Repúblicas de Homes Libres: o Faro de Budiño e o misterio das furnas [+ vídeo]

Last updated on 6 / Marzo/ 2011


Parte dos outeiros da fortaleza do Faro de Budiño. Foto: Sole

Os lugares montañosos, aillados e dramáticos que visitamos nas Repúblicas de Homes Libres adoitan ser tan espectaculares na súa contorna como austeros na súa cultura material. Si, temos os edificios, mesmos as fortificacións, pero son duras e escasas no que podes ver a simple vista. A súa función era para o que era.

No Faro de Budiño non. O Faro de Budiño [localización] é un escándalo. Este é un xacecemento complexo, ubicado por riba das gándaras de Budiño, nunha das bandas da depresión meridiana, como unha gran estatua prominente sobre todas as infraestruturas de comunicación que nos levan a Portugal, prevalecendo miragreiramente sobre o gran polígono industrial do Porriño. O Faro de Budiño non só ten unha chea de estruturas visibles, senón que este lugar debeu ter unha secuencia de ocupación temporal dilatada. Aquí atópase por todas partes tégula romana, anacos de vasixas…e que sei.

O terrible é que o concello nin se enterou aparentemente de que aí hai un xacemento arqueolóxico. Andan e constrúen sobre un espazo que son incapaces de ver a simple vista. Convertido en parque, unha pasarela de madeira leva ata o alto das croas sobre as antigas murallas e aterrazamentos; os obreiros colleron as pedras da muralla para beirear a pasarela de madeira, que queda máis bonito. E, na zona superior, prantaron árbores cavando sobre unha superficie chea de cerámica e tegula plana romana e danándoa notablemente, porque como sabedes, no alto destas montañas a penas hai potencia no chan. Todo indica a ignorancia municipal: nun panel interpretativo á entrada da zona fálase de todo menos de que alí hai un xacemento arqueolóxico de primeiro calibre. E se non, ides ver.

Deixado o mosqueo, que temos aquí? Pois un lugar marabilloso. Ollando enfronte a mítica Fortaleza do Galiñeiro, estamos falando de varias plataformas entre enormes penedas, nas que aínda se aprecian grupos de edificacións rectangulares das mesmas dimensións que as da fortaleza do Galiñeiro. Unha acrópole defendida rexamente por todas as súas bandas polas enormes bandas dese granito que fai famoso ao Porriño. Pero dentro está chea de sentidos e recantos, en non demasiado malo estado de conservación.


Diferentes restos de edificacións e un posible torreón visibles a simple vista.

Un dos puntos máis enigmáticos e espectaculares é un promontorio ubicado na zona noreste do recinto. O promontorio foi preparado artificialmente; na miña opinión ergueuse deliberadamente parte da superficie e achairouse, destacando claramente como un volcán sobre o seu contorno, como se fora atalaia última, pero na zona superior non se aprecian superficialmente restos de fortificacións, aínda que si de edificacións. E non só. Hai unha habitación cuadrangular pegada a un penedo e, ao carón, por suposto, unha das nosas amigas. Unha pedra de tamaño medio cunha profunda pía no seu medio e unha canle de saída. Está ubicada nun estremo deste estraño volcán térreo que sobresae sobre todo o xacemento.

Covas e furnas en Budiño

O máis fascinante, con todo, deste xacemento, é a existencia de covas e furnas cheas de significados, sentidos, mitos e algo máis. Un deles, impresionante, é o Catabún, ubicado no interior dos grandes penedos do sur da fortaleza. Que é iso? Vas ter que ver o vídeo para miralo e abraiarte.

E, aos pés do xacemento, hai outro lugar abraiante. Chámase a Cova dos Nenos e esta é a súa entrada.

Trátase dunha cova granítica traballada en moitos sentidos. O seu interior foi agrandado para poder poñerte en pé. Aínda que foi usado por montañeiros, seguramente nenos, etc., que alteraron moito o interior, hai algúns elementos que son chamativos e que non parecen ser propios dunha noite ou dos xogos dunha tarde. Imos ver o seu interior.

Nas dúas bandas, a cova ten unha serie de hornacinas, de fornelos, tallados na rocha, formando como pequenas caixas labradas. No interior, as paredes tamén teñen acalanaduras que parecen conducir a auga que se puidera filtrar desde fóra. E mesmo, pola banda contraria, hai unha saída con escalóns tallados na rocha.

Todo no interior e ao redor está cheo de tégula romana, como se fose parte dun edificio que estivera anexo alí. De feito, na entrada da cova parece intuirse baixo o chan os restos dunha estrutura. Que demo é isto? De cando é? Non teño nin idea, pero calquera que teña visitado o sur peninsular ou a arqueoloxía do Mediterráneo este tipo de cova o leva directamente a un tempo: o mundo tardorromano ou altomedieval, cando se comezaron a construír este tipo de edificacións rupestres. O feito de estar xusto á entrada da fortaleza, ou o que sexa todo isto, é aínda máis intrigante e mosqueante.

O Castelo de Budiño engade un punto novo ás Repúblicas de Homes Libres, en íntima conexión, como temos sinalado, coas outras fortalezas en altura que temos sinalado no sur de Galicia, pero cunha particularidade: este é un xacemento moi rico en cultura material, que se cadra estivo habitado nunha secuencia temporal que nos leva desde o Bronce ata un periodo de apoxeo romano ou tardorromano e logo unha prolongación altomedieval ou plenamente medieval. Non o sabemos, pero é un dos lugares máis interesantes, intrigantes e cheos de inspiración que temos percorrido na nosa xeira. E non tardaremos en volver. Que sentido tería este lugar no mundo tardorromano? Por que aparenta ter moito máis uso e máis intenso que a fortaleza do Galiñeiro?

Como en todo na vida, hai que recuncar.

30 Comments

  1. Anxo
    2 / Marzo/ 2011

    Dis que esta paraxe estuvo habitada desde o Bronce pero si non lembro mal, hai xa anos que se atoparan restos de instrumentos líticos do Paleolítico nas Gándaras de Budinho.

  2. mon
    2 / Marzo/ 2011

    Moi cerca tes o castro de Herbille, suto en frente na serra do Galiñeiro.
    Na mesma beira do val da Louriña está tamén o Castelo de Mos, unha gran rocha no monte Salgueirón dende a que se divisa a ria de Vigo.

  3. Pancho-lapatianco
    2 / Marzo/ 2011

    Fermosísimas fotos, Sole.

    Impresionante. E xa que estamos cerca do Miño. ¿Cantos destes lugares haberá ó outro lado da raia?. Tes que ir bucando algún esforzado “correspondente” por esas terras que tan cerquiña temos, que as fronteiras que nos inventamos despois pouco importaban daquela.

    Noraboa.

  4. 3 / Marzo/ 2011

    Pois si, Anxo, toda esta zona ten unha secuencia temporal enorme. As gándaras están abaixo e amosaron e amosan importantes depósitos paleolíticos. As cousas de altura, como esta, xa sabes que son distintas. Un importante asunto cultural neste país: cando é que estás arriba e cando estás abaixo? Tal dialéctica rexiu a nosa historia.

    Mon, grazas pola referenica do castro e do castelo!

    Pancho, ai amigo! Efectivamente, en Portugal hai moita cousa desta, polas referencias bibliográficas que teño, e máis que interesantes: sitios deste calibre, e moitos. Hai que entrar pouco a pouco aló.

  5. 3 / Marzo/ 2011

    Por certo, que o de Sole ten mérito. A penas había luz, e a que había non chegaba nin para sacar unha foto decente. Pero as imaxes están moi ben tiradas, mesmo as do interior da Cova dos Nenos.

  6. Lume
    3 / Marzo/ 2011

    Parabéns Manuel e Sole.

    O Faro de Budiño (xa nos dí moito o seu nome) está nun lugar estratéxico. Xogaría de seguro un bó papel no control da Depresión Meridiana que era un dos accesos ao interior de Galiza. Monte Aloia, Budiño e Galiñeiro, ¿son visíbeis entre sí?, ¿poderían comunicarse por lume ou mediante o Catabún?, ¿Tan frenética era a actividade marítima daquela que á beira das rías se atopan constantes atalaias defensivas?. Fascinante Manuel. Parabéns de novo polo teu traballo.

  7. Jose
    3 / Marzo/ 2011

    Non paras de sorprenderme. Terías que ir pensando nun capitulo 0 para RTVG.
    Recoñezo na túa “paixón” e curiosidade a que de pequenos tiñamos coas lendas de mouros, covas e demais. Moi ben.

  8. Xosé Ramón
    3 / Marzo/ 2011

    Especular? Coidadinho, eh!, que da especulación non sae cousa boa. :-) Véxase, senón, a burbulha inmobiliaria que deu paso á crise que nos afoga. Ou só nos apreta…?. A ver se nos vemos manhán na Coruña.
    Saúde.

  9. 3 / Marzo/ 2011

    Lume, efectivamente, temos as alturas de toda Galicia cheas de fortalezas e castelos. O tema das rías é importante, por suposto. Como comentei nalgún post anterior, existe a crenza de que todo isto ten que ver coas invasións do mar, e eu tamén pensei iso moito tempo. Agora comezo a ter unha visión algo máis ampla. Os ataques por mar parecen estar na cerna de moitos das fortalezas, refuxios e acochos que van aparecendo. Pero a cousa complícase porque hai unha enorme densidade deste tipo de fortalezas tamén no interior, e iso é interesante, porque parece ter que ver, tamén, con algún tipo de articulación do territorio da que coñecemos, fidedignamente, moi pouco. Estou traballando niso. Aínda que durante 2010-11 ando centrado en áreas de costa, as poucas incursións que fixemos cara o interior revelan tamén moitos lugares así, que seguen sen desempeñar as funcións clásicas de recursos e camiños do feudalismo (control dos recursos da terra, dos camiños, etc.) e parecen ter outras funcións. Neste sentido, as opcións son moitas e con elas andamos.

  10. 3 / Marzo/ 2011

    Xosé Ramón, será un pracer terte por aló. Jose, no meu caso esta paixón vén desde aló abaixo, no albor dos tempos. Só que agora déixanme conducir un coche. :-)

    Hai varias cousas en curso con respecto ás Repúblicas, pero xa sabedes que non me gusta anunciar nada ata que non está rematado. Todo ao seu tempo.

  11. candepalleiro
    3 / Marzo/ 2011

    Dacordo co que apuntades, o papel desta atalaia tería moito que ver co control da vía natural de penetración a Galicia en sentido Sur-Norte,que foi, e é, a Depresión Meridiana. Por alí entrou a vía romana nºXIX do Itinerario Antonino, por Tui, e despois o Camiño Portugués a Compostela

  12. 3 / Marzo/ 2011

    E que sabes do Castelo de Cans que fica um pouquinho mais ao norte?

  13. 3 / Marzo/ 2011

    Aínda non fun, pero téñolle moitas gañas. Dese si que temos máis información, xa que estivo claramente activo na Baixa Idade Media, tomou parte en loitas nobiliares máis ou menos ben documentadas e foi tumbado polas Irmandades. Iso non quita que non teña unha orixe altomedieval ou anterior. Habería que miralo e botarlle un ollo ao chan que parece haber aos pés. O máis notable do espazo, aparte da paisaxe, son as curiosas gabias talladas na pedra. Hai unha boa descrición no nunca abondo louvado libro de Garrido.

    É un clásico ‘castelo roqueiro’, era moito, moito máis pequeno que o recinto do Faro de Budiño. Para facernos unha idea, Cans ten uns 1500-2500 metros cadrados de superficie (non fun, así que calculo a ollo) mentres que Budiño ten aproximadamente 3’3 (accidentadas) hectáreas. Sen embargo, eu non desboto a relación entre eles. Fixádevos que bonito aparece o picacho final de Budiño desde o castelo de Cans neste fotograma:

    Tomado deste vídeo:

    http://www.youtube.com/watch?v=TOu6L9QqGkI

    Lembroume algunha outra sucesión de castelos nunha dorsal, no que se ven entre eles unicamente “asomando” entre os montes (como se canto máis se puideran distanciar sen perder visión entre eles mellor).

  14. Xián
    3 / Marzo/ 2011

    Obrigado pola informaçom. Som impressionantes os penedos que ali há. Lembro que durante muitos anos a rocha onde pousou o autor do vídeo tinha escrito um SOLO CRISTO SALVA que se lia desde o Porrinho.

  15. Pancho-lapatianco
    3 / Marzo/ 2011

    Lembro o pintada e o comentada que era (con sorna sobre as condicións “divinas” que tiña quen a fixo; ¡ou eso, ou era dos montañeiros celtas!) :). E agora que o dis, Xián, a última vez que pasei por alí, en Agosto pasado, non me decato de vela. ¿Borrárona ou foi o paso do tempo quen a limpou?.

    O que si sigue alí éche “o Beethoven” e que sexa por moitos anos.

    Saúdos.

  16. 3 / Marzo/ 2011

    Miro que as túas hipóteses se van matizando. Ben está, eis o verdadeiro método, outros deberan tomar exemplo.
    Por certo, estou aos poucos traballando no da Guarda. Habíache de gustar o que alí había ademais. Xa che contarei un día de vagar.

  17. Antonio Parada
    4 / Marzo/ 2011

    Aí vese a man dun xornalista,parabens Manolo e Sole

  18. 4 / Marzo/ 2011

    Moitas grazas, Antonio! Sen dúbida, Pancho e Xián, non sei se segue na pintada. Pero no SIGPAC alucinades o ben que aínda se ve a ‘mensaxe’.

    O’Padín, e o que queda por variar de interpretación. Estou traballando na ponencia que darei no Congreso de Estudos Celtas e o panorama vaise ampliando de xeito notable. O importante é non ser ríxidos nisto e deixarse guiar polos datos. Estamos vendo algo máis alá dunha anécdota ou dunhas décadas.

  19. Abrairacurcix
    8 / Abril/ 2011

    Unha web fermosa, no estilo e nos contidos! Parabéns, Manuel.
    Coñezo a zona. Eu aludiría a ela como o val do Louro, afluente do Miño, que rega o tramo sur da Depresión Meridiana, entre Redondela-Mos e Tui. Nos diversos comentarios, apórtanse varios lugares relevantes nese territorio. Procurando ordealos no espazo, de sur a norte, estes serían os xacementos (do castrexo ao medieval) que eu coñezo:
    Aliñados na beira dereita do río, máis próxima á costa:
    1) Monte Aloia (cos restos da muralla medieval)
    2) Castro de Alto dos Cubos, na ladeira que dá, precisamente, ao val do Louro
    3) Galiñeiro
    4) Castro de Erville (nun lugar mirador espectacular, xusto en fronte do Faro de Budiño)
    5) Castro de Torroso
    Na beira esquerda do río, cara o interior, tamén de sur a norte:
    1) Faro de Budiño (tan impresionante como describes)
    2) Castelo de Cans (unha parte desta fortaleza é coñecida na zona como Pedras do Pianista ou Beethoven, porque desde a autoestrada que vai a Ponteareas semella unha persoa sentada ao piano)
    3) Castelo Pequeno (moi similar ao Castelo de Cans, en forma e ubicación, e que permite controlar a portela ou único lugar de paso natural entre o val de Louro e o val do Tea)
    4) …E no Galleiro? Será posible que non haxa un lugar como os mencionados?
    Se os apreciamos todos xuntos sobre o mapa, parecen formar un corredor de control e vixilancia da que sería a “autovía” do momento (aínda hoxe) nese territorio. Creo que o Faro de Budiño puido exercer un papel central nese cometido durante moitos séculos. A localización, o tamaño, a cantidade de restos en superficie, e o contacto visual (non é casualidade a denominación de Faro) con practicamente todos os puntos sinalados, así parecen corroboralo. Diría incluso que, en días claros, desde o Faro pódese ver Santa Tegra. Un lugar excepcional.

  20. 8 / Abril/ 2011

    Grazas pola compilación!

    Efectivamente, eu creo que hai unha relación clara entre moitos destes xacementos e a Depresión Meridiana.

    Si, no Galleiro hai bastante tomate. Por unha banda, temos dous castelos (o Grande e o Pequeno), pero non os recoñecín. O habitual é que non haxa restos apreciables nos dous, cando se emprega ese tipo de toponimia, senón nun deles. E tamén hai outro lugar interesantísimo, que hai tempo que temos moitas gañas de visitar, e que promete moito; é un lugar que un lector do blog puxo sobre a mesa e resulta ben interesante. Xa vos contarei sobre este cando teñamos tempo para subirmos!

  21. Sérgio
    5 / Maio/ 2011

    Que curioso! Venho de ler no livro “Contos e lendas do Minho” uma história sobre o tal “catapúm” (em realidade sao 10 linhas, mas…) Resumindo a lenda do livro, nesse buraco antigamente dormiam os mouros… E ao parescer, a rocha do “catapúm” foi esnaquizada pelos vizinhos, já que nas noites de temporal o ruído nao os deixava dormir… Curiosas estas lendas!

  22. Fran
    8 / Maio/ 2011

    Hola Manuel:

    Parabéns polo video e pola información. Coincido contigo pola fascinación deste monte, ao que subía a menudo hai uns cantos anos, e tamén me tiñan intrigado as súas evidentes estruturas, coma no veciño Galiñeiro. Coñecía a Cova dos Nenos e máis os pasadizos de “O Catabún” – nos chamábamoslle “O Casco”, pois a fractura da rocha dalle ese aspecto no conxunto do macizo granítico – . Polo que vexo agora xa non ten as altas xestas que tiña antes e polas que tiñas que internarte para ver os restos de muros e construccións. Existe tamén na contorna unha pedra de abalar que descoñezo se ten folklore asociado. É necesario recopilar con urxencia a micro-toponimia e lendas sobre este lugar, do que hai moi escasas e vagas referencias arqueolóxicas publicadas. Aínda así o lugar está catalogado e non se comprenden as actuacións e iñorancia por parte do concello.

  23. 8 / Maio/ 2011

    Grazas, Fran. Con respecto ás lendas e a microtoponimia de todo o recinto, confeso que me interesa todo, e estou convencido que algunhas poden contribuír a esclarecer as funcións de algunhas áreas. A máis intrigante, ao meu ver, é o da Cova dos Nenos. Iso ten que ter folclore e lendas asociadas, e podíanos axudar moito a entender ese espazo tan raro. Se alguén sabe algo sobre iso, por favor que nolo conte aquí. :-)

  24. Xián
    8 / Agosto/ 2011

    Olá!

    Conheces o castelo roqueiro de São Martinho da Pena da Rainha na freguesia de Abedim em Monção? Está quase frente ao Faro de Budinho.

  25. avelino gonzalez
    5 / Marzo/ 2012

    Pois estiven hoxe contando na Asoc. A Furna de Budiño, onde constatei esa ruptura de avós que non falan cos netos das cousas da contorna,contei eu as dúas versións que me contaron un señor e unha señora xusto antes, e os nenos alí presentes no sabían nada) O señor falábame de que nunha tomada súa había paredes de casas e pías onde os mouros gardaban ouro. Non lembrei o da cova dos nenos, boh. Pero como hei voltar, pregunto. Aínda que creo que os do SEM (Seminario de Estudos MIñoranos) han saber algo.

  26. 5 / Marzo/ 2012

    Vaia! Da cova dos nenos segurísimo que ten que haber algo. Lémbrate cando volvas, a ver que se saca de aí. :-)

  27. xavier
    18 / Abril/ 2012

    En 1996 o Museo do Pobo Galego tirou do prelo en caderniño titulado “A Nosa Tradición Oral. Guia didáctica” ao coidado de Evelio Costa e al. Na escolma de textos ofrecen transcrición do recollido por unha estudante daquela no instituto de ensino público “Francisco Sánchez” de Tui á súa nai, e que o titularon “Lendas do Faro de Budiño”, páxinas 40-42. Moi interesente. Por exemplo “[…] tamén hai unha pedra que lle chamaban o “catapún”, era unha pedra que tiña lomenos catro metros de altura i-esa pedra cando viña o aire movíase, entonces facía un ruido inmenso, espantoso, que en Tui ouíase e entonces a policia de Tui como lle facia tanto ruido viñeron aí e rompérona e ahora hai solo unha pequeniña qu’hai que movela pa que se… pa que toque, si, cando toque fai un ruidiño como si fora un… tambor ou… ou así un bombo ou algo así, pero agora é pequena […]
    Ou referíndose a outro lugar do Faro: “[…]Logho alí debaixo tamén hai ou dicían qu’había unha cueva que cheghaba a… á valle da Louriña por debaixo da terra, claro, que unha vez unha vella intentou pasalo pero xa non salíu da boca porque quedou alí, alí apareceron os ósos e a roupa e todo, e outros que intentaron pasalo dixeron que non se podía pasar porque había cobras, había bichos raros que tuveron que dar volta pa atrás que non intentaron pasar, porque non se podía cos bicho qu’había, nunca nadie supo máis nada d’aquilo nin cousa ninguha […]
    Tamén fala doutra cova que recorda, “o buraco da herba seca […] había que pasar por debaixo das peñas mui apretadiño, mui arrimadiño que si tirabas unha pedra caía nun pozo mui mui fondo de agua”.
    Da Cova dos nenos, cando menos con ese nome, nada se recolle na citada publicación. Iso si, tamén hai referencias a outros aspectos como tesouros… paga a pena acadar exemplar desta Guia didáctica. Saúde, xavier.

  28. laura
    23 / Abril/ 2012

    hola,son Laura e vivo en Budiño.Vin o video que fixeches sobre o catabún e gustoume moito.Na miña clase estamos moi interesados sobre as lendas do monte faro e de todo Budiño.Por iso me gustaria que fixeras outro video sobre as demais lendas do monte faro.Un saúdo

    laura,12 anos

  29. avelino gonzalez
    20 / Xaneiro/ 2013

    No tocantes á Cova dos nenos, non teño certezas. Alén de que o Faro era un sitio onde os veciños ían facer nenos.
    Hai a posibilidade de que ese nome sexa unha revolta toponímica.
    No lugar de Sedes do concello de Narón, hai un monte que chaman “Monte dos Nenos”(lugar, por outra parte, ben preñado de restos arqueolóxicos). Disque ese nome é unha deturpación do orixinal que sería “Monte dos Niños” por ser lugar onde aniñaban as aves. Logo a deturpación lingüística e toponímica deformou ese e outros nomes, e non recuperou a súa foma orixinal.
    Seica sería un fenómeno similar ó caso do monte agora chamado Xaxán, que sempre se chamou “Ghaghán”, no que viña sendo a pronuncia geadeña do nome de seu “Gagán”.
    Quede dito isto non como unha certeza senón como unha posibilidade, apuntada sen datos centíficos por quen carece deles, baseado en conversas con curiosos faladores.

  30. manuel
    18 / Abril/ 2013

    boas tardes a todos.
    a presenza de tanta tella podese deber a que no alto do faro de budiño habia un forte con artilleria pesada apuntando a Portugal, da epoca da guerra de indepencia do pais veciño. a parte dos que haxa de epocas anteriores.
    O Catabom que e o nome que tamen lledan por eiqui non foi esnaquizado polos veciños por que non lles deixaran durmir, senon que foi destruido polas forzas do rexime franquista, xa que ali habia unha vixia que avisaba os muitos fuxidos da postguerra e decir os escapados, que normalmente pasaban o dia na caso ou traballando polas hortas, da chegada de algunha de aquelas nefastas cuadrillas de exterminio.
    para o que non o saiba:
    algun dos fuxidos ou acusados de ser roxos foron despeñados pola fraga abaixo coa axuda de paos largos o xeito de espeto para empurralos.
    hai unha iniciativa por reconstruir o Catabon, xa que de outra cousa non se sabera por eiqui, pero de pedra sabese e muito. pero hai oposicion por parte da comunidade de montes. xa que implicaria unha serie de medidas de proteccion que que non poden asegurar. tamen habia unha iniciativa para reclamar o estado os gastos da reconstruccion como responsable da destruccion de un monumento natural e historico, probablemente dende o principio do andar do home por estas terras.
    estos datos foronme pasados por persoas familiares dos que padeceron aquela traxedia.
    as miñas probas reducense a simples conversas de xentes da parroquia de Sansalvador de Budiño
    , mesmo debaixo do Faro
    saudos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará