Mar de Envero 08: un albariño de carácter moderno

Tiña probado unhas cantas veces xa o Mar de Envero ‘de pé’. Isto é, en festas e cócteles nos que se servía esta marca nova cun elegante deseño en negro. Non é mal xeito de probar un viño, enredado nas conversas. O outro día, a xente da adega fíxome chegar unha botella que xa probei con calma na casa. Non é difícil entender por que se emprega como un viño social; trátase dun albariño feito por xente nova cun estilo moderno. Non sei se os fillos matan os pais, pero nisto dos viños, en Galicia, a proxenie aposta por unha nova mirada cara os caldos. E benvida sexa! Desta volta, a crianza sobre lías fai que a percepción da acidez sexa máis suave: é un viño ideal para servir de pé pero non é un refresco, unha bomba floral. Non me gustan os viños brancos que se están facendo para non bebedores de viños, que se confunden con refrescos. O Mar de Envero continúa a ser viño, e a ser albariño, con notas cítricas -obviamente-, pero atemperadas, e coas lías facendo aparecer outras froitas máis suaves, outorgando unha gama de sabores e cheiros que satisfan a consumidores que lle piden ao viño unha certa expresión. Un viño elegante, seductor, feito por xente nova para xente nova pero sen deixarse levar por tonterías. A menos de dez euros no mercado é moi a ter en conta, agora que disque -aínda está por ver- chega a primavera.

One Comment

  1. 23 / Marzo/ 2010

    ¡Canta razón tes! coma sempre.
    O deseño de Mar de Envero (polo que gañou o premio Vinimag) anuncia un viño moderno, sobrio, elegante… e o seu contido non contradice o continente.
    Esta desinhibición respecto a imaxe tradicional dos viños (con constantes escudos heráldicos, pazos e sabas brancas como etiquetas) nos advirte que estamos ante un caldo tan pouco convencional como a botella que o contén. Innovación sen excentricidades… deixando o protagonismo ao que verdadeiramente importa: un viño ben elaborado e sen medo a arriscar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará