Unha subida aos Infernos

Last updated on 14 / Setembro/ 2010

Cando entras nunha habitación en penumbra, a primeira sensación é de negrume e cegueira. Cando os ollos se van afacendo á escuridade, comezas a intuír, e logo a ver con máis claridade, as formas do interior, ata que consegues, en función da luz existente, comprender mellor o espazo no que te atopas.

Coa aventura cultural da República de Homes Libres pásanos o mesmo. Na nosa visita destes espazos abandonados nos confíns e nas cimeiras dos montes occidentais de Galicia metémonos nun espazo e nunha cronoloxía cultural chea de incógnitas. Coa visita a máis e máis sitios, comezamos a localizar cousas en común entre eles, e iso é bo. Chámase cronoloxía comparada. Mentres non se escave ou non teñamos máis indicios, non sabemos a que época pertence algo, pero si que algúns xacementos con solucións arquitectónicas similares poden pertencer ao mesmo esquema cultural, ou á mesma época que outro lugar de similares características, claramente diferenciadas do resto de xacementos do obxecto de estudo.

Hoxe imos falar diso, dunha estraña tipoloxía que nos ten desconcertados, pero que está aí. En Tourón, concello de Pontecaldelas, está un dos conxuntos arqueolóxicos mellor musealizado do país: os petróglifos do monte de Tourón. Coa iniciativa veciñal e municipal, unha ladeira prodixiosa, chea de rochas inzadas de arte rupestre, está acoutada e coidada, cun roteiro que permite apreciar os petróglifos en toda a súa fermosura. Cazas de cervos, fascinantes motivos labirínticos, mesmo un posible chamán aparece nunha rocha.

Pois ben: a nosa historia sucede moito máis enriba que ese petróglifo. Nos Infernos. Rebasando a demarcación dos petróglifos, hai que chegar aos chans que están na parte alta do monte, inzado misteriosamente por toponimia con referencias aos mouros, a raza mítica de Galicia. Hai que deixar atrás a misteriosa Eira dos Mouros e seguir subindo, e máis e máis enriba. O cumio máis elevado ten o sonoro nome de Coto dos Infernos. Non hai aparente camiño para subir, pero colocándose na banda leste, desde a pista, debes esforzarte en mirar a ladeira.

Nun momento, outra vez como vendo na penumbra (desta volta verde e granítica) distinguiredes unha alteración no monte, unha sutil liña de cambio na caída dos cons, xestas e fentos. É un camiño de lousas de pedra que sube, serpeando, ata o alto do monte, o cumio máis alto, a 624 metros de altura. Aproveitade, porque non creo que o camiño dure moito tempo aberto (se é que aínda segue aberto tras este verán caluroso).

O que hai arriba é estraño e chamativo. Primeiro un prado no que se atopa unha cabana aínda en pé, se cadra por estar aguantada por unha rocha. Non creo que sexa, tampouco, un refuxio de pastores: fica incómodo con respecto á ubicación de posibles pastos máis abaixo. Pero máis arriba, xusto no cumio, aparece isto:

Un muro perfectamente circular cingue o cumio do monte, protexendo unha mínima superficie de vinte metros de diámetro. Á entrada, podedes ver este entrada enlousada e, ao carón del, un curioso e enigmático “corpo de garda”, aínda en pé. As vistas desde aquí son alucinantes, e chegan, coma sempre nestas exploracións que facemos, ata o mar; coma sempre, ver o mar parece un dos elementos determinantes para decidir, quen fora que fose, a localización deste lugar. Pero hai máis. En varias pedras, coma sempre desde que estamos explorando estes castelos, atopamos algúns penedos cunhas interesantes cazoletas artificiais, mesmo como se fosen pequenos muíños incorporaros nas rochas. A construción dunha casota forestal no centro mesmo desta pequena fortaleza debeu alterar algo o interior, pero todo se atopa moi ben conservado. Isto non é un castro. Pero tampouco hai nin un miserable anaco de tella. Non hai quen ubique a cronoloxía deste lugar. O “corpo de garda” parece ser tamén unha solución noutros xacementos. No Castelo de Monte Vilar, en Dodro, sobre un parapeto de terra tamén está ubicado un recinto circular. Raro.


Pías artificiais feitas ao carón da muralla.

Pero aquí, no Coto dos Infernos, hai algo moi interesante.


Derrubo da muralla tintado dixitalmente en vermello

Desde ese couto ollamos enfronte, outro picacho, denominado nos mapas como Outeiro dos Mouros; logo descubririamos que ten en realidade o sintomático nome de A Ciradella (de ‘civitatelia’, cidadela en latín). Ao observalo, de súpeto alucinamos: aquel outro couto de enfronte tamén tiña outra muralla. Tentamos chegar a el desde un mar de toxo, con gran dolor corporal. Agora entendemos o significado do ‘Inferno’. Case mellor o vedes en vídeo.

Alí enfronte da fortaleza do Coto dos Infernos hai outra fortaleza, ou algo similar. Un muro de pedra cingue a banda máis feble da Ciradella, e alí hai unha pedra caída que ten escadas labradas e no interior algunha pedra con cazoletas en liña (algo que ocorre noutros castelos, xa falaremos diso outro día).


A muralla da Ciradella

Seguindo a muralla aparece, sobre ela, os restos dunha pequena edificación, igual que no Coto dos Infernos. O estraño é unha cousa. Ambas as dúas fortalezas están no medio de ningures, nunha zona de altura especialmente dura, sen auga nin recursos agás o pasto, pero non especialmente abundante e non creo que de boa calidade. Eses dous recintos fortificados, un enfronte do outro, son contemporáneos? ¿Son de épocas distintas?

Aquelo é ben raro. Outro patrón da República de Homes Libres. Os castelos enfrontados.


Muralla no Pico Muralla.

O interesante é a existencia destes recintos circulares. O outro día subín ao Pico Muralla, en Rianxo. Alí enriba, practicamente desfeito, está o que debe ser un dos xacementos arqueolóxicos non megalítico a máis altura da provincia da Coruña. A 670 metros de altitude, atópase un pequeno recinto circular fortificado, tamén de 20 metros de diámetro ou mesmo algo menos. A clave de por que está alí só a descubres xusto cando chegas ao cumio, e non antes: desde alí vense as dúas rías, a de Arousa e a de Muros, en simultáneo. Só desde o cumio. O castro está case desfeito pola Administración, que chantou alí casetas forestais, antenas de radio e o que lle botaron. Pero o patrón de ubicación, as dimensións e o tipo de muro son similares. Mágoa que se cargaran o acceso: xógome algo a que alí tamén podería haber un corpo de garda.

A subida ao Coto dos Infernos énchenos, outra volta, de interrogantes. ¿Que é isto? ¿A que época pertence este tipo de recinto fortificado e circular dos cumios, cunha casa xusto á entrada?

E un detalle interesante. Ninguén escribiu sobre estes recentos. Mesmo nunha recente tese de doutoramento sobre os recursos castrexos da zona creo que o autor non chegou a subir enriba. Eu souben do Coto dos Infernos en concreto por Manuel Santos, a quen lle agradezo a referencia. Estes dous lugares suman un interesante peso arqueolóxico á xa privilexiada área de petroglifos de Tourón, que está douscentos metros monte abaixo.

Seguimos investigando.

10 Comments

  1. anxo
    12 / Setembro/ 2010

    A muralla 1250 metros de altitude?

  2. 12 / Setembro/ 2010

    Jarl. Lieime con outro texto que estaba escribindo. A Muralla tens uns 670 metros, que xa lle chegan. Xa está corrixido. Grazas por avisar.

  3. 12 / Setembro/ 2010

    No Pico Muralla estiven este mesmo verán, guiado por un amigo con casa en Porto do Son. O entardecer coa vista limpa das dúas rías foi un espectáculo inolvidábel.

  4. siso
    13 / Setembro/ 2010

    Interessantismo! Noraboa e adiante, que queremos mais!

  5. 14 / Setembro/ 2010

    Entrei porque agora que volvín quería mirar unha conferencia que seica darías en Pontevedra nestes días e me topei con este texto sobre Tourón. Non sei se me fago un lío cos topónimos pero hai un monte con 2 picos e cadanseu “castro” que pode ser o mesmo porque é en Tourón pero nós chamámoslle a Illa dos Mouros ou o Pé da Mó (/mua, /moa) ou mesmo Outeiro da Mó. Ten vistas sobre as dúas rías nos dias máis claros (Vigo e Pontevedra)e ten unha cabana semicircular contra unha rocha que creo que usaban ata fai pouco os gandeiros. Quédame dúbida se falamos do mesmo sitio, é perto da aldea de Mirón, de onde vén a miña familia.

  6. 14 / Setembro/ 2010

    Certamente deben ser eses dous picos, Giri, polo que te refires. Moi chulo ese topónimo de Illa dos Mouros. Na cartografía oficial aparece como Outeiro dos Mouros, se falamos do mesmo, pero o outro nome que ten da banda de Tourón é Ciradella, ou Ciradellas, que como digo tamén é un nome de resonancias ben arqueolóxicas. Como ti ben pos, iso de “castros” ben entre aspas. Por iso me refiro a eles como uns lugares bastante raros. Non teño nada claro que sexan castros, e creo que incluso teñen cronoloxías diferentes (construtivamente son bastante distintos).

  7. 24 / Xaneiro/ 2011

    Estiven mirando a cartografía e creo que non son os mesmos “castros” e están realmente perto. O antes que poida revisitarei a zona para asegurarme disto, se fose así, sería un sistema con 4 “castros” en mui pouco espazo. Os que digo eu están nos picos inmediatos dirección norte, pero terei que confirmar.

  8. 24 / Xaneiro/ 2011

    Si, Giri, ademáis hai referencias de mouros nunha penedía máis ao sur. Pero se vas por aló e confirmas o dos picos norte é un notición.

  9. 25 / Xaneiro/ 2011

    Os círculos que mentas parécenme garitas :) é curioso como agora cando subo o monte ollo todo con outros ollos. Saúdos

  10. Pablo gomez
    3 / Febreiro/ 2018

    Muy buenas vistas,ahora esta tpdo quemado y se puede haceder perfectamente,aunque el camino de piedra no lo encontre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará