E se os libros electrónicos xa chegaron hai dez anos?

Púxeno sobre a mesa hoxe durante o foro “Presente e futuro do libro galego“, organizado por El Correo Gallego. Desde hai dous anos, existe unha proliferación de debates sobre a chegada do libro dixital, é dicir, sobre a chegada dun gadgets e as estratexias dos editores -institucionais ou privados- fronte a este libro. A miña visión é bastante diferente. Sen negar a importancia que o éxito dun gadget pode ter na reconfiguración dun sistema industrial da cultura -pensemos nos reprodutores MP3, ou pensemos no iPhone no caso dos smartphones-, eu creo que o cambio do libro electrónico foi moi anterior, aos inicios do proceso de implantación de Internet na nosa sociedade. E ese proceso, que leva en nós practicamente quince anos, está provocando cambios na lóxica cultural asociada á produción de contidos que acaban creando un universo de difusión moito máis heteroxéneo, diverso (tamén disperso) e rico á hora de pensar en formatos de edición.

Contidos que hai cinco anos se concebían como libros agora se conciben como bases de datos ou como outro tipo de narrativas. A cuestión non é se PDF ou non PDF. A cuestión é se moitas publicacións van camiño de ser aplicacións (penso en primeira instancia no libro técnico ou de referencia, pero non só- , se hai que comezar a pensar nos custes de código fonte como antes se pensaba nos custes de impresión e nas múltiples posibilidades que todo isto abre para o mundo editorial. E de como imos coñecer o comportamento do usuarios potenciais, comportamento que moitas veces descoñecemos e nos pode dar sorpresas. Non son desafíos novos, pero seguen aí, agardando.

Como sinalei durante as miñas intervencións, conforme se avanzan no proceso de alfabetización electrónica, este novo mundo cada vez maior de información clasificada, de novas narrativas, é moi esixente cos contidos e coas interfaces. Os usuarios fan unha lectura moito máis crítica das publicacións e das súas interfaces. E, xa que logo, precisamos profesionais da edición máis que nunca neste novo mundo que xa non é tan novo. Con novas habilidades. Con novas imaxinacións. Pero tamén co rigor editorial que caracterizou ás grandes casas de edición deste país nas últimas décadas. Todo isto vai moito máis alá da simple traslación dun libro a un formato de e-book e de que tipo de DRMs se lle van poder aplicar. Sobre todo, porque hai que pensar que DRM creado, DRM crebado e o modelo de negocio é bastante turbio e incerto. O mundo editorial precisa mirar este universo cunha nova ollada. O meu simplemente foi unha achega humilde para dar unha chamada de atención a estes perigos desde fóra do núcleo do sector editorial.

4 Comments

  1. 26 / Marzo/ 2010

    Home, coido que máis ca 10 anos ten o proxecto Gutemberg (http://www.gutenberg.org/) que coido que predata o WWW (semella que comezara nos grupos de News ou así). Bueno, eu ata tiña lido algún libro do proxecto. Era unha bóa maneira de acceder a literatura en inglés para practicar o idioma fai anos (porque aquí sempre cobraron os libros de importación a prezo de ouro)

  2. 26 / Marzo/ 2010

    Si, Xosé Manuel. Eu refírome a que os desafíos de dixitalización para o mundo editorial en realidade xa estaban desde esa época, e non unicamente na dirección da dixitalización de libros secuenciais, senón na emerxencia de novas formas de contar.

  3. minhato
    26 / Marzo/ 2010

    Existen sistemas DRM que son prácticamente imposibles de romper . Por exemplo, eu me rendín co último DRM de Tomtom. Despois de varios días tentando instalar unha cartografía europea, decidín que tanto esforzo sen exito non pagaba pena, e adquirín os mapas de forma legal, por 60 €.
    Sen embargo, os problemas derivados deste caso fan que me cuestione se paga a pena volver a adquirir un navegador Tomtom, agora que por accidente rompeu o que tiña. Quizais os sistemas de navegación de Nokia (gratuíto, e tamén con DRM) ou Google, aínda sendo presuntamente de menor calidade, triúnfen por eso, por ser gratuítos.
    O que quería dicir é que é perfectamente posible facer DRM seguro, e que eso pode facer o sistema impopular. Eu creo que ese é o motívo de que a maior parte dos DRM sexan pouco seguros: para crear a masa crítica que fai triunfar o sistema.

  4. 26 / Marzo/ 2010

    Minhato, sospeito de que a invulnerabilidade dos DRMs depende unicamente do número de usuarios do sistema. Sistemas que hoxe son invulnerables con poucos usuarios fanse vulnerables con moitos usuarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará