E por que non en cuncas?

Last updated on 15 / Xuño/ 2010


Foto: unapersona en Flickr

As cuncas, o método tradicional para servir o viño en Galicia, están en retroceso; antes omnipresentes en todas as tascas do país -falaremos máis delas proximamente con todo un experto, Xavier Castro- hoxe están releigadas ás tabernas máis tradicionalistas e ás feiras e, desde logo, xa non as ves nos restaurantes.

Pero onte pasoume un detalle moi curioso na Casa dos Martínez, en Padrón. Quen non coñeza o restaurante, é un acolledor bistró ao xeito parisino ubicado no medio de Padrón. Estaba comendo con Xosé e de súpeto Enrique Castillo serviunos un aperitivo moi tradicional ao que lle dera unha elegante volta. Uns excelentes pementos de Herbón servidos cunhas pinciñas asiáticas cos que comelos; para acompañalos, Enrique tróuxonos unhas cunquiñas da tradicional louza branca que encheu cun excelente Ribeiro tradicional, de colleiteiro, dos empregados nas pulperías. A combinación da cunca e das pinzas, nun contexto no que sempre estivo ausente, mesmo resultaba certamente exótica. Xosé expresouno moi ben: “isto parece un xantar xaponés”. A min tamén mo pareceu. A paradoxa de ver a utilería e produtos máis tradicionais do país nun contexto diferente do habitual. Funcionaban. E de marabilla!

Toda comida ten moito de simbólico, de cultural e de ritual: se te detes un momento e observas, percibirás todo o que rodea, nun restaurante, ao acto mesmo de xantar, e son moitas cousas que nos falan de nós, do noos mundo e sociedade. Servir un aperitivo con cuncas, cun viño fresco, do ano, tomado en pouca cantidade antes da botella que abrirás, antollouseme unha magnífica idea para os restaurantes con arelas contemporáneas e base no país. É unha divertida chiscadela á tradición que, vista desde un salón de alta restauración, se antollan radicalmente contemporáneas. Se as mirades sen prexuízos, fixádevos que o seu deseño case orgánico lembra pezas de Philippe Starck, cando en realidade son de Buño ou de calquera outra olería tradicional. O comensal foráneo, non galego, ademáis, pode alucinar con este servizo. Identidade en estado puro, tradicional e moderna a un tempo.

Outra cousa, por suposto, xa é o viño para o xantar. A cunca retén moi pouco dos aromas dos viños. O desfrute dos grandes e complexos viños faise mellor nas copas que permitan recoller o mellor da súa riqueza aromática. Pero miraba as humildes cunquiñas e non podía deixar de pensar. Que gran idea estaba aí diante!

6 Comments

  1. 13 / Xuño/ 2010

    Hai tempo que eu teño unha campaña persoal encol das cuncas tradicionais.
    Resumidamente: a hostelería galega debería considerar mellor o uso deste recipente, por varias razóns:

    a) son máis baratas, máis hixiénicas, máis doadamente lavabeis, máis apilabeis, máis duradeiras.
    b) son máis identificativas, máis autóctonas, máis chamativas, máis reclamadoiras, máis “souvenir”, máis lembradas dos viaxeiros (xa se sabe que viaxar e ver diferencias)
    c) son da industria local, máis nosas, sostedoras de industria.
    d) Son de “grolo longo”, axeitadas para os viños xoves, de encher a boca. Bébese máis, “recúncase”. E os forasteiros achan graza en beber, claro, o viño do país, en troques de elexiren outra bebida, probabelmente non producida na Galiza.

    En resume, interesa á industria galega e ao país, a recuperación popular da nosa cunca, nas suas versións branca e barro, e nos seus diversos tamaños.

  2. 13 / Xuño/ 2010

    Súmome á campaña das cuncas para certos usos. Hai un ano falaba do asunto con Tito Levoso, de Viña Costeira, e comentaba que eles hai un tempo chegaron a facer unhas cuncas de deseño, pero que non lle funcionou ben o asunto.
    Creo que o importante sería dispoñer dun viño de boa calidade ao que lle fora ben a cunca.

  3. Castor
    14 / Xuño/ 2010

    Ola, eu tamén son amigo das cuncas sempre que podo, aínda que hai viños que non me pegan ben con ela. Vaime ven o branco e o tinto algo acidiño, pero co Mencía, non sei porqué, cóstame máis tomalo.

    Apertas,
    Cástor

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará