No corazón da liña Wagner

Last updated on 12 / Xuño/ 2010


Catadores no Castelo de Ponferrada.

O martes e o mércores tiven a oportunidade de participar nas intensas sesións de cata do III Concurso de Viños do Noroeste, que se celebraron en Ponferrada, organizadas por Servino (con Luís Paadín de mestre de cerimonias) e o Concello de Ponferrada. Nada máis e nada menos que 295 marcas de viño competindo baixo un denominador común: estar ao norte da Liña de Wagner. ¿Wagner?

Ben sei que o primeiro que un pensa en que a liña de Wagner é unha trincheira da Primeira Guerra Mundial, ou algo así, pero trátase de algo mesmo máis fascinante: a divisoria climática que atravesa Europa e que diferencia o carácter atlántico do mediterráneo nos viños. Pouca xente sabe da súa existencia, pero os cultivos, tan sensibles ás variacións climáticas, o reflicten claramente. E os viños como poucos.


A liña Wagner segundo Luis Hidalgo.

O certame tenta, polo tanto, poñer en común algo apaixoante: enxuizar e valorar viños que teñen como característica común unha acidez máis elevada e polo tanto un maior potencial de facerse vellos con dignidade, pero que en apariencia proceden de territorios tan distintos coma Rías Baixas, o Douro, Bierzo ou a Ribera del Duero. E aí está o reto. Cada un dos 32 catadores que participamos no panel de valoración tivemos que enfrontarnos a uns 90 viños e o reto non era menor. Por alí pasaban, escondidos, viños do Douro, das diferentes DOs galegas, do Bierzo, da Ribera del Duero, txacolís. Agás os txacolís, o resto chegaban todos xuntos. Ao principio, tentabas imaxinar, en cada viño, a súa procedencia, pero de contado abandonabas esa idea que consumía demasiado tempo e tentabas valoralos no seu conxunto. Brancos novos, brancos fermentados en barrica, rosados, mencías, viños con crianzas máis longas e menos…había que abandonar o relativismo e buscar a comparación limpa entre caldos.

O máis interesante destes concursos son os debates que procuran. Son xustos? É certo que algúns viños evolucionan en copa, que precisarían unha atención especial, como decantarse, respirar unha horiña, escoitalos con moita atención. O método que se segue, igualitario e igualitarista, concede as mesmas oportunidades a todos coa técnica da cata a cegas.

Pero o que fascina é como, mesmo nun mundo no que cada persoa pode ter gustos moi diferentes, todos os catadores do panel tendiamos a coincidir claramente nos que percibiamos como grandes viños; chamaba a atención como as diferencias, moitas veces, entre uns e outros, era de un ou dous puntos sobre cen. As puntuacións, por forza, sempre tenden a valorar o equilibrio entre cor, aroma e gusto, pero o abraiante, cando menos para un neófito, era a frecuencia das coincidencias, especialmente nos grandes viños: nas gamas medias había máis diverxencias. Obviamente, a estrutura obriga a valorar viños máis equilibrados, que responden a un esquema no que tes moi pouco tempo para catar.

Pero tamén os consumidores, e por iso conto estas reflexións aquí, debemos ter presente ata onde pode chegar este sistema, as súas avantaxes e limitacións. Eu cando menos, como comprador de viños, quedo tranquilo ao ver o proceso por dentro: sei que os concursos de cata me van ofrecer, nas súas calificacións, grandes viños que tenden a ser harmónicos entre nariz e boca, sen defectos técnicos e con capacidade de sorprender mesmo a un xurado que se mete, como nos metimos o primeiro día no Castelo de Ponferrada, 50 viños nunha mañá. ¿Que hai máis viños e máis xeitos de catar e valorar? Obviamente, un por persoa, pero estes certames nos permiten ter unha radiografía fiable do que se ofrece ao mercado, e tranquilizan ao saber que, se ben o gusto é algo persoal e intrasferible, hai no mundo do viño algo parecido ao consenso. Pero claro, isto tampouco quita que cada un explore pola súa conta, que xogue a deixar os viños en repouso e con tempo. O mundo do viño dá para todo.

Por iso quería contárvolo, desde o meu punto de vista, xa que a moi positiva experiencia do III Concurso de Viños do Noroeste clarificoume moitas cousas. Iso si: ficamos todos intrigados por saber cales eran os viños, especialmente os máis gorentosos, que catamos. Haberá que agardar ata a resolución do concurso.

9 Comments

  1. 10 / Xuño/ 2010

    Non sei eu se non habería máis de un mareo e non o digo polo alcohol se non pola cantidade de viños que probastes.
    No meu caso a partir dos catro primeiros comezaría a ter un “cacao” mental…

  2. 10 / Xuño/ 2010

    Moi curioso o da liña Wagner; outro xogo máis.
    Saudos.

  3. 10 / Xuño/ 2010

    Hola Manuel!

    (Antes de nada pido disculpas polo meu galego lamentable).

    A verdade e que teño moitas dúbidas sobre qué dicir no blog acerca as xornadas de onte e antonte. Vaia por diante que se trata de dúbidas sobre a xustiza do concepto do concurso como tal, e non da organización deste en concreto, que foi impecable.

    Como comentamos en persoa, e tí ben adiantas máis arriba, non teño claro que sea posible xulgar o traballo humán de varios meses ou anos nunha cata dun minuto, ou menos, se cadra.

    Algo diréi, pero cando o teña ben “masticado”…

    En calquera caso, paseino fenomenal e foi unha gozada compartir a experiencia con xente coma tí.

    Un abrazo

    (Por certo, se tes un minutiño, ¿poderíasme enviar as fotos?… grazas por adiantado)

  4. M.Embajadora
    10 / Xuño/ 2010

    É ben certo que o que vai catar sin prexuizos e tentando ser obxetivo chaga a conclusión de que o que se valora é a calidade . Ter o tempo xusto non quere dicir que vaias a estragar o trabajo de al menos un ano, quere dicir que sabes ver máis alá do viño que tes na copa, que sabes ver o que vai dar de si cando ti teñas máis tempoé en lugar de sentarte a catar séntaste a disfrutar ddun viño.
    O triste son os concursos onde tes a botella diante ou onde che dicen de quen é, ou nos que atopas o canal para que ao teu viño chegue a determinado “catador”, ou que si te anuncias e pagas 300 € por anunciarte xa tes dous o tres puntos máis,…destes ninguén di nada.
    Eu son das que pensan que o que sabe que non é capaz de catar en concursos do tipo dos viños do Noroeste coma o que se fixo en Ponferrada debera ser honrrado e rexeitar a súa invitación porque unha mala cata non ben sendo problema do viño nin do tempo que che dan para catalo sinon de quen o cata ou intenta catar. Moitas veces hai que ser realistas e plantexarse si sabemos beber ou o que sabemos e catar.

  5. 10 / Xuño/ 2010

    Daninland, non é tan difícil (se un vai cuspindo, claro). Ademáis, cantos máis viños probas, máis distingues as súas calidades. A memoria curta funciona fenomenal no tema dos viños.

    Mariano, a organización vannos enviar un CD de fotos a cada membro do panel, así que xa te escribirán en breve.

    Mercedes, conectando co que lle dicía a Daninland: non sei se é moito ou pouco tempo o que se dá para cada viño na cata, pero como digo no post, para min permite facerte unha composición de lugar bastante boa, tanto de calidades particulares como, de xeito transversal, por onde van os tiros nunha añada concreta.

    Dígoche máis: mesmo a nivel particular facer catas a cegas, con amigos, pode ser algo moi, moi divertido e, desde logo, bastante san: obrígache a poñer todos os teus sentidos no viño. Resultaba curioso o ambiente de concentración que se vivía na cata por momentos, mesmo cando se levaban trinta ou corenta viños probados.

    E contestando a Mariano, como digo, non creo que haxa un único camiño para probar viños, só que as finalidades poden ser distintas. O tema de tentar proxectar, por certo, a evolución dun viño, pareceume do máis interesante deses días. E un pracer coñecerte aló, tamén. Pasámolo moi ben.

  6. 10 / Xuño/ 2010

    Manuel,

    Espero entonces o Cd. Permíteme falar agora en castelán para poder ter algo máis de soltura.

    Respecto al comentario de M.Embajadora, no sé si suscitado por mis dudas (que son eso, dudas),no me voy a dar por aludido, como es lógico, pues me parecería, aparte de insólito, profundamente lamentable que una señora que no me conoce ni sabe quien soy me acusara de falta de honradez.

    La cata, efectivamente, es ver más allá del vino que está en la copa, pero muchas veces el tiempo juega en contra. Yo he visto grandes catadores afirmar haberse visto obligados a dar una puntuación más baja a excelentes vinos por no estar abiertos y no mostrar aromas, sabiendo, sin embargo, que lo que hay detrás es bueno; y es que, salvo que se tengan poderes extrasensoriales no se puede valorar lo que todavía no se ha percibido.

    En cualquier caso, esto no dejan de ser puntos de vista. Por desgracia, lo que es verdaderamente preocupante es que ciertas actitudes, altaneras y soberbias, que se manifiestan desde algunos sectores de la profesión que carecen de humildad, nada construyen, hacen del vino un estamento rancio, cerrado y estanco, y lo único que finalmente consiguen es alejar del vino al consumidor.

    Decía Custodio Zamarra que la humildad es la esencia de un buen profesional. Si muchos de los que tienen labor divulgativa (que al final son todos) siguieran su ejemplo, el mercado del vino no estaría como está, que es bastante mal, por cierto.

  7. 11 / Xuño/ 2010

    Mariano, xa comentara no teu blog que coñezo poucos que lean coa tua claridade o mundo do viño, agora aprecio que non é so o viño senon o que lle rodea.

    apertas

  8. 12 / Xuño/ 2010

    Bos dias a todos

    Disculpade a tardanza en sumarme o Blog
    saudos Manuel, Señora Embaixadora (un pracer), Mariano

    Par min foi un autentico prazer ter compartido convosco pouco mais de 24 horas de cata e cultura de viño

    Non coñezo a participación ou composición das outras mesas de cata (non me preocupei) Pero a nosa foi unha verdadeira ledicia.

    Mariano, non te flageles, compartin con moito pracer a mesa contigo (nesa mesa había responsabilidade de produción (Pablo responsabilizase de mais de 14 millons de botellas), innovación+viticultura+delicadeza (Sebio segues sendo un crack),a nosa cuota feminina si que era crack (Margarita Lozano e unha das lideres de opinión indiscutible neste mundo do viño), Manuel Luis aportou unha visión dende outro pais con outros perfiles deconsumo (Representaba o instituto do viño do Douro), Un bloguero de pro, amante dos viños como ninguen de nos, e que o bordou que é Mariano Fisac e un servidor que trata de poder incrementar os seus coñecementos sobre a cultura e o mundo do viño a base de catar moito e falar e escoitar sobre o mundo do viño

    Dende logo a miña mesa foi impresionante, tirabamos en bloque para arriba cando o viño estaba en sazón, baixabamos a plomo cando o viño non respondía. polo que Mariano non te aflijas, fixéchelo moi ben, e para mi seguirá sendo un pracer seguir catando contigo, sempre que aceptes as invitacions que te van a caer dende agora
    (Recordades a visita a adega no Bierzo, todos coincidimos no fundamental)

    Saudos

    Antonio Raluy

  9. 12 / Xuño/ 2010

    Un saúdo, Antonio, un pracer coñecerte aló. E desde logo, tamén ánimos a Mariano. Nisto do mundo todo o mundo está a aprender, e verbalizar as dúbidas está moi ben.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará