Repúblicas de Homes Libres: un lugar chamado Cornado

Last updated on 3 / Xuño/ 2013

Durante esta aventura cultural que é a República dos Homes Libres, Brandomil deixounos pensando. Unha poboación de certas dimensións, habitada a finais do Imperio Romano e, debido aos poucos datos do rexistro arqueolóxico, non sabemos se posteriormente. A curiosidade e as preguntas son obvias: podería haber preto de Brandomil algún recinto de gran tamaño, igual que o Aloia e o Castro Valente?

Comezamos a seguir esta vía antiga que é o Camiño de Santiago, rodeada de castros e castelos coma o de Broño. No traballo de mesa anterior, fixeime nese lugar que vedes na primeira foto: Cornado. A zona chairega na que está Brandomil fai que calquera refuxio no alto dos montes estea lonxe. Cornado está a sete quilómetros de Brandomil, pero o acceso é sinxelo e, ao fin e ao cabo, Iria Flavia está a seis quilómetros (os últimos de dura subida) e Tyde, o antigo Tui, a 4,5 do alto do Aloia, tamén cunha forte subida. O camiño de Santiago pasa pola aba do monte de Cornado e na súa zona superior estaba catalogado un castro. ¿Castro? O que eu vía desde o SIXPAC dábame unha espiña rara.

Sobre a aldea de Cornado hai un monte dedicado a explotación forestal e gando, que destaca un tanto sobre a contorna; algunhas das súas abas, especialmente ao norte, son empinadas, e outras de descenso máis lene [localización]. O espazo central está ocupado por un enorme pradairo. Pero cando comezamos a mirar, axiña apareceron restos. Cando chegabas á zona superior, percíbese un muro que, no sitio polo que hoxe se accede ao prado enorme, pega un xiro de 90º. O camiño corta xusto a esquina dese antigo muro.


Últimos restos perceptibles do valo dirección SO, desmontados antes e despois.

Seguímolo -está cheo de maleza- primeiro en dirección SO. O muro, de terra, é hoxe perceptible, pero cando chegamos a unha zona de intensa explotación forestal, está practicamente arrasado, percibíndose só algúns restos como o que vedes na foto. Baixo o muro, percíbese un lixeiro desmonte que debe delatar o sitio no que se quitou a terra do muro. E máis adiante desaparece, posiblemente debido á intensa actividade agropecuaria e á febleza dos restos hoxendía. Mirámonos con dúbidas.

-Imos a ver do outro lado, do lado do camiño de Santiago. Algo me dá que debe ser máis grande.

Lembrei ese curioso patrón que aparece en varios destes recintos, coma o Castro de San Marcos ou Castro Valente. Un lado preminente e outros non tanto.


Parapeto dirección SE

Entre chuvia, herbas e maleza que nos empapa ata os ósos, volvemos ao punto de partida e seguimos aquí o muro. O que hoxe queda é claramente un parapeto de terra, que segue en liña recta en dirección SE ata que lle perdemos o rastro nun amoreamento de pedras. Este aínda hoxe segue a ter entidade de muro defensivo.

Pero o que temos claro é que isto non pode ser un castro. Demasiado grande, demasiado incontrolable. Non hai nada de cachote.


Parapetos apreciables a simple vista

As dimensións do recinto, se nos atinximos ás zonas nas que se aprecian evidencias, son tamén ben superiores á media dos castros. Pero tamén chamativas. Ao chegar á casa, cos pés aínda empapados -en Galicia non hai goretex que vala- tracei sobre o mapa e a miña memoria as ferramentas de delimitación. O parapeto do SE dáme 140 metros cadrados de longo, e o do SO, ata onde lle podemos seguir o rastro, uns 240 metros de longo. Se proxectaramos o recinto daríanos máis de 4 hectáreas de extensión, bastante máis pequeno que Aloia e Castro Valente, pero a poboación aquí debeu ser tamén moito máis reducida…Aínda así, non creo que isto sexa un Castelo Baleiro. As dimensións, por certo, teñen certo aquel coas do campamento romano de Cidadela, en Sobrado dos Monxes; a proporción do seu ancho é similar (140 mets) se ben Cornado ten, cando menos, 70 mts, máis de longo…e non digo máis, porque non hai máis que dicir. Non teño referencias de cultura material alí. Non atopamos un miserable anaco de tella, pero aquel lugar está modificadísimo polo tempo e as súas infraestruturas nunca deberon ser moi durables. Coa chuvia, todos os vellos da aldea estaban a recochar no interior das casas. Quixemos preguntar pero só nós andabamos a pé pola Terra de Soneira e Negreira.

Como curiosidade, quen queira, pode examinar a Notitia Dignitatum, un privilexiado documento redactado entre 395 d.C. e os inicios do século V que contén unha relación de cargos do exército imperial neses momentos. Buscade “In provincia Callaecia” e a ver se atopades algo curioso (non insinuo nada en relación a Cornado, pero aí tedes algo curioso para matinar).

Estamos desconcertados con Cornado.

16 Comments

  1. 9 / Maio/ 2010

    E si, xa sei que e posible que penses que quero deixar caer que se trata dun campamento romano. Pero eu mesmo teño todas as dúbidas do mundo. Se houbera un campamento romano, saberíase, especialmente porque un campamento (que durara tempo), deixa trazos: tella, moedas, etc. E estando tan próximo ás casas… Outra cousa é que fose algo moi puntual. Non o sei.

    En todo caso, aí está. E as evidencias son as que están escritos. E claro, hai que ter coidado coa forma actual rectangular da finca, que pode enganar. Pero os muros son moi anteriores, e están fóra dela.

    Moitos afeccionados buscan nesta área do interior da provincia un campamento romano, e localízano en Castriz, Santa Comba, sen ter eu moi claro cal é o seu fundamento nin aparentemente haber ningún resto alí. Se ven isto flipan.

  2. 10 / Maio/ 2010

    “In provincia Callaecia: En la provincia de Galicia:
    Praefectus legionis septimae geminae, Legione. Prefecto de la Séptima Legión Gemela, León.
    Tribunus cohortis secundae Flaviae Pacatianae,
    Paetaonio.
    Tribuno del Segundo Batallón de Infantería Flavia
    Pacatiana, Paetaonio.
    Tribunus cohortis secundae Gallicae, ad cohortem
    Gallicam.
    Tribuno del Segundo Batallón de Infantería Gala, en
    Batallón de Infantería Gala.
    Tribunus cohortis Lucensis, Luco. Tribuno del Batallón de Infantería Lucense, Lugo.
    Tribunus cohortis Celtiberae, Brigantiae, nunc
    Iuliobriga.
    Tribuno del Batallón de Infantería Celtíbera, Brigantia
    ahora Iuliobriga.”

    Mmmm… Era isto? O único que me chama a atención é o de “Iuliobriga”. Podes dar máis pistas?

  3. lapatianco
    10 / Maio/ 2010

    Adiantáchesteme, Faragunde.

    Non che sei, a min o único que vería “raro” sería o de:

    “Tribunus cohortis secundae Flaviae Pacatianae,
    Paetaonio.
    Tribuno del Segundo Batallón de Infantería Flavia
    Pacatiana, Paetaonio”

    Pero non consigo mirar alén da “superficie” do texto.

    O campamento ou asentamento de Luliobriga pasa por estar en Cantabria, parcialmente excavado.

    Tesnos intrigados, Magago.

  4. 10 / Maio/ 2010

    Petavonium é outro campamento real, instalado en Rosinos de Vidriales, na estrema da antiga Gallaecia:

    http://www.tarraconensis.com/petavonium.html

    De toda a lista da Notitia Dignitatum sobre tropas militares na Gallaecia, coñecemos todas as ubicacións dos seus campamentos en Galicia, agás unha: a Cohorte Gallica, o Batallón Galo de infantería.

    Pero a Gallaecia de aquela era ben grande…

  5. 10 / Maio/ 2010

    A Cohorte de Brigantia estaba no campamento de Sobrado dos Monxes. Tamén chamada a Cohorte I dos Celtíberos.

    Fáltanos por ubicar en Galicia a Cohorte Gala, xa que logo.

    OIlo, non quero dicir que estivera neste mosqueante Cornado. Non hai evidencias, senón unha máis que suxestiva forma dos valos que rodean o cumio e o topónimo que fala sobre a antigüidade do que alí enriba puidera ter habido. Pero preguntarme sobre unha cousa levoume á outra, así que temos unha bonita pregunta arqueolóxica aquí. :-)

  6. Brigantium
    10 / Maio/ 2010

    Lástima que non sementaran pan, igual cunha foto aérea no veran podíase ver se aparecían os restos de muros ocultos, coma os que aparecen nas fotos aéreas dos campos de Castela, pero na Gallaecia o toxo aguanta ben a calor, así que non creo que se poida distinguir nada. A verdade é que a pinta de campamento tena todiña.

  7. 10 / Maio/ 2010

    Habería que botarlle unha ollada ao voo americano dos 50. Se cadra as grandes alteracións sexan das últimas décadas.

    Castro seguro que non é. Pero fago referencia á Cohorte Gala porque o alucinante de Galicia é que en canto comezas a investigar unha cousa, de contado aparece outra!

  8. miguel
    11 / Maio/ 2010

    Pregunta: en Galicia, ou na Gallaecia, estiveron a Cohors I Gallica, a Cohors II Gallica e a Cohors IV Gallorum; como o meu latín nunca foi moi bo, alguen pode traducir Gallica e Gallorum, ou explicar a diferencia. Pode ser Gallica da Galia e Gallorum dos galos?

  9. Xosé
    11 / Maio/ 2010

    Non sei se entendín ben… o topónimo Cornada pode ter que ver co latín Cohors? Daquela, na zona do Castelo de Nimo tamén parece interesante o topónimo do lugar de Cornoas, non moi lonxe da aldea.

  10. Bernardo Dios
    11 / Maio/ 2010

    Tirando de toponimia, moi preto das ruinas de San Miguel de Couselo (Cuntis) e do seu Monte Castelo, dos que xa tes tratado no teu blog, da outra banda da Nacional 640, atópase outro lugar de nome Cornado, moi preto de Ducio, nas antergas terras do cenobio de San Martiño (e San Breixo) de Arcos. Tal vez simple coincidencia. Tal vez.

  11. 11 / Maio/ 2010

    Moi ben o teño pasado eu lendo especulacións toponímicas dos nosos devanceiros. Un territorio tan antigo como Galicia permite a especulación cos nomes dos sitios a saco.

    Aínda a risco de facer o ridículo, e pedindo que se me tome isto como un entretemento lúdico, aquí van algunhas hipóteses:

    a) O máis doado é que Cornado sexa algún tipo de termo agrario en desuso, que é o que acontece con moita toponimia pouco transparente hoxendía.

    b) Pero se non é, unha alternativa que teño lido por aí é a orixe en CORONATUM. Non é nada raro: hoxe en galego aínda designamos como “croas” o interior dos castros. Coronas. Non fai referencia á aristocracia, senón ao obxecto “coroa”.

    c) Unha opción máis poética e imaxinativa é co compoñente cor-, de orixe prerromana. O cor, que significa “pedra”, igual que “cairn” en escocés ou irlandés (xa saben, coinciden de pura casualidade), está sementado por todo o país na toponimia: Corna, Corme, Corcubión, Coristanco…pero tamén nas propias palabras, como a fermosa corisco (granizo) e a min faríame tamén coña que formara parte de “nécora”.

  12. supertamarico
    4 / Novembro/ 2010

    “Moitos afeccionados buscan nesta área do interior da provincia un campamento romano, e localízano en Castriz, Santa Comba, sen ter eu moi claro cal é o seu fundamento nin aparentemente haber ningún resto alí. Se ven isto flipan”

    Pecas un pouco de soberbio, dis, sen ter eu moi claro o seu fundamento.

    Pois o fundamento señor manuel gago e tan simple que Castris (Castriz por correccion de seseo implosivo) é campamento romano en latín.

    Despois está entre dous ríos,

    Ten un área de 2,4 Ha

    Ten un agger descomunal ven definido cara o río

    E sitúase asombrosamente a mesma latitude que o de Cidadela 43º 5′ 8” formando un triángulo defensivo respecto o porto de A Coruña.

  13. lolo
    4 / Xuño/ 2013

    son vecińo da aldea de cornado e estou sorprendido… sempre pensei que o nome do monte vińa porque antiguamente houbera algun castro e a xente os desfixera para facer valados e cerrar as fincas.

  14. 4 / Xuño/ 2013

    Pois non andabas moi desencamiñado! Foi iso o que pasou. Salvouse pouco.

  15. oxe
    5 / Xuño/ 2013

    oxe lin a noticia no correo. noraboa! polo visto o concello vai facer algunhas excavacions, oxala atopen alguns restos interesantes. pensar k tiven ese monte sempre detras da casa e que agora atopases esto… polas duas ladeiras do monte, hai unha especie de camińos con muros altos e unha finca cercana chamase campo dos oleiros, non sei si gardan relacion e falando oxe con mińa nai dixome que seus avos decian que no castro habia unha mina de ouro. gustame a historia sobre todo o que ten que ver co imperio romano e os celtas de ahi que me alegre un monton que esto estea na mińa aldea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará