“Cucina in base alle persone”

Last updated on 20 / Setembro/ 2010


A vila de Morano Calabro. Fotos: Sole

Xa chegamos ben de noite para o que son os horarios italianos. Pararamos a durmir nunha casa enorme, o agriturismo La Fontanelle [localización](a versión italiana das casas de turismo rural, pero sen pedra nas paredes, cando menos as que eu teño visitado), cabo de Morano Calabro, unha viliña aos pés dun parque natural, que se empoleira nunha aba desde o castelo suevo-normando (si, suevo). O propietario xa nos avisara:

-Aquí todo é local, eh? Todo é sinxelo e próximo. Della casa.

Na cociña había unha batafoula tremenda, moito máis que no comedor. O negocio, familiar, tiña na comanda dos fogóns a Rossella, a mamma. Desa cociña comezaron a saír uns antipasti deliciosos. Alí descubrimos a caponata, unha ensalada con berenxenas, tomates e olivas que é unha delicia. Con xamón da casa e outros pequenos picoteos, chegamos á pasta, unha sorte de penne alla arrabiata. Sole deuse conta dun detalle. A moza trouxéranos dous pratos, un deles considerablemente máis cheo que o outro. ¿Adivinades cal estaba máis cheo? O meu, claro.

-Confundiríanse -dixen.
-Xa verás como non -contestoume Sole, que xa entendeu desde o primeiro momento que pasaba.

De segundo había carne. Unhas chuletas. E outra volta o mesmo: a min trouxéronme unha tamaño xigante, mentres que a de Sole era moito máis pequena.

-Está todo ben? -preguntounos a camareira. Había que preguntarllo.
-¿Por que os pratos teñen diferente cantidade de comida?
-Ben -contestou ela- é que Rosella fai una cucina in base alle persone.

O inusual do asunto fíxome moita graza. Rosella víranos a diferencia de tamaño e dosificara os pratos no que ela consideraba que precisabamos cada un de nós, como moitas veces fan as avoas e as nais nas casas. O certo é que ambos os dous ficamos saciados, pero a cuestión non deixaba de ser intrigante. Se Sole fose a grande e eu o pequeno Rosella tamén tería empratado coas cantidades ao revés? Quero pensar que si. E cismei en canto máis razonable sería o asunto deste xeito, e que moita menos comida se destragaría, como acontece na actualidade. Ver volver fontes medio enteiras para a cociña de suculentas comidas que non diches rematado pola esaxerada cantidade é unha mágoa e un destrago que sempre me pareceu innecesario.

Se cadra a señora Rossella teña razón, e un dos desafíos da gastronomía moderna sexa conseguir volver a unha cucina en base alle persone, máis razonable e próxima ao comensal. O asunto depende dos cociñeiros, pero tamén dos comensais, que ás veces dan por suposto que saír a xantar fóra da casa debe por norma significar volver a rebentar.

One Comment

  1. anónimo
    17 / Setembro/ 2010

    É vostede un fenómeno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará