Un xantar de caza no Pazo de Andeade

Last updated on 25 / Novembro/ 2010


Fotos: Sole

O sábado estaba frío. Caían torrenteiras de auga. O andazo gripalleiro que percorre os tellados de Compostela tíñanos medio prendidos. Entre os prados de Touro, as árbores guindan as follas ao chan formando un fermoso pavimento efémero. Tamén montan a máis fermosa tona sobre a fonte do Pazo de Andeade. É un destes secretos gastronómicos próximos a Compostela que pouca xente coñece. Eu débollo a Uxío, que mo recomendou pola súa especialidade da estación: a caza.

O Pazo de Andeade [T: 981517359 / localización], do século XVIII, está construído coa aglomeración de edificacións propias dun recinto que foi residencia señorial e, sobre todo, explotación agraria; de feito, o lugar chámase, máis que pazo, Casa Grande. Un paseo de árbores leva ata a porta. E as partes de abaixo do antigo pazo son o actual comedor do establecemento. Un espazo próximo á antiga lareira, con escasa luz exterior, como eran antes estas cociñas: crea un ambiente moi tradicional, pero impediunos facer as fotos dos pratos (así que a imaxinalos).

Foi unha comida moi tradicional e gorentosa. Cocido prensado e xurelos en escabeche de primeiros, coello de caza con fideos e venado con castañas de segundo, para rematar cun par de tartas da casa. Cociña caseira, sinxela, ben elaborada; o coello preservaba ese sabor algo bravío que me gusta a min da caza, e o venado estaba tamén ben domeñado, un bocado de intenso sabor. Cunha botella de mencía (Cabo do Mundo) que non me acabou de convencer, máis cafés e chupitos, a conta saiu en 27 euros por cabeza. Un prezo moi, moi razoable.

A vintecinco minutos de Santiago, o Pazo de Andeade é unha bonita opción para degustar caza antes de que remate a tempada facendo unha rápida excursión no rural tourés. Chama antes, porque non sempre a teñen.

2 Comments

  1. Uxio
    24 / Novembro/ 2010

    Alégrome de que a recomendación valese a pena.
    Tamén che recomendo que vais a probar o cocido cara ó entroido. Vale a pena.

  2. Antón
    24 / Novembro/ 2010

    Boa contorna, boa cociña e millor xente…
    un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará