Oooooooooooonnnsss!

Last updated on 3 / Novembro/ 2010


Fotos: Sole

Alerta, señores e señoras! Ventos de trinta e pico nudos na canle entre a Lanzada e Ons! Alerta vermella! Maruxía tirando a marexada!


Aí deberiamos ter comido!

Os blogastrónomos queriamos celebrar a XIII Xantanza nun lugar moi especial: a Illa de Ons. A única illa con presenza humana permanente (agás os fareiros) do noso litoral, un lugar mítico, máxico e cun dos mellores produtos do noso mar e con certos trazos peculiares na gastronomía. O vento non estaba pola labor, pero para todo hai apaño. Ás 19:30 h. da tarde anterior, o comité de crise improvisou a solución.

Lola, a cociñeira da mítica Casa Checho da illa de Ons, o seu fillo Pepe, o seu home e a súa comadre, cargaron tarteiras, cargaron percebes, cargaron o polbo de ons, a fariña de millo, as zamburiñas, o porco salgado, os grelos, as patacas, a nébeda, todo, e instalaron o campamento nun restaurante de tempada na parroquia de Noalla, pechado no inverno. Alí, recluídos tralas grandes cristaleiras, disfrutamos do menú. Fóra batía o vento, a choiva, que mellor para que preste un bo cocido! Unha foto da illa de Ons presidía o xantar.

-Aquí collín os percebes -di o Pepe, o fillo de Lola, sinalando uns cantís do norte da illa na foto. Pepe é grandote e loiro, con certo aire normando, como se descendera dos vikingos que nalgún momento tomaron a illa como refuxio.

Claro, aplauso xeral entre a concorrencia ante os percebes de Pepe. Houbo quen mesmo os convertiu en pin identificativo!

Pepe traía os percebes en tandas, cubertos co paniño coma bebés para que non enfriaran. Percebes de intenso sabor atlántico. Antes deles, unha empanada milla de ¿zamburiñas? ¿vieiras? Houbo quen dubidou, e non sen motivo. Unhas magníficas pezas de zamburiñas nunha empanada que se desfacía na man. Ah, e antes, unha demostración verde: Santiago Pérez presentoulles aos participantes unha mostra das súas baby leaves da Finca de los Cuervos cunha vinagreta chegada a correr do restaurante Culler de Pau e alí arrincamos cun viño biodinámico, absolutamente atípico no contexto do Salnés: albariño de chan arxiloso. O Pedralonga confírmaseme como un dos brancos máis singulares da costa galega. Non o ceibamos durante parte do xantar.

O polbo de Ons chegou de seguido, con ese sabor intenso, concentrado que ten o polbo de costa. E de alí, un cocido ao estilo das rías baixas, coas súas fabas e as súas patacas tamén chegadas da leira de Ons, como nos sinalaba Pepe no mapa. Proximidade, tanxencialidade, confluencias. Grandísimo.

E chegou a néveda!


Lola con Mónica contándonos os usos da nébeda

Que queredes que vos diga? Das cousas que máis me apetecía probar era a influencia da humilde nébeda (Nepeta cataria), unha prantiña salvaxe da familia das mentas, que medra nos camiños galegos e que no seu tempo empregouse por todas as Rías Baixas como condimento.

Hoxe Ons é un dos poucos refuxios nos que sobrevive o uso da nébeda como condimento culinario. Lola bótalle nébeda aos deliciosos bolos do pote que acompañaban ao cocido, pero tamén ao pantullo.

Os postres. Que postres! Lola é moi coñecida pola impresionante empanada de mazá que prepara. Pero tamén nos ofreceu o pantullo, ou bandullo. O postre feito a partir das tripas ou o bandullo do porco, dentro do cal asábase unha masa doce…gustoume, aínda que non era ese pantullo, metido no intestino groso do animal, que facía a miña avoa…seguireino a procurar. Mención importantísima, esa tarta de queixo que fai Lola. Os que somos tartadequeixófagos, aquelo era supremo.

A nébeda. Non me puiden resistir a galeguizar o gin tonic. Fun dos poucos privilexiados que puiden engadir algunha folliña da lendaria e ancestral nébeda a un delicioso Mombasa, un gin tonic premium xentileza de Gadis. Señores, a nébeda galaica quédalle de marabilla aos GT. Xa estou tardando en ir collela ao monte!

Na foto de familia os blogastrónomos non diciamos nin chiissss nin pataca. Entre gargalladas, con Lola e a súa familia, sinalabamos para a foto que presidía o noso xantar, o eixo central desta pequena historia de temporal e alerta laranxa.

-Oooooooooooonnnnsss. Oooooooooooonnnnsss.

E aquelo soaba coma un mantra gastronómico. Unha reivindicación das nosas Illas: o territorio máis querido no imaxinario do país, berce de fantasías, relatos e historias.

Foi un pracer compartir esta XIII Xantanza, con tantos risos, gargalladas e encontros, con tanta xente nova que acudiu a través da convocatoria aberta, así como agradecer a Mónica Novas a complexa organización do evento. Rematamos moito máis tarde, nun periplo que nos levou ata as escavacións da Lanzada, o Vinilo do Grove e o Muíño da Charca en Dena. 14 horas de Xantanza cheas de grandes momentos.


Atendendo as incesantes necesidades dos asistentes


Sufrindo as inclemencias do outono galego


Foto de familia dicindo “Ooooooonnnnnsss!”. Clicka aquí para ver en grande

Cun mencía Casa Moreiras, cafés, etc., este magnífico xantar tradicional saiu en 40 euros. Si, repito, en só 40 euros. Xa me está tardando a seguinte. E asegúrovos que se están a cocer divertidísimas experiencias gastronómicas.

Outras visións: Colineta, ACITC, De pinchos (os pinchos previos)

5 Comments

  1. 1 / Novembro/ 2010

    caramba xa levades XIII xuntanzas
    magnifico

    sau2

  2. Antón Porto
    4 / Novembro/ 2010

    Curioso. Aquí a nébeda só se usa combinada co fiúncho para cocer as castañas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará