Un gran bacallau no Mesón do Campo (Vilalba)

Desde que en decembro fixeramos a Expedición Capón a Vilalba, quedáranme gañas de volver ao Mesón do Campo [T: 982512117 / localización], un dos establecementos emblemáticos da vila luguesa, e probalo á carta, sen menú de encargo. O Mesón do Campo é un restaurante dun gran nivel, cunha cociña clásica con toques que evidencian a persoalidade de Tareixa, a cociñeira, como a súa angueira -que se agradece- por incorporar os vexetais aos pratos: camas de deliciosas hortalizas que engaden a alegría do campo a pratos de contundencia e rotundez luguesa. Para mostra, esta deliciosa ensalada de xudías verdes.

Pero teño que recomendar un prato: o bacallau á cataplana, especialidade da casa. Os que somos moi bacaladeiros, coma min, apreciarán sen dúbida este exquisito e abundante prato dun bacallau desalgado no seu punto, ben adobiado tamén con hortalizas. Unha auténtica delicia. Aquí o vedes empratado, pero a cousa chega á mesa espectacular, e moi abundante. Serían case dúas racións dun restaurante urbanita.

Con cervexas, un primeiro para compartir, unha de peixe sapo ao forno e este bacallau, a cousa saíu nalgo máis de trinta euros por cabeza. Barato non é, pero é un bo restaurante, e ben fiable. Por certo, teñen unha moi boa carta de viños, cunha selección de corte clásico pero coa que non te sintes limitado.

4 Comments

  1. 7 / Abril/ 2011

    Por certo que se ides, o toque máis singular do restaurante está no peiteado dun dos camareiros. :-)

    Tiña que dicilo.

  2. Manuel (camareiro Meson do Campo)
    8 / Maio/ 2011

    Agradézoche o comentario, e como me caiches ben cando volvas eiche de dar o número do meu perruqueiro. Unha apertiña e gracias da parte de Tareixa por os comentarios. Así que esperámosbos de novo con outro bacallao á cataplana.

  3. Manuel (camareiro Meson do Campo)
    8 / Maio/ 2011

    Agradézoche o comentario, e como me caiches ben cando volvas eiche de dar o número do meu perruqueiro. Unha apertiña e gracias da parte de Tareixa polos comentarios. Así que esperámosvos de novo con outro bacallao á cataplana.

  4. susanab.
    9 / Maio/ 2011

    En galego, bacalloeiro/ bacalloeira son formas correctas. Bacaladeiro é un calco feo do castelán.
    Polo demais, a web , moi interesante.
    E o bacallau da foto, moi tentador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará