Sofisticada trampa atrapapelegríns

Onte pola noite, ao pararmos no Restaurante Ateneo, en Piñor, Xosé Manuel, Xosé Vicente e máis eu a tomar algo despois dunha tarde de gravación no restaurante Galileo, soubemos dunha destas historias da picaresca galaica á que estamos tan afeitos, desta volta no Camiño de Santiago.

Sentados co alcalde de Cea, este contounos a xogada curiosa do Camiño de Santiago ao seu paso polo lugar de Cotelas, en Piñor. Velaí había un desvío no que os peregrinos escollen: por unha banda poden seguir rectos por Piñor en dirección Dozón, final da etapa, ou ben desviarse ata o mosteiro de Oseira e seguir por aló tamén ata Dozón, algo que moitos escollen por ver un dos cenobios máis importantes do país. O desvío está recoñecido dentro do itinerario oficial polo Xacobeo.

Da xogada déronse de conta os frades de Oseira cando advertiron de que deixaban de vir pelegríns ao mosteiro: o pobre irmán Luis, porteiro, ficaba mirando polo arco de entrada á espera de camiñantes que non chegaban. Ao investigalo, descubriron que no punto do desvío, ao carón do campo de fútbol, alguén invertía ou eliminaba os sinais que marcaban o desvío do mosteiro, facéndoo con noturnidade e alevosía. Os pobres peregrinos, mosqueados, continuaban camiño. A ver quen volvía para atrás varios quilómetros despois, cando se decataban de que non puideran tomar o camiño de Oseira!

A historia é que o alcalde de Cea sospeita que a manobra é unha trampa atrapapelegríns, para obrigalos a pasaren por diante dun establecemento hosteleiro que ofrece almorzos e aloxamento. No concello están a recibir correos cabreados de pelegríns protestando pola xogada. En Piñor, por suposto, pensan ao revés, e acusan aos de Cea de desviaren fluxo de peregrinos cara un lugar no que non hai ducha quente (Oseira). O máis impresionante é o conxunto de técnicas de resistencia galaica que está a argallar o alcalde de Cea, ao mellor estilo astucia labrega. Pero esas resérvomas.

Hai tempo tamén falamos dunha sofisticada trampa atrapaturistas promovida pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, pero aquela non tiña finalidade económica, senón puramente delirante.

2 Comments

  1. joseluis
    12 / Xuño/ 2010

    Este año hicimos el camino desde orense, en semana santa, y acabamos cenando en el Ateneo. Lo recomiendo al 100%, una gran cocina, platas sencillos pero elaborados con mucho cariño y una gente increiblemente amable.
    Pues bien en estas estabamos cenando cuando fueron llegando más peregrinos y los que habian elegido el desvio para ir hasta oseira se habian visito atrapados en una serie de caminos si señal y con la noche encima, menos mál que los fueron a buscar.

    Se ve que la “trampa” ya esta en marcha desde semana santa, jajajaja

  2. 14 / Xuño/ 2010

    Non é o único treito do Camiño onde os paisanos máis espabilados fan das súas. Na zona de Samos -outro mosteiro- pasa máis do mesmo, e incluso algunhas frechas amarelas tiran para ningures, para o monte, e logo hai que ir rescatar os peregrinos -pola zona da Ulloa “piligrín” seica é sinónimo de neno traste-.

    E por favor, non te gardes o da astucia labrega; conta un chisquiño, unha anécdota soa, aínda que sexa coa boca pequena ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará