Un mundo de cristal ata a épica fervenza do Tabayón del Mongallu

Last updated on 9 / Abril/ 2010


Fotos: Sole

Hai roteiros que fan perder a un o sentido, que rematan cunha festa da vista e dos sentidos, e non hai recompensa máis grande, non hai persoa máis feliz, pensas nese momento, que aquela que camiña duro para chegar ata alí, para botarse a unha banda do camiño, pousar as mans sobre o bastón e ver o que parece un decorado dunha película de fantasía épica.

O roteiro, que ten un total de dez quilómetros, catalogado como PR.AS-60, faise desde a aldea de Tarna [localización], onde o sendeiro nos leva por un espesísimo bosque de faias, atravesando o reino dos urogallos e venados do Monte Saperu, ata La Campona, onde aparece maxestuosamente o Tabayón do Mongallu. unha prodixiosa fervenza de 60 metros de altura, flanqueado por dúas grandes penedías, como un fío de prata esvarando no centro dunha paisaxe imposible, máis onírica que real, máis da imaxinación das novelas lidas medio a escuras baixo das mantas, no inverno.

En tempos, cando os invernos aínda eran máis fríos que este, a fervenza conxelábase e había quen facía escalada vertical en xeo por ela arriba. Non está nada mal. Subir entre os breixos amantados en neve, no tramo final, ata o punto de caída, e percibir o vento frío, xélido, que chega do choque entre estas augas de desxeo do Regueru’l Mongallu, é emocionante.

Aquí está o roteiro en PDF e todos os roteiros do Parque Natural de Redes.

Postpost: se queredes algunha foto da fervenza en alta resolución, pedídellas a Sole [soledadfelloza@gmail.com].

One Comment

  1. ALamas
    7 / Abril/ 2010

    Espectacular.
    E seguro que noutras estacións sorprendería con toda outra gama de cores. Encántame.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará