A Fortaleza do Galiñeiro: o impresionante refuxio de guerras esquencidas

Last updated on 21 / Febreiro/ 2011


Fotos: Sole

Os vellos de Vincios chamábanlle ao Galiñeiro o Pico das Sete Camisas, porque no inverno vestíase sete veces de de neve. Aínda que a temperatura global do país subíu nas últimas décadas, este lugar continúa a ser un espazo de metereoloxía bravísima na que ata ao toxo lle custa medrar. Estamos a case setecentos metros de altura, e estou alucinando con todos os meus sentidos ante o que aquí vemos.

Cando comezamos a República de Homes Libres, e non sabíamos que procurabamos a aventura, non tardou en saír a referencia ao Galiñeiro. Ao norte do monte Aloia de Tui, seguindo a serra, no seu estremo contrario, permanecía unha fortaleza pouco coñecida, e tan enigmática coma o Aloia e o Castro Valente. Co Aloia e outra fortaleza máis, o Faro de Budiño, compartía outra característica: case voa sobre a Depresión Meridiana, o corredor xeolóxico que permite facilmente chegar desde o Miño ata o interior da provincia da Coruña sen grandes obstáculos orográficos.

Para preparar a conferencia de Pontevedra, decidimos avanzar nesta secuencia de fortalezas do sur, das que comezamos a ter hipóteses máis ou menos elaboradas sobre a cronoloxía. Ao subirmos ás penedías do Galiñeiro, atopamos un lugar fascinante, duro, pero no que se percibían facilmente as estruturas defensivas. A este pico, o Galiñeiro Norte, chámase o Couto do Demo -moitos nomes infernais teñen estes castelos. Aquí tes a súa localización.


Fotos: Sole

Entre enormes penedías de gneis alí enriba hai unha fortaleza tan descoñecida como de enorme relevancia. Aquelo non é un castro. E non se parece en nada ás pequenas e circulares motas e castelos roqueiros que estudamos ao final da Alta Idade Media, nos séculos VIII ou IX. Aquelo é grande -aínda que é moito máis pequeno que o Aloia ou o Castro Valente-, pero sobre todo é maxestuoso. Imaxinen unha grandiosa formación natural, de enormes penedías de gneis cortadas no interior, formando como canles de herba que se conectan entre si, e cada unha destas canles bloqueada en cada estremo por unha muralla que bloquea o paso. Polo seu lado oeste, a caída é de vertixe, e as murallas foron formadas de xeito alucinante. As xentes que crearon este lugar cortaron as laxes de penedías e debruzáronnas e acumuláronnas monte abaixo, formando como murallas sucesivas que bloquean un lugar inaccesible.


Canteira para o muro ciclópeo do Leste.

Pola contra, na súa banda Leste, que é a máis visible, os construtores da fortaleza crebaron as laxes, arrastraron pedras ciclópeas, formaron unha muralla estruturada con laxes enormes: aquela parte debía ser vista por quen chegara ata alí. Como sempre nos castelos que exploramos desta época -tardorromana e xermánica- a cara máis visible adquire un sentido moito máis monumental. Un camiño angosto parece subir pola valgada do sureste. A canle de acceso está protexida por unha doble muralla -que parece de factura anterior, máis antiga que o resto do muro-.

Percorrendo estas valgadas rodeadas de enormes penedías chegas, na zona norte, a un lugar no que resisten algunhas edificacións anexas á muralla e un corredor que serpentea entre elas. Algunha edificación aínda está en pé, pero podería ser posterior ao mesmo recinto. Distínguese outras dúas, cando menos. Parece estar na parte máis refuxiada dos duros ventos que deben zoar indomables aló enriba. Xusto embaixo, e cinguindo as bandas leste e sur, os ollos máis avezados distinguirán unha plataforma circundada por un muro que podería ser unha segunda liña de muralla ou algún tipo de peche perimetral de todo o recinto.

O escenario é salvaxe, cinematográfico, obrígate a estar calado. Por baixo noso están terras e montes de Vigo e o Val Miñor. A costa de Baiona enxérgase con facilidade, pero calquera persoa decátase de que este lugar, lonxe de todo, non era só unha atalaia. Voulles soltar unha teoría: este é un refuxio, un lugar ao que subía moita xente nun momento de perigo tremendo. Non sabemos como resistirían un asedio de tempo: non localizamos aínda un alxibe ou algo similar, pero este castelo non se pode defender cunha pequena guarnición. Imaxínome familias enteiras aquí agochadas ante a presenza dun enemigo profundamente hostil. Cremos sentir os seus pasos, os seus refuxios e acochos. Case cremos sentir o perigo. Gustaríame porlle nomes e tempos a todo isto.

O paramento do muro -o único resto que nós podemos ver, que podemos comparar- parécese moito ao do monte Aloia. Parecería mesmo pertencer á mesma época. Antigas gens, antigos pobos prerromanos que ante a caída do Imperio Romano volven cobrar sentido como entidades políticas e, sobre todo, defensivas. Algunhas partes do muro requiren un investimento en recursos humanos moi elevado. Esta fortaleza foi feita para durar, e aínda que o tempo levoulle moitas pedras, durou máis de mil anos. E aínda voume tirar un pouco máis á piscina: baixo os pés desta fortaleza, ao Oeste, está o impresionte petróglifo de Auga da Laxe, coñecido polos vellos como a Pedra das Procesións, onde vinteseis armas prehistóricas están esculpidas nun dos conxuntos de petróglifos máis importantes do país. Quen sabe se, de algún xeito, este impoñente Castelo Baleiro tivo algo que ver -nalgún momento da súa historia- con ese máxico lugar.

A Fortaleza do Galiñeiro posiblemente sexa o Castelo Baleiro máis espectacular co que nos teñamos atopado na nosa aventura, ata o momento. Un lugar ao que non tardaremos en volver.

NOTA: Para explorar o lugar veume moi ben o excelente documento descritivo que Pablo Álvarez Yáñez realizou sobre o lugar e que podedes consultar en liña. Grazas, Pablo!

NOTA 2: (21/02/11)
Para facilitar a comprensión da importancia deste xacemento, ameazado polo proxecto de construción dun parque eólico, un grupo de afeccionados e profesionais do patrimonio elaboramos un documento divulgativo que podes consultar aquí.

O Castelo do Galiñeiro

9 Comments

  1. arume dos piñeiros
    20 / Setembro/ 2010

    Desde a miña fiestra do despacho vexo espléndidos os dous curutos, ao modo do Parnaso, dese monte. E desde alí arriba pareces suspendido no ar sobre a ría de Vigo, o Val MIñor e a inmensidade do Atlántico. En días algo claros, aínda vemos Long Island.

  2. 20 / Setembro/ 2010

    Por certo, aquí hai un excelente estudo de Vázquez Varela sobre a Pedra das Procesións, un petroglifo que puido estar en uso durante moitos séculos, según o autor.

    http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=717143

    Aínda que a gran espada lévanos ao Bronce final, a existencia dun campo de mámoas próximo fainos pensar en que todo ese espazo foi relevante durante moito tempo. Aínda que os materiais de arriba, da fortaleza (tégula, paramento da muralla) lévannos ao mundo romano, como digo, non me estrañaría nada que ese lugar estivera en uso antes e chegase a ser, de algún xeito, ‘contemporáneo’ de cando a Pedra das Procesións estivo ‘activa’ como espazo cultu(r)al.

  3. 20 / Setembro/ 2010

    Joder! trinta anos subindo polas suas rochas e… so mirando a fenda na que te agarras e, nos dias limpos, a Curota e máis alá.

  4. 20 / Setembro/ 2010

    Antonio, a moita xente lle pasou estes días cando llo comentei, o cal é basicamente normal. Hai que estar acostumado a localizar no monte as murallas. E xúntase outra cousa, no Galiñeiro. A parte máis espectacular e recoñecible da muralla está hoxendía camuflada entre as dúas vías de acceso ao cumio: a histórica e a do roteiro de sendeirismo. Así que é normal que sorprenda.

  5. Telmo
    20 / Setembro/ 2010

    Hai uns días estiven por alí arriba nun día precioso facendo sendeirismo cuns amigos. Sabía da existencia da muralla pero non tiña clara a súa cronoloxía. Grazas pola información. Todo o que sexa coñecer algo máis do noso pasado atraeme moito.

  6. 21 / Setembro/ 2010

    Andrés, creo que é un complemento excelente para poñernos en época e en situación. Eu só vin anacos e fragmentos, pero agora me das unha oportunidade para vela enteira. :-)

    A cronoloxía con todo, mentres non haxa escavacións arqueolóxicas ou localicemos máis datos, hai que collela con alfinetes, porque nos movemos dando paus de cego. O asunto é ben distinto se sucede ao final do Imperio Romano (pero cando aínda existe) ou se foi construído xa ao principio ou ao final do reino suevo…Todo iso non o sabemos (e daría algo por sabelo). Pero confío en que non tardaremos moito en conseguir datar con máis precisión algún destes lugares. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará