Un gourmet discreto e tradicional

Last updated on 8 / Abril/ 2010

Moi pouca xente sabe das querencias gastronómicas deste home tan discreto como millonario, pero a súa sombra vai camiño de converterse como unha lenda entre os restaurantes do país, como unha especie de aval que procede dunha tradición oral contada coa boca pequena; o gourmet Amancio Ortega, o home máis rico do país, é unha destas figuras que estivo nos sitios nos que hai que estar pero ao que ninguén, agás os propietarios, certifica que veu neles. Polas súas trazas, de aquí e acolá, sabemos algunhas cousas dos seus gustos gastronómicos. É un home de bo comer e beber. Sabemos que lle gusta o bo xamón cortado a coitelo, que é un tanto clasicote nos viños (Riojas crianza e reserva, tres ou catro marcas), que cultiva el mesmo no seu pazo de Anceis moito do que se come na casa, e que non lle importa facer quilómetros ao longo do país para xantar nos fogóns que lle apetecen, amante de mesas colectivas cos amigos ao redor dun plato central da gastronomía tradicional.

E parece gustar moito máis dos fogóns tradicionais que dos contemporáneos. E dos discretos, con encanto, de lonxevidade xeneracional, moito máis que dos famosos. Responde ao esquema do gourmet que especializa as casas de comidas e as viaxes por pratos. A lamprea, en Casa José. O cocido, en Casa Trabazo, onde sempre se senta mirando para a vella barra do local, o cal parece indicar que ten certo gusto polo espectáculo gastronómico. Tamén a caza e os guisos no Don Miguel da Pobra do Caramiñal. Por certo, neste último o propietario, Don Miguel, mandouno a pasear polo porto, co seu proverbial mal humor, cando lle apareceu á unha da tarde para xantar. “Xa me dixeron que tiña vostede moito xenio”, seica lle dixo o señor Amancio cando volveu disciplinadamente ás dúas, xa en hora aceptable, porque na Pobra os ricos comen tarde, ou cando menos, non cedo, coma os mariñeiros. Ortega é un connoisseur , un recolledor das sonas gastronómicas do produto local. Sabe onde petar, e cando ir. Un gourmet discreto do que os hoteleiros sempre te falan como unha lenda, como alguén que non acabas de saber se é real ou non, coa sona que tiña Cunqueiro aínda nos 90. “Cunqueiro viña por aquí”, dicíanche as señoras de casa familiares de comidas, desas que están á beira da estrada pola que pasaba o autobús de liña nos 50. Falábanche de Cunqueiro e do seu colega Castroviejo con admiración, pero sabendo que te vendían o mellor aval do local. Agora é a quenda de Ortega, se cadra moito máis calado, menos lido e escrito, pero máis rico, para avalar.

4 Comments

  1. 30 / Marzo/ 2010

    Moi interesante, curioso e finamente escrito este post sobre os gustos gastronómicos do Ortega, que co teu permiso enlazo para maior coñecemento. Saúdos.

  2. 30 / Marzo/ 2010

    Por suposto, cando queiras.

  3. Ramón
    11 / Abril/ 2010

    Estupendo post. Polo que teño entendido, outro sitio deses de toda a vida que frecuenta Ortega é Casa Ríos (Xesteda-Cerceda), un local, máis que sobrio no seu decorado, que debe contar con perto medio século de vida. A especialidade é a caza, a pesca (troitas) e o cocido.

  4. 11 / Abril/ 2010

    Certo! Tamén o tiña escoitado e quedárame atrás.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará