2.0 Editora: editar en tempos de crise

Un informe de urxencia sobre Cultura e Crise publicado o venres polo Observatorio da Cultura Galega (baixar en pdf) desvelaba as primeiras magnitudes da incidencia da crise económica no sector da cultura galega, collidas dos primeiros datos frescos obtidos do 2009. Había problemas que se vían vir: o grave do audiovisual galego, evidenciado na caída do emprego na área e na sequía de producións audiovisuais, pero tamén o sector da edición, que publicou moito menos no 2009 que en anos anteriores. Podedes ver en culturagalega.org un amplo desglose destes primeiros datos sobre o impacto da crise económica.

Agora ben, nese preocupante panorama hai indicios interesantes. No 2009 creáronse 129 empresas no ámbito cultural en áreas creativas que no ano anterior. A interpretación, para min, é bastante clara: hai moita xente, se cadra saída doutros proxectos, buscándose a vida, explorando novos niños de mercado e tentando facerse un oco nun panorama complicado, con moitos clientes -os concellos, por exemplo- nun colapso orzamentario real. Deses proxectos, os máis hábiles -e nisto son optimista- alumearán novos modos de facer, producir, crear cultura.

2.0 Editora parece ser deses proxectos. Galicia é o país das pequenas iniciativas editoriais. Dotados de espírito dixital, cun web coidado e cun blog sobre o mundo da edición e os retos dixitais, a editora bótase ao mundo/mercado con traducións de clásicos do humor do século XX que non fallaron noutras linguas e que poden tirar ben no mercado galego –A Guía do Autoestopista Galáctico, Sen noticias de Gurb, O home que era Xoves– e introducindo temas novos, coma libros de terminoloxía nacidos dunha canle aberta na rede, coma o valioso boletín Un idioma preciso do Servizo de Normalización Lingüística da USC, agora convertido en libro. O equipo asegura que o obxectivo da editora é producir para todo tipo de canles, prestando atención ás dixitais, aínda que creo que non podemos ver, polo momento, ningún exemplo dos seus produtos para ebook. Remitíronme, pola contra, un par de publicacións impresas e estívenlles botando un bo ollo: edicións coidadas, con boas ilustracións de capas, boa tipografía interior e unha edición, en suma, coidada e profesional.

Todos os meus parabéns e sortes para o proxecto.

2 Comments

  1. 24 / Marzo/ 2010

    Moitas grazas polos teus parabéns e comentarios!
    Un saúdo de todo o equipo de 2.0 EDITORA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará