Urueña e os horizontes de Tierra de Campos

Last updated on 27 / Abril/ 2010

Queda ao carón da A6 de Madrid a Galicia, pero ata hai poucos anos poucos galegos coñecían este lugar: Urueña. Unha pequena vila amurallada da Castela de Terra de Campos que sorprende a quen a visita.


Turistas revisan os andeis de libros (sen vixiancia e coas librarías pechadas) dos establecementos libreiros de Urueña. Fotos: Sole

Hai uns anos, a Deputación de Valladolid convertiu esta solitaria vila castelá, vítima do despoboamento e do empobrecemento da agricultura, nunha Villa del Libro. A efectos prácticos, significou que esta poboación medieval de 225 habitantes conta con 11 librarías especializadas en diferentes ámbitos. Unha amiga nosa chámalle en cachondeo a Urueña Librolandia, pero a min paréceme fantástico que haxa esa riqueza nun pequeno concello vallisoletano.

Tal excéntrico atractivo -si, é un pouco excéntrico- complementa a sorpresa dos viaxeiros que percorren a A-6 e non supoñen que a cinco minutos da autoestrada está unha muralla medieval, un castelo -hoxe cemiterio municipal- e unha fermosísima ermida de estilo románico catalano-lombardo. Urueña é unha típica vila castelana de Terra de Campos, que observa uns inmensos horizontes chairegos. Aquí tes a súa localización.

Para os galegos, cruzar a Terra de Campos adoita ser un paso polo deserto. Chairas sen árbores é algo tan estraño que un tende a imaxinar que esa poboación é un baleiro. Pero é marabilloso observar que tamén nestas estepas castelás o home enche de ideas os grandes espazos.

Paseando pola muralla de Urueña, uns carteis permiten interpretar esa paisaxe plana, seca aínda que, coa primavera, todo o horizonte é un próspero tapiz verde.. E xorden as hortas dos xudeus que aquí viviron na alxama no século XV, os mosteiros en ruínas que de súpeto distingues, coa súa cor de barro, baixando a ladeira; a horta do Bispo do Burgo de Osma, a mellor e con máis auga da contorna. A estepa tamén está chea de vida humana, se a ollamos sen prexuízos. Camiñamos baixo un sol inmenso, confortados por como traspasa a nosa pel. Gústame mirar en silenzo esta chaira castelá, na que o individuo se ailla e se fai anónimo. Se cadra, algúns anos atrás non me gustaría. Pero por sorte os meus horizontes se van ancheando como estes campos e a emoción da viaxe entra máis limpa nos meus ollos. Ou sexa, que gosto destas humildes aldeas amuralladas.


Follado de foie e mazá

Os milanos da estepa castelá sobrevóannos baixo unha luz inmensa da que na nosa húmida esfera galega xa perdemos costume. Este mundo castelá, coas súas adegas nun barrio específico, separadas do resto das casas, resulta ben curiosa. No barrio dos Lagares, ademáis, está un dos sitios nos que mellor se come de Urueña, e que Sole xa coñecía. Los Lagares de Urueña, un restaurante comprometido coa recuperación das receitas tradicionais da Terra de Campos, no que se poden probar pratos de creación persoal de a cabalo entre o bistró e a casa de comidas de toda a vida, canda os guisos da terra: un sitio moi, moi chulo ao que me quedaron gañas de volver. Un par de pratos e un postre con cervexas saíronos en vinte e poucos euros.

9 Comments

  1. 26 / Abril/ 2010

    Lémbrame a sorpresa que levei unha vez cando, cruzando Francia, parei en La Charité sur Loire a almorzar e no canto de atopar unha soa cafetaría aberta, atopei como dúas ou tres ducias de librarías de vello apiñadas en catro rúas. Daquela estaba disposto a cambiar as obras completas de Faulkner por un croissant, pero non me deixou de parecer curioso. Seica é tradición por aló, o das librarías. Lástima dos croissants.

  2. arume dos piñeiros
    26 / Abril/ 2010

    Supoño que haberá miles de explicacións para o descoñecemento e o prexuízo sobre Castela. Pero son todas incomprensibles. A min me gusta e me atrae, sobre todo cando un deixa de mirar a paisaxe desde a autoestrada e simplemente entra nun deses lugares e atopa unha outra vida, tranquila, repousada, se non chegas un día de festa ou de domingo e ves que todo o mundo sae á rúa a dar un paseo ou a tomar o sol na praza central da vila.
    Non sei se seren os meus avós desterrados desas terras contribúe moito a que me seduza toda aquela súa xente.
    Noraboa por esta reportaxe. Outro día a Olmedo.

  3. 26 / Abril/ 2010

    Vaia! Así que esta é a famosa Urueña, a Vila do Libro! En Galicia presentáronlle un proxecto semellante (de feito a concelleira de Cultura no seu día visitou varias veces Urueña) á Xunta para facer de Noia a primeira Vila do Libro galega e está durmindo nun caixón. A ver que ocorre! Por aí xa saíu algo da Consellería de Cultura chamado “Vilas literarias”, e pretenden facelo en Rianxo, pero está verde o asunto, imaxinamos.
    Coma sempre, parabéns polo artigo e felicidades á fotógrafa.

  4. 26 / Abril/ 2010

    Si, o proxecto de Vilas Literarias está en curso, pero aínda non está moi definido que vai significar esa vila alén da sinalética, cando menos no seu conxunto e ao que eu sei neste momento. A idea tamén parece ben, pero obviamente un peso importante do éxito (se é que o ten) de Urueña, é tamén a dimensión monumental vinculada a ela. Nas pequenas vilas do país, como Noia, Rianxo ou Celanova, ese handicap tamén existe. Noutras, non tanto.

  5. belen
    26 / Abril/ 2010

    Parabens polo blog. E unha marabilla. Levo meses disfrutándoo e é a primeira vez que deixo un post.
    Precioso Urueña, para nós tamén toda unha descuberta. Outra perliña: hai antes de entrar no castelo unha tendiña de xoguetes artesáns, http://www.oriente9.es/tienda/catalog/information.php?info_id=10
    delicia!

    Un saúdo

  6. 26 / Abril/ 2010

    Si! Vimos a tenda de xoguetes! Unha delicia.

    Grazas por lerme, Belén!

  7. miguel
    26 / Abril/ 2010

    Sr. Gago, falar de “catalano-lombardo”…, mais ben teríamos que falar de Románico Lombardo.
    Son os condes da Ribagorza quen da man de mestres lombardos o introducen na Península e unha vez desaparecidos estes, cuadrillas locais espallano polo norte cristiano peninsular chegando ata Galicia sendo exemplo San Xoan de Vilanova, no concello de Miño.
    No ano 2000 a UNESCO declara Patrimonio da Humanidade o Románico Lombardo de Cataluña, mellor dito, só as NOVE igrexas da Vall de Boí, e sen entrar na cuestión do MNAC; non hai como saber vender o producto. Os vales da Ribagorza estan inzados de ermidas, capelas, igrexas e ata unha Catedral Románico Lombarda, e o Sobrarbe, e o norte do Pirineo, incluíndo a Vall d’Aran que a estes efectos,
    ou ben non son, ou non perecen ser Cataluña, para o caso coma se fosen Galicia, e digoo con moita pena.

  8. 27 / Abril/ 2010

    Estimado Miguel:

    Aquí ten unha explicación de por que lle chamo catalano-lombardo:

    http://www.ayto-uruena.es/index.php?id=29

    Falta a palabra románico, certo, pero a verdade é que me despreocupei porque parecía bastante obvio ao ver a fasquía do edificio. Pero poñémolo para que ninguén nolo confunda con neoclásico. ;)

  9. 30 / Abril/ 2010

    Que contraste de cores e texturas o destas fotos cas que adoitan ilustrar este blogue ;)
    Parabéns para Sole, por estas e por todas as anteriores :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará