Cifras e ideas para pensar a cultura galega nos novos webs do CCG

Hoxe presentamos no Consello da Cultura Galega un novo sitio web que cremos que é moi interesante para o sector cultural, transformando o vello espazo do Observatorio da Cultura Galega (activo aínda durante uns días) nun novo sitio, observatorio.consellodacultura.org, que modifica substancialmente o anterior, converténdose nunha aplicación de consulta e traballo en tempo real. O Pleno do CCG aprobou as novas liñas estratéxicas da institución na rede, que se substancian en dar un paso adiante e converter os ‘contidos’ en ‘servizos’ e as ‘edicións de referencia’ en ‘aplicacións’, consonte as novas tendencias da rede.

O Observatorio da Cultura Galega reune numerosas fontes públicas de información estatística de Galicia, o conxunto do Estado e a Unión Europea) e procesa os seus datos para reunilos e obter a primeira visión unitaria e específica da nosa cultura en cifras. Ademáis, as táboas actualízanse case en tempo real cos últimos datos posibles, que se acumulan con respecto aos anteriores e nos permiten ver elementos como a evolución de recadacións dos teatros, do número de galego falantes, ou de declaracións de Bens de Interese Cultural en perspectiva, por exemplo. E unha das cousas máis chulas é que, aparte de que os usuarios poden exportar os datos para o seu ordenador, é que tamén poden configurar gráficas que poden recoller do web e baixar, ou publicar directamente noutros sitios web, blogs ou redes sociais. Como esta:

Recomendo que lle botedes unha ollada e, en especial, ao Monitor da Cultura Galega, que permite ver a ‘vista de paxaro’ o estado de saúde da industria cultural, dos museos, da lingua…. Creo que é unha ferramenta básica para comprender a creación, a política, o mercado e todo o que rodea á cultura en Galicia e gañar perspectiva de análise.

O 14 de decembro publicamos a nova Mediateca do CCG, na que pasamos dun concepto que no publicabamos só os elementos editados (libros, libro-CDs, etc.) a unha nova idea: concentrar nun único repositorio toda a produción cultural da institución, que canda eses formatos máis convencionais supón unha inxente cantidade de contidos en forma de congresos, conferencias, xornadas, etc. O novo sitio estruturámolo pensando, esencialmente, nos cidadáns interesados en acceder a un contido do seu interese e xa ten unha chea de vizosos contidos (aínda que nos falta moitísimo anterior por introducir, e irémolo facendo gradualmente) en numerosas temáticas.

One Comment

  1. 18 / Xaneiro/ 2011

    Parabéns. Un traballón de sacar o chapeu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará