Robin Hood, a crítica e a anticrítica

Last updated on 18 / Maio/ 2010

Recoñezo que poucas veces me guío pola crítica para ver unha película, aínda que si son un afeccionado ás innumerables “listas” que hai pola rede para ver filmes, ou a explorar os palmarés dos festivais de cine na procura de referencias.

A crítica é unánime en machacar a última peli de Ridley Scott: Robin Hood. Dálle caña ata no carné de identidade. Para Boyero, é aburrida. Para José Luis Losa, a película “lo que da es celuloide artero, testosterónico, bosques de gladiadores que se han equivocado de circo“, Reviriego en El Cultural: “desganado y grandilocuente“; Antía Díaz en La Voz de Galicia non a veu, pero opina: “mucho me temo (y ojalá me equivoque, con lo que me gusta Robin Hood y lo que me gustaba Scott), en una especie de Gladiator medieval con mucha sangre, mucha batallita y el poco fondo al que Scott nos tiene acostumbrados últimamente“, ou en olladas internacionais. A.O Scott, do New York Times, consegue ir alén da descalificación e considera perder o tempo na chicha argumental: “You may have heard that Robin Hood stole from the rich and gave to the poor, but that was just liberal media propaganda. This Robin is no socialist bandit practicing freelance wealth redistribution, but rather a manly libertarian rebel striking out against high taxes and a big government scheme to trample the ancient liberties of property owners and provincial nobles. Don’t tread on him!“.

Con ta bo crédito xa me dixen: temos que ir ver esta película pero xa. Eu considero que no mundo tes críticos (especialistas dos que te fías cando recomendan algo) e anticríticos (aqueles que cando non lles gusta unha película sabes que te vai gustar a ti). Os dous son necesarios e eu uso das dúas figuras con agradecemento e devoción (recoñezo usar máis aos anticríticos que aos críticos). A película de Ridley Scott nin me aburriu nin me deixou indiferente. Con ollada postmoderna (que é a que un ten na sesión das 23.15), non hai máis que rirse ante ese Robin Hood que pasou de defender aos pobres nas anteriores versións a defender aos terratenentes do norte de Inglaterra ante o tirano subidor de impostos; un Robin Hood creador de liberdades antes que de xustizas -pura ideoloxía liberal. Pero a película ten a excelente factura técnica de Scott, un realizador que mima a fotografía, a posta en escena, a iluminación, as texturas e a coreografía das escenas de masas.

A outra lectura do Robin Hood de Scott é, claro é, a histórica. Hai algúns temas interesantísimos na recreación de asedios -que parecen ben investigados-, na reconstrución de igrexas románicas, da cidade de Londres ou de York, pero tamén algunhas licenzas acadabrantes, coma a incineración pagá dun aristócrata inglés ou as barcazas da invasión francesa que, a piques de desembarcar en Dover, son unha adaptación século XIII das peculiares lanchas que transportaban aos soldados americanos no desembarco de Normandía.

¿Que a peli é unha obra de arte? Claro que non, home, non se pode comparar con Cidadán Kane, nin con L.A. Confidential. Tela que comparar cun cine de acción e entretemento, na que despunta con nota. Pero Ridley Scott non nos pediu que a consideraramos arte, aínda que podía terse aforrado presentala en Cannes. Pero si podo dicir que me fixo pasar unha excelente e divertida noite de sábado. Xa é máis do que conseguen moitas das películas con críticas excelentes.

3 Comments

  1. 16 / Maio/ 2010

    Por certo, a enésima autopregunta que me acontece cando vexo estas épicas medievais. Algunha vez veremos unha película medieval de argumento galego? Non será por historias!

  2. 16 / Maio/ 2010

    Facer unha crítica constructiva, sexa positiva ou negativa, é moi complicado. De facer, por suposto, pero de atopala en prensa escrita, todavía máis. E é unha mágoa. E si nos poñemos a revisar en blogues, custa moitísimo atopar “xente de confianza” da que fiarte do seu criterio.

    Respecto a esta película, -que aínda non vin, pero que tampouco me interesa, porque non é o xénero de cine que máis me entreteña-, acarrexa, xa dende o principio, varios hándicaps que se lle colan ós críticos: trátase dunha película con presuposto alto, con pretensións (presentación en Cannes), e dunha sociedade que marabillou con ‘Gladiator’. Por tanto, “non poden consentir” valorála positivamente, porque quedarían como cómplices da industria.

  3. 16 / Maio/ 2010

    Quedoume sin dicir unha cousiña: cando se trata dun estreno internacional (sexa cine ou música), gústame botarlle un ollo ás súas calificacións en Metacritic, tanto á opinión dos críticos, como a dos usuarios. Como é de esperar, casi nunca se acercan… ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará