Santa María de Pesqueiras: outro tesouro da Ribeira Sacra

Last updated on 15 / Outubro/ 2010


Fotos: Sole

Santa María de Pesqueiras, coñecida hoxe polos parroquianos como a Igrexa Vella, queda hoxe agochada no medio dun bosque que cae sobre o encoro de Belesar. Aló, entre soutos de castiñeiros e unha vexetación exhuberante, están os restos deste antigo mosteiro de monxas bieitas que foi parroquia e hoxe é un fermoso e solitario lugar. Os veciños de Pesqueiras ergueron unha nova igrexa nos chans de enriba.

A este lugar chégase por un delicioso paseo entre viñedos outonais e soutos espesos de castiñeiros que parte desde a estrada que baixa desde Asma ata o encoro de Belesar [localización]. Xusto cando chegas, pregúntaste por que estaría aí ese mosteiro. E atópaste con esta pía marabillosa.

Dáme a risa. Mal das Pías™ is coming. Posiblemente sexa a base dunha cruz ou cruceiro. Ao fondo, aparece a igrexa.

O lugar é absolutamente ensoñador. A fachada principal é austera e adusta.

Un non agarda o que lle espera cando das a volta, e aparece a serena fachada romanica, co seu pórtico, os seus bonitos ventanais, o ábside que se confunde co bosque. A un grupiño de vascos deixáronlles a chave da igrexa na aldea, enriba, e xa se escoita como se abre a porta grande. Trala escuridade inicial, o recio edificio aparece baleiro -todo o mobiliario subiu para a igrexa nova- pero o noso abraio aparece tras uns cortinóns semitransparentes que separan o presbiterio da nave.

Alí hai uns moi ben conservados frescos do século XVI, dos mellores que teño visto na Ribeira Sacra. Os soldados romanos que gardaban a tumba de Cristo durmen mentres o fillo de Deus esperta. Da outra banda, represéntase o Xuízo Final. As pinturas, vivísimas, son das mellor conservadas na Ribeira Sacra, unha fermosura feita cunha mestría superior á normal nestas pequenas igrexas románicas, mesmo xogando cos volumes da antiga fábrica románica para facer desaparecer a escada pintada por detrás deles. A luz que entra polas estreitas fiestras vén cargada do verde destas follas de castiñeiro que xa van tornándose douradas.

A Ribeira Sacra é inesgotable. MIra que a levamos visitado veces, pero nunca remata de sorprendernos cun patrimonio inmenso.

Nota: se vas pola indicación que eu sinalo [localización], no momento de entrar pola pista por inercia vaste meter na bifurcación polo camiño da dereita, onde está situado o panel sinalizador. Erro. Teste que meter pola pista da esquerda.

6 Comments

  1. 11 / Outubro/ 2010

    Otro sitio para conocer, Gracias¡

  2. Norte
    12 / Outubro/ 2010

    Bueno, a ver se desta vez entra o comentario

    A principios de setembro fixen esta ruta:

    http://www.elcorrelimos.com/elcorrelimos/Os_Codos_do_Belesar.html

    que pasa por Santo Estevo de Ribas do Miño, pola antiga calzada romana e e tamén chega a esta igrexa.

    Ten un enlace para descargar o track GPS por se a alguén lle interesa.

    Hai que joderse, son os vascos os que veñen coa chave, mentras que nos xa bo é se damos coa igrexa.

  3. 13 / Outubro/ 2010

    Grazas, Norte!

  4. 19 / Febreiro/ 2018

    Chegar á igrexa de Santa María de Pesqueiras é unha experiencia relixiosa! Eche un sitio ben fermoso!
    Iso si, o de chegar e non ter chave para visitala xa non é tanto!
    Por certo, onde é que se pide a chave para poder visitala? Máis que nada para a próxima visita non pase o mesmo.

  5. 19 / Febreiro/ 2018

    hahaha!

    Na aldea de arriba. O ideal é que preguntes se ves alguén porque a ten (como sempre) unha señora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará