Garage: a vida na fronteira da normalidade


Josie, o protagonista

Vexo Garage (2007), se cadra unha das películas irlandesas que máis notoriedade internacional tivo nos últimos anos, achégase valentemente a un problema silencioso e silenciado: o do lugar que ocupan nas sociedades, nas comunidades, aqueles individuos que teñen un pequeno retardo que non os sitúa no espazo dos discapacitados pero tampouco no das persoas normais. O director e o guionista sitúan a Josie, un home de mediana idade que sobrevive como empregado dunha gasolineira case sen clientes, nunha contorna rural, dunha pequena vila, para acentuar o seu rol de soedade. Apartados das relacións amigables normais, apartados das relacións sentimentais e sexuais, estas persoas con retardo apreciable viven unha existencia solitaria, desprazada, resignada. “Na miña cabeza non hai nada”, dille Josie ao rapaz que o seu patrón pon a colaborar. Sabemos que non é certo. Na súa cabeza hai moito: pero el mesmo prefire situarse á marxe. E sitúase á marxe porque a nosa sociedade non sabe como concederlles un espazo.

Todos coñecemos situacións similares no rural. Tamén na cidade, pero é distinto: se teñen sorte, determinados mecanismos sociais poden contribuír dalgún xeito a unha integración. Pero no rural estas persoas van contigo ao colexio, que ves como os profesores van facendo lentamente a vista gorda mentres pasan de cursos ata obteren o graduado, e iso remata, e chega a adolescencia e ninguén calla ao seu carón, e vanse facendo máis solitarias. Si, saudadas por todos na aldea ou na vila, puteadas por algúns, e cun calvario en cernes: sen opcións a parella, ou só de parellas coma eles, sen posibilidade de ter fillos, con pais que morren coa incertidume do seu futuro -o peor desacougo destes pais-, con casas desleixadas, acobadados nas festas da vila na barra da comisión de festas, mentres os grupos van e veñen, e ven bailar ás mozas e aos pais coas fillas na sesión vermú; todos os saúdan, ninguén para con eles. Ás veces emborráchanse para escogorcio xeral; despois espetaranllo durante anos ou décadas. Pero todos os que coñezo teñen unha cousa en común: nunca os escoitarás queixarse do seu tránsito de merda por esta vida. É unha resignación mansa, case de animal doméstico, que é difícil de comprender salvo como unha técnica de supervivencia. Garage vai disto, e de moito máis. De como separamos a estas persoas pero lles esiximos, en momentos determinados, o mesmo que ás normais. O final desta traxicomedia é duro, claro: rebeleime contra el. Claro que Josie tiña cousas na cabeza.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará