O valor dunha raia


Fotos: Sole. Sucos tintados dixitalmente.

Non se preocupen, que non imos falar desa sustancia estupefaciente tan de moda no Nadal que algunha mente quenturenta podería pensar ao ler o título deste post. Imos falar doutras raias. En concreto, desas raias cortas que vedes cortando o suco longo destes petróglifos. Están na Pedra das Tixolas, en Catoira [localización]. Esa pequena raia, que consegue que as formas rematen en cruz, é toda unha historia da nosa cultura.

Se te achegas aos sucos da pedra, pódese apreciar con claridade como un pequeno detalle, simplísimo, revela unha das máis profundas e decisivas transformacións culturais do país na súa Historia: o paso do politeísmo e dun mundo de crenzas ancestrais ao avance da relixión cristiá, pero tamén revela o proceso práctico e pragmático co que o cristianismo se asentou en Galicia. Se examinas, como digo, os sucos de preto, poderás ver unha lixeira diferencia. Os sucos dos círculos, coviñas e raias longas están feitos en U, é dicir, son máis anchos e desgastados, moitos deles feitos posiblemente por abrasión con outra pedra; en todo caso, revelan non só o desgaste, senón a antigüídade. Sen embargo, os brazos curtos da cruz son máis a pico, trazos feitos á presa pero en V, feitos cun punzón metálico. Alguén tomouse o traballo de realizar, ao carón desa laxe inzada de coviñas, sucos e combinacións circulares, na beira dun vello camiño de carro, unha pequena pero moi concreta acción: coutar o final do suco con outro trazo para así converter, cada unha desas formas, nunha cruz. Un esforzo tan sutil para acristianar un penedo que, de seguro, en época cristiá debía aínda ser punto de prácticas non aprobadas pola Igrexa oficial.

A cultura, ás veces, amósase literalmente nun único trazo: é o marabilloso universo dos símbolos visuais e o que transmiten. E ese trazo tamén nos revela a práctica habitual da Igrexa católica no rural galego: evitar a confrontación traumática entre as dúas relixións, e apostar pola asimilación dos antigos cultos. Apenas uns centímetros lañados na rocha. Todo un cambio cultural.

Nota: O concello de Catoira tendeu varias trampas atrapaturistas no camiño de acceso ata o petróglifo. Recomendo aos visitantes que examinen previamente a [localización] para evitar liarse demasiado no labirinto de pistas de Abalo. Por moito que queiran, as autoridades municipais non nos poderán botar!

2 Comments

  1. 25 / Decembro/ 2010

    Iso lémbrame ter escoitado que os nórdicos, cando se foron critianizando, resolveron os seus conflictos simbólicos (asimilar un deus sen deixar o outro) alongando cara arriba o mango do martel de Thor, de xeito que tiñan martelo e cruz, todo nunha.

  2. artabris
    29 / Decembro/ 2010

    Home non teño diante o petróglifo, así que non podo determinar se as liñas son contemporáneas ou como propós hai liñas posteriores, é dicir que o motivo tería dous tempos… de todas formas, o corpus de petróglifos vai aumentando, e xa se teñen rexistradas cruces protohistóricas (polo tanto non cristiás)con distinto significado polo tanto á cruz cristiá.

    En fin que non vexo cal é a razón para definilo como un petróglifo “cristianizado”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará