Santuarios no vento: un lusco e fusco en San Vicenzo

Todo o frío do mundo condensado neste cumio de ventos, na hora na que todo se confunde. Estoume afeccionando a isto de visitar castros entre lusco e fusco. E ten a súa chicha.

Avión é moito máis que casas de emigrantes mexicanos de dubidoso gusto. Este concello, no inverno, se baixas a el desde Pena Corneira, é como un mundo espeso de brétemas tupidas e enganchadas entre as forestas. A liña de espectaculares crestas de Pena Corneira, grises, granuladas nun día de espeso inverno como foi este sábado, son como unha procesión de xigantes, vistas desde aquí, segundo caemos co coche polos espesos bosque que volveron florecer en Avión desde unha das últimas masacres incendiarias. O val de Avión é unha profunda depresión na que sobresae, no centro, unha montaña, e no seu alto o que foi, seguramente, un antigo centro de poder. Un espectacular oppidum da segunda Idade do Ferro con impresionantes estruturas defensivas defendendo o cumio do monte e interaccionando estratexicamente coas liñas de penedos que baixan do cumio: o castro de San Vicente, ou de San Vicenzo [localización]. Un lugar moi pouco coñecido, sen escavar, que destaca polo excelente estado de conservación do seu sistema defensivo (malia a xentil, delicada e sutil intervención da CRTVG instalando o seu repetidor).


O Castro de San Vicente

Ao ver a perspectiva aérea do lugar, non podo menos que especular coa aldeíña, hoxe case abandonada, de San Vicente, aos pés das murallas. É inevitable pensar que os que antes estaban enriba, agora está embaixo, claro: a gran pregunta é se baixaron pola súa conta ou por que alguén os fixo baixar. E outra cousa máis: fixádevos na área que ocupan as edificacións da aldea actual. Atendendo ás diferentes dimensións das casas entre a sociedade tradicional e o tamaño máis reducido das cabanas castrexas, non podo menos que fixarme nun detalle: toda a aldea de San Vicente podería entrar no seu antigo castro.

Pero estamos no castro de San Vicenzo porque queremos ver algo que está no seu recinto superior. É case noite, e as sombras confúndense co que queda de luz. Vai frío, vai moitísimo frío, un frío insoportable que se mete por todas partes e estira a pel ata facela doer: pero este duro baixón percíbese cando subes ás murallas da croa. Como xa ten acontecido outras veces, o interior da croa, coas súas murallas caídas con respecto á altura orixinal, está abrigada dos tremendos ventos do oeste que baten contra o monte sen dar ningunha tregua. En canto subes ás murallas e aos penedos, o vento guíndate contra as bandas. Entre a auga que cae e o vento que empurra, camiñar polos altos do castro de San Vicenzo convírtese nun exercicio de risco.


Localización do “santuario”


Escadas tintadas dixitamente


Pía labrada


Furado para poste

Mesmo subir ao sitio que procuramos. Nun estremo da croa, beireada pola muralla, distinguimos nuns penedos cunhas escadas labradas polas que subimos con coidado, porque coa auga todo está esvaradizo e a penumbra xa vai chegando. Enriba hai cazoletas, pero máis adiante, nunha plataforma, hai pías artificiais. Unha delas, rectangular, e nas proximidades, outra pía que pareceu acoller un poste de madeira. ¿Ten esta escaleira a antigüidade do castro? É inevitable pensar noutros santuarios prerromanos, repartidos por toda Galicia, pero identificados como tales no norte de Portugal ou na Celtiberia, cunha estrutura moi similar: escadas que fenden a pedra, pías que converten a pedra nun espazo sagrado, e un lugar que parece o eixo do mundo, o vínculo entre a terra, entre as terras e o céo.

Aturo no alto desa plataforma pétrea o xusto: o vento aquí multiplícase, é tan tremendo, tan doloroso que teño que procurar, outra volta, o refuxio da croa, como se me botara para abaixo. En San Vicenzo hai máis petróglifos, varias pedras con pías aliñadas, noutra parte do castro. E no centro da croa, outro penedo ten adosada unha plataforma artificial de pedra moi estraña. E máis intrigantes cousas que hoxe, ao mellor, xa non están. Felisindo González recolle unha cita de Cesáreo Rivera da Gran Enciclopedia Gallega:

se encuentra una imagen de piedra, de 1 m. de altura y de probable factura bizantina, que equivocadamente es para los montañeses la estatua de San Salvador

Vaia vostede saber a que se referiría esta historia. Pero estamos no lusco e fusco, e o frío avanza, e a noite morde, e temos que marchar de aquí. Volveremos a San Vicenzo, a tentar saber máis deste impresionante lugar, cando a luz nolo permita.

3 Comments

  1. Pancho-lapatianco
    22 / Novembro/ 2010

    Outra magnífica e enriquecedora entrada.
    Esto de practicar o “castring” tenche algunhas tachas como o frío, toxos e algún desánimo, pero moitos máis premios e satisfaccións.
    E vaia outro castro con ¿catro? liñas de muralla. Supoño que me equivoco, pero pola estructura paréceme un castro do Ferro I con continuidade habitacional no Ferro II.
    En canto ó dos espacios de culto dentro castros, algo do que sempre se falou dende aquelas míticas interpretacións das croas como centros das prácticas relixiosas, parece que van tomando corpo gracias á evolución na interpretación destes lugares é o dos contínuos achados.
    E falas de Pena Corneira. Hai anos subín para ver os restos do castelo que ali houbo.¡Vaia espacio para a ensoñación!. Falta algún director de audiovisual que nos engaiole cunha historia mitolóxica feita entre estes penedos. Mentras tanto xa tarda Sole en ofrecernos algunha das súas fotos neste lugar.
    Otero Pedrayo dicía destes montes que en realidade eran as crestas do lombo dun dragón ou dinosaurio que alí abaixo durmía.
    Felicitacións.

  2. 22 / Novembro/ 2010

    certamente, Pancho, o castro de San Vicente podería ser un modelo da transición entre o Ferro I (o hábitat) e Ferro II (as defensas monumentais). Sería cuestión de escavalo para ver que contan as evidencias, pero por aí podería andar a cousa.

    Sobre o tema dos santuarios castrexos, lévase falando toda a vida, moitas veces con excesivo entusiasmo. O curioso é que temos numerosas aproximacións desde o punto de vista da historia das relixións, ou da lingüística, ou da historia antiga, pero a penas, no ámbito do noroeste, desde o punto de vista arqueolóxico, é dicir, sustentado en evidencias físicas que nos permitan determinar espazos, características, etc.

    A cousa está cambiando. Cando menos hai un grupo en Portugal e outro en Galicia que están con proxectos de investigación sobre santuarios da Idade do Ferro, partindo ou reinterpretando xacementos.

    No ámbito dos posibles espazos cultuais intramuros, case todo o temos entre aspas. Pero o tema da liminalidade que apunto aquí, dos elementos ubicados nas proximidades das murallas, fóra ou sobre elas, podería ir máis aló da sospeita. Penso nos elementos posiblemente sacros de San Cibrán de Lás, a inscrición de Iovi ubicada próxima á muralla oeste, ou o estraño podio da banda este. Ou a sauna de Borneiro xusto baixo a muralla, etc.

    Temos algúns datos máis sobre algo que nos estamos atopando nuns cantos castros non escavados que chegaron a nós en boas condicións, pero vounos reservar polo de agora. Non só por intriga, pero tamén. :-)

  3. Blanca G. Albalát
    16 / Decembro/ 2010

    Paresceme mou interesante, tanto o Castro como o posible santuario. Pero xa que andades pola zona, reparade na pena Corneira que tamén é un lugar sagro. Saúdos . Branca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará