Aínda máis atrás cos albariños

Ao servilo provócase un efecto estraño, unha confusión dos sentidos. Estás vendo un líquido dourado, intensamente dourado, mesmo parece algo mesto aínda que despois non o sexa. Cres ver un moscatel, cres ver un viño doce repousado. Pero é un albariño. Un albariño de dez años. No último mes, algunhas veces catei con amigos albariños vellos. E aseguro, son hipnóticos, na súa cor. Xabi sacounos o outro día un albariño Dorado do 2001, un vinho verde de Monção. Dez anos de albariño. Ao probalo, claro, a confusión imposible: non é doce, senón dez anos despois, aínda moi ácido, e fresco. E pasou dos sabores cítricos propios do varietal aquén e alén Miño a tomar a personalidade algo máis encorpada dun godello.

Agora, este Dorado do 2001 sabe a mazá, a fresca mazá verde contida nun espeso raio de outono; e algo máis, pode que a mesma suxestión da cor. Apareceron en nariz notas de carburos, coma os Riesling, como se revelaran ao final o misterio e nos confirmaran que si, que a uva albariño chegou canda os monxes do Císter atravesando pireneos e mesetas, ródanos, ebros e rhins. Brancos de dez anos, conservados en botella, sen barrica. Canto nos falta por saber dos nosos varietais, unha vez superemos os nosos prexuízos e deixemos tempo ao tempo. A opción máis fácil para descubrilo, se queredes, é o excelente Contra a Parede, que comercializa a adega Eidos. O outro día probei a anada 2005. Unha gran achega.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará