Casa d’Ambra Per’e’ Palummo 2007: a emoción dos varietais únicos

Os galegos petamos de orgullo patrio cando dicimos iso de que o noso país é o que ten unha maior riqueza de variedades vitícolas autóctonas de toda a Península Ibérica. Non só é certo, senón que ademáis pode indicar a antigüidade do cultivo por aquí. Pero claro, cando un se compara con Italia. Lin por aí que en Italia, tantos climas e tan diversos, hai nada menos que 1300 variedades autóctonas…

Obviamente, as calidades dos viños que xeneran son moi diferentes. Algunhas variedades crean por si soas magníficos caldos, outras precísanse unhas ás outras para achegar todo o que precisa un viño -estrutura, aromas, gustos, tanicidade, etc.- creando plurivarietais. Algunhas son antigas, antiquísimas, ou nos levan a unha noción do viño á que non estamos acostumados.

Xa sabes cales me gustan.

Ischia é unha fermosa illa ao norte do golfo de Nápoles, ao igual que a famosa Capri pecha o sur do golfo. Ischia, como Capri, é rochosa, montañosa. Alí cultivan o viñedo en enormes cantís nos que bate o sol pero que miran ao mar e reciben a súa brisa. Os viños de Ischia son suaves en gradación (12º) pero intensísimos nos seus matices.

Este Casa d’Ambra Per’e’ Palummo 2007 é un exemplo de varietal estraño, de cousa que na vida probaches, magnífico e raro. Elaborado pola familia D’Ambra desde o século XIX, percibes nel un magnífico traballo de viticultores honestos. Son estes viños que parecen pozos escuros cando os bebes, porque nunca sabes ata onde van chegar e que vai acontecer con eles nos vindeiros 15 minutos, e na vindeira hora. Son varietais moi limitados no territorio. O per’e’ palummo só parece darse nestas fermosísimas costeiras. No seu grolo sedoso ten o mellor dos mundos mediterráneos: a calor, o monte baixo, a seducción, pero no seu paso, agradecido pola brisa marina, continúa mantendo unha deliciosa frescura.

Nós tomámolo de picnic xa en Compostela, no Parque de Bonaval. ¿Que mellor lugar?

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará