Abacería “O Batuxo”: un bo lugar para xantar cando exploras a Ribeira Sacra luguesa

Na zona de Chantada non hai demasiados sitios interesantes para xantar, aínda que na área de Belesar -a máis fermosa paisaxe do viño de Europa– temos dous ben chulos e de caracter ben diferente: a Adega do Veiga, da banda oeste do río, rústica, familiar e tradicional, e a Abacería “O Batuxo”, na banda leste. Tiña moitas gañas de probar este último, desde que unha vez que paramos alí a refrescar o padal despois dun roteiro de sendeirismo, sentimos ao cociñeiro explicarlle a outra xente, cheo de amor polo produto, como collera uns cogumelos esa mesma tarde no monte e pensaba cociñalos con xerez pola noite. Boas vibracións.

A Abacería “O Batuxo” [T: 622262293 / localización] está situada á entrada do lugar de Belesar, no Clube Náutico. A súa decoración é un tributo á cultura fluvial chantadina, con fotos e detalles de cando o río era un espazo de traballo: trátase dun local decorado en tonos escuros, con moito gusto, sobre o propio curso do río. Alí sírvense pratos de base tradicional cunha presentación actualizada e en xeral cunha boa elaboración, aínda que ao meu ver aínda lle falta acento local, recoñecer que estás comendo na Ribeira Sacra e en Chantada. Pero os pratos están ben resoltos, o produto é de calidade, o ambiente é óptimo, e manteñen un prezo razoable, sobre uns 20 euros por persoa.

Moi recomendable antes ou despois de visitar esa marabilla que é o Cabo do Mundo [localización]:

Recomendo admirar a volta do río desde a Abadía da Cova, que ten as mellores vistas sobre o sitio. Moi próxima está a antiga igrexa románica do priorato de San Xoán da Cova.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará