Kosmogonías de Berrogüetto: a madurez optimista

Last updated on 11 / Abril/ 2010

¿Que se pode agardar dun grupo de presenza tan dilatada e fértil no panorama da música galega como Berrogüetto? Un son propio, identificable e único, e a tremenda solvencia en abordar un novo proxecto de disco. Onte pola noite presenciamos en Pontevedra a presentación de Kosmogonías, o novo traballo do grupo despois de cinco anos. Bueno, pois é magnífico. Kosmogonías pon sobre a partitura un reto: pensar poeticamente no cosmos unha vez que xa non hai mitos, pero hai capacidades científicas que nos poden levar moito máis alá. A ollada de Berrogüetto é tremendamente moderna e curiosa: desde o folk, desde a ciencia, lonxe de tentacións new agers. Realizando unha taxonomía musical dos fenómenos máis espectaculares de vida e morte no cosmos, un se decata de que na sonoridade dos termos técnicos que existen para referirnos ao firmamento está escondido un alento tamén profundamente maxestuoso, ou fascinado. Os humanos sempre miramos para arriba con esa mestura tan propia da especie que é a fascinación e a curiosidade por saber como funciona o que nos fascina. A mestura que nos fixo avanzar tecnoloxicamente durante milenios.

O disco é unha marabilla rítmica e melódica. Gustoume o marabilloso Alalá da Noite, con letra de Manuel Rivas, Nadir, Esfericantus ou as Líridas de Abril. Tamén a Danza de Meirol, que podes baixar aquí en mp3 do seu web oficial. Todos temas optimistas, cunha instrumentación complexa que fai que as palabras vaian encabalgadas e levadas polo aire. Como me gustaría que Berrogüetto escribira a banda sonora dunha gran película, dunha película desas que queda no corazón da xente, que tivera o grupo a fortuna que tivo Yann Tiersen e chegasen ao público de mil maneiras distintas.

Foto inicial: Xoán Piñón. Foto do concerto: Sole Felloza

One Comment

  1. 11 / Abril/ 2010

    Terei que agardar para mercalo, pero sen el non che hei quedar. Saúdos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará