A Roda, unha “cousa” arqueolóxica en Barreiros


O depósito de A Roda. Foto: equipo arqueolóxico

Durante o proceso de construción da autoestrada do Cantábrico, entre os concellos de Barreiros e Ribadeo un “algo” arqueolóxico salvouse de miragre. No catálogo da Xunta, o “castro” da Roda estaba situado a 300 metros do trazado da autoestrada. Un último control de urxencia das obras permitiu decatarse, case de miragre, que o “castro” non estaba onde dicía o Catálogo arqueolóxico da Xunta, senón xusto no medio e medio do desmonte da autovía! Unha foto do SIXPAC documenta de xeito espectacular como a este lugar só lle faltaron días para ter desaparecido sen pena nin gloria, e podes vela no interior do post.


A muralla da Roda no medio e medio da execución das obras.

O diñeiro do asfalto pagou a escavación en área deste lugar e, miragreiramente, o ministerio desviou a autoestrada para salvar o lugar [localización, só aproximada, ollo, por culpa da deficiente representación da Mariña en Google Maps, non é posible apreciar as estradas. Se queres ir, mellor pregúntame], que agora languidece sen pena nin gloria por un concello máis preocupado por plans urbanísiticos que por cuestións culturais, e ao que se chega doadamente desde pouco despois do desvío á Praia das Catedrais. Souben do lugar grazas a un consello de Manuel Miranda, a quen lle agradezo a referencia.

A cuestión é que este é un depósito arqueolóxico rarísimo. Un foxo e un muro de pedra -cheo de xistos- envolven un pequenísimo recinto, de trinta metros de diámetro, ubicado nunha ladeira e cun valor de defensa nulo ou case nulo. Non é o único mini-castro que hai no país e en Lugo, pero creo que debe ser o primeiro escavado. E aí vén a graza. Cando o equipo o escavou -na súa totalidade- dentro atopou…nada. Ben, non nada exactamente: había anacos de tres ou catro potes de cerámica por aí ciscados, pero con dificultades para encaixalos cronoloxicamente, algúns instrumentos líticos, unha punta de frecha de seixo, unha moeda de cobre portuguesa do século XV que lle puido caer a un pastor por alí…e punto. Alí dentro, nese recinto tan ben delimitado, non había nada máis. A súa cronoloxía é unha incógnita.


Rampa de acceso orixinal. Fotos: Sole

No austero informe do director da escavación, Juan Carlos López García, pode apreciarse a intriga ante este xacemento que non se pode datar de xeito rigoroso, á luz das evidencias atopadas. Cantas sorpresas máis nos pode dar a arqueoloxía galega!

Pero voute levar ao interior de A Roda cun panorama.

[photonav id=’a_roda’ mode=’drag’ url=’http://www.manuelgago.org/blog/wp-content/uploads/panorama_a_roda.jpg’ container_width=620 photo_width=3000 container_height=366 photo_height=366]
Arrastra para ver ao redor

15 Comments

  1. Andrés López
    31 / Maio/ 2010

    Vaia, pois tivo sorte o sitio. Se chega a ser ao pé do mar, tururú. En Barreiros sábeno ben algúns “grandes construtores” que teñen levantado chalés enriba de terreos arqueolóxicos. Só hai que ir á praia dos Castros e mirar. Cos ollos abertos, claro.

  2. Manuel Santos
    31 / Maio/ 2010

    O que descrebes parécese moito ó Castrillón en Adai (Lugo) moi perto do castro de Penarrubia. Trátase dun recinto cun foxo, un valo de terra, sitúase nunha ladeira e ten 20 metros de diámetro (se descontamos o muro). Tamén está catalogado como castro, pero as suas condicións defensivas son nulas.

  3. 31 / Maio/ 2010

    Este tamén está nunha suave ladeira, pero nada que ver coa típica orografía defensiva na que se asentan os castros. Non parece defensivo, desde logo. Pensei no de Adai, efectivamente, cando vin este.

    Había moi pouca pedra ao redor, e a autovía a uns trinta metros ao sur, así que non puiden localizar a procedencia das pedras que conformaban o muro -cachote moi fragmentado- pero chamoume a atención a enorme cantidade de seixos, ao mellor un 60 o% do cachote. Agora ben, non sei se hai algún afloramento nas proximidades ou se iso é habitual na zona.

  4. jose
    31 / Maio/ 2010

    O Castrillón podédelo atopar aquí. <a href="http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=511144&quot;, o que no mapa chamei "construción castrexa?" porque a min tamén me chamou a atención o pequeno tamaño. A uns 200 m hai unha laxa granítica con furados facendo un óvalo, de varios metros de diámetro, no mapa vén como "O Castrillón", Ademais hai dúas penas nos arredores con petroglifos, as fotos que aparecen son vellas e de escasa calidade (teñen as cores cambiadas) e a última vez que fun están cubertas de musgo e liques.

  5. 31 / Maio/ 2010

    Praia de Augas Santas ;)

  6. 31 / Maio/ 2010

    Xa se apareceran petróglifos preto desta Roda xa era a bomba. :-)

    Outra versión sobre a de Adai é a que suxire Felipe Arias, director do Museo de Viladonga, que pensa que o Castrillón de Adai ao que vos referides podería ser un posto militar romano vinculada a vías de comunicación, pero non menciona evidencias arqueolóxicas, creo. Ao mellor a análise desta área lucense (e doutras) permitiría tipificar este tipo de recintos, non sei.

    Xa sabedes, bates co pé e saen mil historias novas.

  7. Pancho-lapatianco
    31 / Maio/ 2010

    Pero Manolo, ¡¡non ves que eso era a rotonda que estaba planeada!!. (esto acaba de velo Victor, un compañeiro)

    É que estes homes do bronce ¿ou neolíticos?, xa para aventurar un pouco máis, éranche máis listos do que pensabamos. Eso sí era planificar a anos vista.

    Saúdos.

  8. 31 / Maio/ 2010

    Pero faltoulles un monumento horroroso no medio da rotonda! :-)

  9. artabris
    1 / Xuño/ 2010

    moi castrexo non semella, non… unha preciosa “rotonda” sen dúbida. Por outro lado se apareceron anacos cerámicos contextualizados,tras o seu estudio poderano datar, tede fe no arqueólogo e dádelle tempo.

  10. Pancho Lapatianco (Eixil Cedeira)
    8 / Febreiro/ 2013

    En comparación do achado de Coeses, vendo outra vez as fotos estas de Barreiros, semella que SI hai unha gabia ou foxo perimetral entullado, un anel, máis que coiraza, petreo cun pequeno “corte” a modo de entrada ¿que orientación tiña este “corte?. Faltarianos a túmulo, pero, tanto predregullo que se ve ¿poderianche ser restos do tal?.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará