Parados

Sempre hai situacións novas que non aprendes a recoñecer, porque non se viviran intensamente antes.

Nos últimos meses, amigos -de diferentes profesións, pero especialmente vinculadas á comunicación no meu caso- e ex-alumnos foron entrando nunha incómoda espiral de paro. Subsistindo mercé ao subsidio da Seguridade Social -un contrarreloxo que non se detén-, son xente emprendedora, xente que procura, formados, con vigor e que miran para adiante. Eles buscan nun lado e noutro, prepáranse, estudan, fan chamadas, tiran de contactos. Pero non hai xeito. O seu número é cada vez maior. E aparecen nos sectores da túa vida que non agardas.

Esas persoas vivían ata o momento ben ou mal. Mesmo os que estaban en situación máis precaria cando menos ingresaban a fin de mes. O máis desacougante, polo que me contan, non é que te collan nun traballo ou non; o dramático é a sequía, a ausencia evidente e perceptible de oportunidades.

Non coñecía algo que non sei definir, ao falar con eles: o silenzo excesivamente preocupado. No seu interior, débense estar cuestionando miles de cousas: a valía, o cambio de profesión, os erros e acertos da vida, a vida alén do último mes de Seguridade Social -moitos só teñen algúns meses e están rematando. Moitas destas cousas non as pensarían se traballaran, pero agora, nun impass non desexado, e iso é preocupante.

Nese silenzo hai algo máis, algo que asusta: o medo a non volver traballar, ou ao que pasará. Moitos teñen trinta e poucos, pero non recoñecen neste parón un cambio na vida, senón un freazo, unha vida interrumpida. Coa madurez aínda incipiente dos trinta e poucos, e unha vida previa activa na sociedade, a resignación aínda non existe. A maior parte deles están dispostos a reinventarse. Pero si se observa un certo medo. Tal cousa non ocorre, paréceme, nos vintañeiros cunha pequena experiencia laboral e as alas máis anchas para volar á emigración, pero tamén ves esoutra preocupación nas súas caras. Unha preocupación que non se atreve a preguntar o que quere preguntar: “¿Será sempre así, Manolo?”.

Non podo deixar de preguntarme que pasa con esta sociedade que deixa de lado a xente de talento no periodo máis intenso da súa vida profesional, malgastando esforzos que seguen a ser absolutamente necesarios nun país ao que aínda lle falta moito por desenvolver. E debera preocuparnos, a todos os que estamos por sorte desta beira do mercado laboral, traballar de múltiples xeitos para atoparlle a solución a esta drenaxe que é unha dramática perda económica e social para o país.

Preocupado canda eles, dan gañas de abrazalos. De abrazalos e dicirlles, créndoo completamente:

-Non, isto vai cambiar. E ti estarás no cambio. E imos atopar por onde.

O seu problema é, lonxe de éticas, un problema de todos nós. Un problema real de Estado, pero sobre todo de comunidade e de cidadanía. E entre todos debemos resolvelo.

Unha aperta moi grande, chea de agarimo, a todos os parados.

10 Comments

  1. Xabres da Teixeira
    22 / Abril/ 2010

    Amigo Gago: Este é o tipo de sociedade que nos demos. A xente importa pouco,
    so o beneficio. Traballase en función de moitas cousas agás en fución das persoas.
    Mentras non viremolo sistema, coido que esto irá a peor.
    Fíxádevos nunha cousa, os medios financierios especulativos volven a carga, e parece que ninguén le pon freo.
    Non me gustaría estar na pel de xente que se vai quedando sen traballo, e sen ingresos,e desgracadamente ahï está unha morea de xente.
    Non serve de moito falar desto, pois as decisión de mellora no estan, polo menos nas miñas mans.
    Saudos.

  2. 22 / Abril/ 2010

    O problema é grave: cos medios humanos dos que dispoñemos poderiamos estar exportando produción audiovisual de todo tipo e da mellor calidade a medio mundo, pero, por múltiples factores, esta máquina, que ‘eppur si muove’, non acaba de levantar as ás da pista de despegue. Percíbese unha case total falta de apoio para a xente nova con ideas frescas. Non é por dicilo, pero “Mar de fondo” paréceme un claro exemplo de iniciativa brillante que carece de fondos que a catapulten cos mellores equipos técnicos cara ao mercado internacional.

    Penso que a solución non é guindar profesionais polo camiño a modo de lastre. Aquí ninguén sobra, e menos os mellor formados. Temo que ao final vaia pasar coma no conto da traíña na que cada vez había menos remeiros e máis entendidos pendentes do temón. Lamentablemente, esa é a impresión que me dá.

  3. 22 / Abril/ 2010

    “Mar por Dentro” tamén me vale como exemplo ;)

  4. 23 / Abril/ 2010

    Faragunde, o problema do audiovisual é complexo pero tamén un exemplo de que hai que xestionar con coidado a relación entre os financiamentos públicos e privados, especialmente en sectores supostamente emerxentes.

    Coincido contigo en que o principal problema desta situación é que, nun país e nunha sociedade, en moitos aspectos por construír deste un punto de vista da Europa moderna, non nos podemos permitir o luxo de malgastar persoas. Xa non só social: economicamente é unha desfeita.

  5. 26 / Abril/ 2010

    Cada ano, saen da facultade de Ciencias da Comunicación 100 ou 150 profesionais cunha formación teórica máis que decente e cun programa de prácticas que é a envexa doutras licenciaturas, pero ¿de verdade respondemos a unha necesidade real de Galicia? Porque parece que non somos máis que unha peza desa maquinaria inflada artificialmente durante anos a base de subvencións interesadas.

    Hai moito yonki do xornalismo integrado ao sistema que pensa que está levantando o país encadenado á súa replicadora de teletipos, pero a realidade é que o mundo cambia e necesita o noso traballo e talento, si, pero dunha forma moi diferente a como nós pensábamos.

    Así que ou facemos unha ‘veda do xornalista do Cantábrico’ pechando a facultade 5 aniños para normalizar a relación redaccións/cola do paro ou optamos por reinventarnos. E que carallo, non vale lamentarse, que hai cousas moito peores que reinventarse.

  6. 26 / Abril/ 2010

    A min reinventarme paréceme positivo e necesario nos esquemas laborais do mundo actual.

    Eu creo que a saída é máis optimista que negativa, pero hai que abrir as mentes. O profesional da comunicación ten, de xeito teórico, posibilidades máis diversificadas que hai dez anos. Quizais as Facultades deban orientar unha reflexión cara aí, pero tendo en conta de que as análises non deberan ser presentistas, senón tentar localizar dinámicas a longo prazo.

  7. 26 / Abril/ 2010

    En xeral creo que nos falta romper o ‘espíritu gregario’ que nos encadena aos grandes redaccións. Se o futuro a medio prazo da Comunicación pasa por estructuras máis lixeiras, dinámicas e adaptables, que rompan coa estabilidade/rixidez dos medios tradicionais dos últimos 120-150 anos, ¿que estamos facendo para adaptarnos?

    Está claro que non todos os comunicadores poden ser empresarios, pero a maioría dos xornalistas da miña xeración saímos da Universidade cun medo atroz á palabra “autónomo” e co horizonte de ser asalariado dunha gran empresa toda a vida. Para ben ou para mal, isto xa non é posible, igual que en moitos outros sectores da Economía que van adiantados na transición.

    Para os que xa estamos metidos na vida laboral, só nos queda a reinvención sobre a marcha, romper barreiras mentais e buscar novos horizontes sen renunciar ao que somos nin á nosa formación.

    Pero para as novas xeración hai un debate pendente no que as facultades teñen moito que dicir: que hai máis alá das grandes estructuras/redaccións tradicionais, como detectar e fomentar o espíritu emprendedor, introducir máis formación e orientación empresarial, adaptación laboral á nova arquitectura da Información, etc…

    E sobre todo: ¿cal debe ser o noso papel na Sociedade do s.XXI?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará