10 viños para quedar ben cos amigos

Estamos de ceas de Nadal e encontros cos amigos e familiares. Xa sabedes que eu son da teoría de que os grandes viños hai que catalos, como moito, con outras tres persoas; para estas ceas multitudinarias de Nadal para min é mellor ter viños de prezo máis accesible, que permitan disfrutar e beber sen a sensación de estar tragando euros, e que resulten ricos para un espectro amplo de xente. Así que aquí vai a miña selección de menos de 10 euros para as ceas de colegas e familiares!

BRANCOS

Albret Chardonnay. Non é doado de conseguir, pero este branco navarro ten unha magnífica estrutura, equilibrado e permite amosar unha faceta elegantísima dos brancos. 7 euros.

Casal Novo. A relación calidade-prezo deste godello de Valdeorras é imbatible. Un viño redondo que apetece beber e beber. 8 euros.

Lagar de Pintos. Un excelente albariño no que sobrancean as notas cítricas que lle dan un frescor vizoso e prolongado. A 9 euros.

Colección Costeira.Se o Viña Costeira é o viño de chateo da Vitivinícola do Ribeiro, o Colección Costeira é unha aposta por unha coidada elaboración da uva treixadura. O Colección non ten tanta acidez en boca coma o Viña, é menos encrestado, e gusta moito a padais neófitos. 9 euros.

Quinta do Buble. Un dos Monterrei máis elegantes. Fino, con notas complexas a froitas brancas. Un viño de cabeceira a 9 euros.

TINTOS

Quinta da Peza. A 5 ou 6 euros, esta mencía de Valdeorras está a un prezo magnífico. Pura expresión da mencía do clima das montañas orientais. Rico, saboroso, para todos os públicos.

Seis al Revés. Un viño moi pouco coñecido de Ribera del Queiles, con merlot e tempranillo, cunha boa estrutura, que se paladea e se gusta con tempo na boca. 7 euros.

Fontal Crianza. Castela a Mancha está a producir viños cada vez de máis calidade a prezos contidos. Este tinto de cabernet e tempranillo ofrece notas a vainilla e menta, supoño que pola madeira. Rico. A 5 euros.

Juan Gil. Eu son fanático da monastrell, pero ata o máis remirado/a acaba seducido por este viño sofisticado, complexo, estruturado de Alicante. A 8 euros. Do mellor en relación calidade-prezo.

Régoa. Un dos Ribeiras Sacra de moda. Ben proporcionado, cunha mencía característica de Amandi, este é un tinto básico, fresco, amante e amable para unha cea informal. 9 euros.

Ocórrense mil viños máis que recomendar, pero se tedes dúbidas ou queredes algo máis específico preguntade. De cavas e champagnes non me preguntedes, porque non teño nin idea. Aínda non me metín nese mundo. Do resto aínda me defendo. :-)

17 Comments

  1. 7 / Decembro/ 2010

    Iso de que “ata o máis remirado/a acaba seducido…” púxome a lingua presta para probar o Juan Gil que propós.
    E xa sei que a escolla é complexa entre cinco; pero xa que falas de que podemos querer algo máis, pregúntome cal Ribera del Duero meterías na selección.

    Saúde e bos brindes

  2. 7 / Decembro/ 2010

    Acojonante!! Nin mención a Riberas de Duero ou Rioxas, con un par… si señor.
    E que me dis dun Sirah puro como “Parvus”?

  3. erre
    7 / Decembro/ 2010

    Apúntoos todos. A foto… prefiro as de Sole ;-)

  4. 7 / Decembro/ 2010

    Adiantáchesme á miña petición, hehehe. Hai días que pensaba pedirche algunha recomendación. Son o encargado de mercar o viño para a cea de nadal. Xeralmente merco ribeira do douro (ata o de agora, é o que máis me gusta), tanto da denominación española como da denominación portuguesa,como o Curva, Quinta Seara…, pero este ano quería variar un pouco e probar cousas novas.

    Son fáciles de atopar?

    Un saludo

  5. ozzo
    7 / Decembro/ 2010

    Tamén gostei que a túa proposta sexa case unicamente de viños galegos.
    As miñas propostas: por cinco euros un Monterrei de Godello + Treixadura, Fraga do Lecer (Adegas Boo Rivero, en Vilaza) e en Ribeiro o meu favorito é Viña de Martín, de Treixadura e Albariña (Lois Rodríguez, A Arnoia) aínda que non bebín o de 2009. Deixo os tintos para outro momento.

  6. 8 / Decembro/ 2010

    Curracho, co JuanGil non tes problema e á xente vaille encantar. En Santiago, conséguelo en Valladares ou en Xabi.

    Ozzo, o Fraga do Lecer, grande (non sei se coñeces, pero fliparías coa idade do chavaliño enólogo). O viña de Martín é un dos grandes viños galegos, sen dúbida.

    Erre: ben sei que a foto non é do máis acaído, pero é que tiña que saír a toda pastilla a unha cea con amigos.

    Mañá xa comento algunhas referencias de Rioja ou Ribera. Simplemente, quería demostrar que hai un mundo estupendo alén desas denominacións, pero , por suposto, no interior delas tamén temos cousas interesantes. :-)

  7. 8 / Decembro/ 2010

    Orso, son un gran afeccionado aos syrah. Probaches os de Enrique Mendoza en Alicante ou os do Marqués de Griñón?

  8. 8 / Decembro/ 2010

    Curracho, menos o Albret e o Fontal, que son un pouco máis complicados, o resto non deberas ter problema nunha viñoteca de calidade.

  9. 8 / Decembro/ 2010

    A ver, o problema de Ribera del Duero é que están subidos á parra (aínda que agora baixan) e os prezos dos viños están por riba do seu valor real, ao meu ver. Viños que deberan valer por baixo dos 10 euros pasan dos 20!! Consecuencias dun 100 puntos Parker nas proximidades. Iso non quita que é unha zona magnífica de viños.

    Pero uns viños moi rico para probar de Ribera del Duero son os Lambuena. O tinto roble está a 5 euros e o crianza anda sobre os 11. Pedinlle ao Pingue Gourmet, que é de Valladolid, que nos deixe algún comentario aquí hoxe de viños de Ribera de menos de 10 euros.

    Na Rioja, por 11 euros tedes un gran viño, o Tobía Selección. Unha vía propia, moi coidada, que aproveita o mellor desa terra propicia para o viño. Un gran crianza de Óscar Tobía. Recomendadísimo.

  10. 8 / Decembro/ 2010

    Oído cociña!!
    O de Marqués de Griñón si que o teño catado quédame pendente o de Enrique Mendoza.
    Saúde

  11. erre
    9 / Decembro/ 2010

    Nin se lle ocorra tomalo como queixa, ben sabe que son admirador confeso do bló e do blogueiro e da fotógrafa habitual e (etc.). A foto ata me fixo coña por rara no bló.

    E do post, xa llo dixen, caralludo (e cos comentarios, quitando ese meu, medra, como sempre). ;-)

  12. 9 / Decembro/ 2010

    Erre, que ten toda a razón, arredemo, que a foto é de catálogo de Venca!

    XD

  13. 10 / Decembro/ 2010

    Einda que algúns non os coñezo, outros parécenme indispensabeis. Sempre dixen que na banda de 10 euros tópanse auténticas xoias, ben afroutados, ben con algo de madeira, a elexir. E moi acertado o consello, Sr. Gago, aconsellar viños de 20 euros e doado.

    Un pracer coñecelo!

    Cesar

  14. enrique castillo
    10 / Decembro/ 2010

    un saudo d.Parkergago.
    Sabe que el Fontal esta desaparecido en combate en Santiago,
    antes se podia encontrar en el Corte de Fontiñas,pero desde que
    “vostede” dio sus sabios consejos en un post,desaparecio de los
    “Liniales”,es mucho o si tiene que consultar usted al Oraculo,
    donde se puende encontrar “mas o menos “,graciñas.

  15. roman
    10 / Decembro/ 2010

    hola.
    Procuraré ser menos cascarrabias(cosas de la edad) en este comentario para que no te me enfades.
    Interesante aconsejar vinos de menos de 10 euros y arriesgado.
    Es de agradecer que las bodegas saquen vinos a 5 o 6 euros porque casi ni se cubren gastos.También sería de agradecer que muchos( alguno que citas en tu artículo)nos informasen de que el vino es comprado en la cooperativa y embotellado por ellos( alguno hay que lo hace, los menos).
    No me voy a meter en gustos personales, cada uno haría su lista y las coincidencias serían pocas, pero el Regoa no me parece un vino proporcionado, bien construido quizás.No es tampoco un representante verdadero de Ribeira Sacra ni de Amandi, ojo! no digo que es mal vino, pero característico de chile , coonawarra o valtuille.
    un saludo.

  16. xos
    13 / Decembro/ 2010

    Ola, hai pouco probei Viñas del Vero, tinto, un Somontano (Aragón) bastante agradable. O crianza anda en 10 euros. Ten fama o Enate, pero a min gústame este último

  17. xos
    13 / Decembro/ 2010

    “…gústame este último”. Erro, quería dicir o primeiro, Viñas del Vero. Entrada triunfal a miña para comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará