O libro como conversa

Remítenme un exemplar de Caney. Breve historia de la cocina, una reflexión para sibaritas, sobre gastronomía en Galicia y el nacimiento de un perfecto modelo contrastable, de Xurxo Fernández, editado polo restaurante Caney de Santiago. Ben, o libro é tal e como o propio escritor. Ti sabes que anda por aí cando suceden dúas cousas: percibes o cheiro indistinguible dos negros Gitanes que fuma Xurxo, e cando escoitas unha gargallada camuflada entre o persoal. Se é certo que os libros se parecen aos seus autores, este Caney é cuspidiño ao escritor, pero o propio libro é unha versión libresca dun gran xantar. Moitos libros gastronómicos escríbense como amenas e intelixentes coleccións do anedotario gourmet ao longo dos séculos. Este non é menos. Entrelazando a erudición gastronómica con datos biográficos, nun tecido persoal, o libro parece a crónica dunha dilatada cea entre amigos que comparten risos e historias ao redor dos pratos, dos produtos e dos persoeiros que os disfrutaron ao longo dos séculos. Brilat-Savarin, Bibendum, o Conde Lucanor, Otero Pedrayo, Lugrís Freire, Marco Ferreri, coello á cazadora á versión sarriana ou o tabule de Sheherezade. Unha conversa anárquica e divertida que podes coller en calquera punto e abandonala (momentaneamente) en calquera outro. Como toda boa conversa nunha mesa con amigos.

O libro pode adquirirse no restaurante Caney (Santiago de Compostela) por 16 euros. En Issuu poden previsualizarse algunhas páxinas.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará