeiras hai moitos anos que foron sustituídas polo alcolito invasor, repetindo a mesma letanía:
    A Nosa Terra é nosa, e non de Unión Fenosa…
    A Nosa Terra é nosa, e non da Celulosa…

  5. Moncho
    17 / Abril/ 2011

    A ver cando me podo achegar por alí… armado con fousiño e desbrosadora!

  6. Anónimo
    5 / Xuño/ 2018

    Moi boas
    Actualmente este lugar atópase ao descuberto, debido ás talas que se fixeron pola zona.
    Sábese algo máis destas exploracións?
    Un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará