El Empalme: unha aventura gastronómica para fungófilos

Last updated on 4 / Abril/ 2011

Á escena só lle faltaría un elemento de atrezzo: unha bola de matorral rodando pola estrada. Pero había mal tempo, chovía, viña ese vento frío que en Zamora nunca sabes de onde chega, e estaba ese bar de estrada: El Empalme [T: 980652016/ localización]. Á xente que lle encanta ir comer ao Quinto Piñeiro, debera pasar por aquí. Chegar ata Rionegro del Puente, en Zamora (unhas tres horas e cuarto desde Compostela), e deter o coche nun paramo inhóspito. O máis probable é que te sintas, nesa escena, parte de Airbag ou de Jamón, Jamón. Pero este sitio é especial. El Empalme é o refuxio creado por Gloria Cortés e Elías Martín nun paramo zamorano: un lugar ao que vas cando precisas alimentarte, na túa viaxe desde Galicia ata outro lugar. De feito, cando entras, o cheiro da leña e a calor do pequeno comedor axuda a sentir unha certa percepción de conforto. Así que sabes que, de algún xeito, o teu amor pola Cociña do Quinto Piñeiro ao mellor fixo compensar tanta viaxe. Xa vedes que aos Blogastrónomos non lles asusta nada para celebrar as súas Xantanzas; esta foi a segunda expedición alén fronteiras. ;-)

Este lugar, no medio da nada para o viaxeiro, cumpre ben o factor da sorpresa. Aquí, Elías e Gloria elaboraron un refuxio para os amantes dos cogumelos. O menú, variable, difícil de contar, difícil de describir, sempre incorpora varias variedades de fungos. Aínda que xa non estamos en tempada para moitos dos fungos, Gloria ten conxeladas testemuñas que nos permitiron degustar unha chea de variedades que eu creo que todos, chegado un punto, renunciamos a saber. Señores, aquelo foi un auténtico festival do Quinto Reino. Outros cogumelos son de tempada: Gloria, que é unha auténtica autoridade no quinto reino, defende que hai fungos comestibles en todas as estacións. “Unha mágoa que os cociñeiros galegos non coñezan moitos”, díxonos. E creo que ten moita razón. Así que de aquela cociña saíron e saíron unha chea de pratiños, para que puideramos degustar unha incrible variedade de fungos, despois rematados de paspallás e vaca. Exquisiteces gorentosas, sinxelas, propias dunha cociña confortable, para viaxeiros curiosos que atravesan os paramos mesetarios no inverno.


Fotos: Sole

Unha muller singular

Esta muller, Gloria Cortés, colombiana e cociñeira, ten sona de ter un mal humor proverbial; sen embargo, o xantar do sábado pasado foi unha auténtica delicia. Gloria ríase, tapábase a cara coas mans, retábanos, bromeaba, facía apuntamentos enciclopédicos ao redor dos pratos ou deixaba caer as súas aventuras gastronómicas en Mónaco, contratada por xeques, ou o seu compromiso social cos hospitais e a mellora das dietas. Esta muller, modesta e un tanto reservada á par que orgullosa, resultoume unha auténtica personaxe literaria, alguén que podería saír dun libro de Isabel Allende. Para entender o que digo, nada mellor que unha anécdota. Resulta que un dos fungos cos que traballa ten propiedades coagulantes. Un día, un cliente estaba sangrando na queixada na mesa, e non sabía moi ben como poñerse. Ela correu á cociña, meteu a man no balde no que acababa de tirar as sobras dese fungo, que acabada de servir. Traendo a man chea do refugallo, chegou onda o cliente e sen dicirlle nada, pasoulle todo pola queixada. O home alucinou, ela escapou e non volveu saír á sala.

Un mes despois, aquel home apareceu de novo e presentouse como cirurxián plástico. Veu acompañado por un coñecidísimo cirurxián plástico brasileiro e preguntoulle que clase de substancia lle puxera na queixada. Abraiárase coas propiedades coagulantes daquelo e quería saber que era: eles estaban encargando un composto para as clínicas traído de América e non sabían que existía un fungo con tanta efectividade.

A anécdota creo que define ben a esta muller.

O restaurante, rexentado con agarimo polo seu home Elías Martín e ela, é un destes lugares que todo gourmet debe visitar alomenos unha vez. A gastronomía ten algo de aventura, de viaxe, de experiencia. Aquí, en El Empalme, nesta longa comida chea de pratos eclécticos, diversos, pratos potentes de base tradicional feitos e pensados por casteláns para agradar no frío das viaxes, vívese unha auténtica aventura gastronómica. Recomendo peregrinar en outono, en pleno tempo dos cogumelos. Así o faremos nós o vindeiro.

Pagamos 45 euros (viño incluído). O viño era o Novellum, de Toro.

Coda


Os blogastrónomos asistentes con Elías e Gloria.


Blogastrónomos asinando no Libro de Visitas do restaurante.

Outras visións:

Pantagruel supongo, Laconada.

11 Comments

  1. 28 / Marzo/ 2011

    Agradecer tamén a presenza de El Pingue Gourmet e Rita: os pobres deberon alucinar co despiporre habitual que caracteriza estas Xantanzas. Aínda me estou rindo. :-)

  2. Anónimo
    29 / Marzo/ 2011

    Xa me tardaba, vista a túa aficcón pola boa cociña, un cometário sobre cociña xabresa. Esta podemola considerar así, pois os fungos, cogumelos, e demais, nesta miña terra son abondosos e de unha gran calidade. Pola zona hai varios lugares onde mercan ós lugareños os distintos fungos, que logo van a industrias de fora, fundamentalmente de Francia.
    O Empalme é um verdadeiro santuário nestes manxares, e a dona coido que non hai quen le sea capaz de decir nada novo, sobre eles.
    ¿Probachedes os “habones con oreja”?
    Unha aperta.

  3. Anónimo
    29 / Marzo/ 2011

    ¡Non estou no meu ordenador, e esquecinme de identificarme.
    Xabres da Teixeira

  4. Miguel Losada
    29 / Marzo/ 2011

    Xabres e que me dis do coello guisado e a ensalada de habones no restaurante El Recreo en San martín de Castañeda? Cousa Boa!!

  5. Miguel Losada
    29 / Marzo/ 2011

    Permitome ademais suxerir un monográfico sobre o Pan en Galicia, ese feito no forno comunal, que inda hai; ese feito con doble fermentación nos fornos de leña das pequenas vilas…

  6. 29 / Marzo/ 2011

    Ai, Miguel, levo moito tempo querendo facer algo chulo co pan…

    Síntovos decepcionar, porque a estancia foi tan meteórica que a penas toquei por riba a gastronomía sanabresa e zamorana, pero chamoume moito. De feito, penso volver dentro de pouco por outras cousas e aproveitar para explorar…

  7. Xabres da Teixeira
    29 / Marzo/ 2011

    Se avisas o mellor podemos gorentar algo xuntos, e presentarte a algúns amigos e lugares.
    Unha aperta

  8. Alfredo
    30 / Marzo/ 2011

    Cantidade de lembranzas véñenme á mente logo de ler os teus posts sobre El Empalme e sobre Puebla de Sanabria, pobo de paso para moitos galegos e non galegos que saen e entran de Galicia sen apenas reparar na súa fermosura. Tivo que ser inesquecible ollando a concurrencia…

    Agora xa sabes o que queda pendente: a visita ao Mesón del Labrador en Castroverde de Campos. A ver se temos a oportunidade de facela xuntos.

    Por certo, estarei a fin de semana por terras de Cee e Corcubión. Algunha suxerencia? Xa cara a volta teño dúbidas en Caldebarcos, Casa Manolo ou a Casa da Crega? Móllense, por favor. Favores polos que se anticipan grazas (coño, que fúnebre quedou!).

  9. Alfredo
    31 / Marzo/ 2011

    Graciñas, Manuel. Tomo nota. Falaras tamén de Anxelo en Cee hai tempo, verdade?

  10. 31 / Marzo/ 2011

    Ánxelo pechou, Alfredo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará