Narices cegas, padais rápidos

Last updated on 22 / Novembro/ 2010


Fotos: Sole

É o único concurso global de cata para afeccionados que se organiza en Galicia, e posiblemente unha das operacións de marketing e branding máis orixinais e ambiciosas do viño galego. O Concurso Cata Entre Amigos 2010, da cooperativa Vitivinícola do Ribeiro (para entendérmonos, Viña Costeira), xuntou hoxe nas instalacións da adega a 16 equipos de competición procedentes das cidades galegas, bastantes cidades españolas e mesmo un chusco equipo de Nova York. A liada en total foi ben grande: 2153 persoas participaron no concurso nas súas diferentes fases.

Durante máis dunha hora, os afeccionados enfrontáronse a 9 viños (3 brancos, 3 tintos e tres doces) catados a cegas dos que tiñan que identificar denominación, varietal principal, marca e anada. Aí é nada. Durísimo se te confiabas unicamente nas túas capacidades gustativas: podíanse obter un máximo de 90 puntos e o equipo gañador -da cidade de Pontevedra, uns cracks– chegaron a 47. Sobre todo tendo en conta que entre os viños que había que identificar, canda os viños da Adega Costeira, os de Muga e os de Chivite, había xoias foráneas -máis difíciles de obter e, polo tanto, de coñecer- como un “Y” de Yquem 2007, un Pavillon Rouge 2007 do Chateau Margaux ou un Cyprès 2006 do Chateau de Climens. Todos viños producidos nas rexións polas que pasa o Camiño de Santiago desde Burdeos ao Ribeiro. Que queren que lles diga: a min o que me gustaría sería botarme a esas mesas a catar a cegas, pero non puiden. Era o padriño do equipo compostelano.


O xurado contando as puntuacións. Foto: M.G.

O positivo, pola contra, foi meterme no meollo do xurado e de como se artella un complexo concurso de cata para afeccionados. Tamén catar furtivamente algúns deses grandes viños co que quedou das probas. Quédense con este nome para un día que lles toque a lotería, que eu xa o marquei para cando me toque a min: o Cyprès de Climens: un Sauternes complexísimo, con notas de madeira ben integrada, frescura, botrite, carburos case de Riesling, e mil matices máis. É a segunda marca do Chateau do mesmo nome. “¡E como será a primeira marca”, dicíame Manuel Castro, enólogo da adega, encantado. Anda sobre os 85 euros a botella.

Que unha cooperativa de máis de 700 labregos -que é a principal empresa da comarca do Ribeiro- artelle un concurso global deste tipo para darlle novos pulos ás súas propias marcas ten moito, moito mérito: tradicionalmente consideramos ás cooperativas vinícolas como axentes un tanto conservadores na forma na que venden e crean viños; aquí, en Ribadavia, por moitos motivos, as cousas son distintas. Se cadra canda Estrella Galicia, Viña Costeira é das empresas do sector da alimentación e bebidas que apostan por crear, en certo xeito, unha comunidade ao redor dos seus produtos, a través dunha acción que é moderna pero vai na raíz máis galega da organización de eventos xuntar á xente ao redor da gastronomía local e o viño do Ribeiro; agora ben, desta volta explotando o universo cultural da zona. Non tedes máis que ver como foi a cea de ‘entrenamento’ da noite anterior.

Quédome do día, con esa estampa: os catadores metendo o nariz ata o fondo, comentándose en voz baixa, como se falaran dun segredo de Estado, as súas especulacións sobre que varietal e que terra están dentro do cristal desa copa; separados os equipos por unha cortiniña publicitaria, de bo rollo pero en plena competencia. Ver a todos estes afeccionados de todas as idades exprimindo a súa paixón polo viño é unha gozada. Que isto se faga no Ribeiro, moito máis.


O equipo de Pontevedra, gañador dunha viaxe de enoturismo de luxo por Burdeos, Rioxa e o Ribeiro.

5 Comments

  1. erre
    20 / Novembro/ 2010

    Boísimo. Mágoa non ter feito un equipo da contorna aínda que fose para ir quedar de últimos…

  2. 21 / Novembro/ 2010

    Que bo! Xa esquecera que eran as datas da final. Eu participei na edición do ano pasado e chegamos á final como representantes do equipo da provincia da Coruña. E, casualidades da vida, tamén gañou o equipo de Pontevedra.
    Aprendín moitísimo ao longo dos case catro meses que dura todo o proceso do concurso. Foi unha mágoa que este ano non conseguísemos facer equipo no bar ao que representamos en Ferrol o pasado ano.

    Que grandes recordos trae!!

  3. 21 / Novembro/ 2010

    Erre, pois mágoa porque o equipo de Ourense fíxoo moi ben: quedaron de segundos clasificados.

    O certo, Cristina, é que se non estás acostumado, o concurso obrígate e prestar atención a un montón de matices dos viños para distinguilos. É un exercicio estupendo. :-)

  4. 28 / Novembro/ 2010

    En uns días penso colgar no meu blog a experiencia dinde dentro.
    ¿Pódolle pedir prestadas as fotos??

    Parabens polo traballo.

  5. 28 / Novembro/ 2010

    Ola, César, non hai problema, simplemente tes que acreditar a autoría (Fotos: Soledad Felloza).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará