A viaxe coma un volcán

Last updated on 26 / Agosto/ 2010


Foto: Sole

As viaxes son lugares en si mesmos; etéreos, imaxinarios, emocionais aínda que os teus pés pisen un chan sólido (ou non sólido). A viaxe non se atopa nas guías. Moitas veces, para min, é o lugar do non pensar, que é a variante máis produtiva do pensamento. A 3.200 metros de altura, no corazón do volcán Etna, este é o non pensar: o vapor que xurde dos cráteres que te rodean, no lapilli volcánico sobre o que escorregas, no silencio enorme dos vales perdidos aló onde non chegan os turistas, no xofre, no óxido de ferro do ambiente, no ardor do pé cando se afunde de máis nun solo non consolidado. Ao non pensar noutra cousa, estás pensando sen parar.

Estas son as viaxes. Sábelo días despois: pasaches por un lugar para o que non pagaches entrada, e que é o máis valioso e interesante. Un lugar que non existe sempre, senón que se produce, de xeitos diferentes, cada certo tempo, coma os volcáns, como este alucinante Etna.

Xa estamos de volta, coma quen di. Durmindo e descansando no Languedoc, preto de Carcassonne, entre os viñedos de Corbières, antes de entrar por Donosti na península e afrontar a recta final. Iremos contando.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará