En Cequeril co Señor das Bestas

Last updated on 16 / Marzo/ 2010


Dúas correntes distintas do mesmo río: o Umia. Foto: Sole

Andivemos o roteiro PRG 123, chamado da Ponte do Ramo [localización], ao longo da parroquia de Cequeril (Cuntis). Está case recén feito por unha dinámica asociación local, Portavezal, que conseguira o apoio económico de AGADER para poñer en marcha o proxecto de amosar o mellor da súa parroquia. Trátase dun repousado camiño de case sete quilómetros que se fai con tranquilidade nunhas tres horas e medio, e no que se combinan paisaxes dun fermosísimo tramo do Umia con varios muíños rehabilitados con outros atractivos paisaxísticos, etnográficos e arqueolóxicos. Comézase na Ponte do Ramo, entre Cuntis e Cequeril, e está perfectamente sinalizado e explicado. O valciño estreito de Cequeril, encaixado entre montes altos e o Castro Sebil, é un fermoso lugar para andar e perderse. Xa había tempo que non tiveramos tempo de andar.

Pero un dos puntos máis chamativos do roteiro son as estacións rupestres que están por riba de Cequeril, unha auténtica paisaxe cultural e simbólica. Son especiais por moitos motivos, pero para os arqueólogos un sobre todo: moitos das espirais e círculos teñen unha cruz no medio. Nalgúns casos parece evidente a existencia dun suco máis profundo, feito a cincel, no interior das espirais, co cal parece indicar unha curiosa tarefa de cristianización dun lugar pagán que debía seguir mantendo, cando menos, capital simbólico nalgún momento do cristianismo. Pero outras formas son moi divertidas. Nunha das laxes aparece o que se supón un gato (e sería o primeiro gato representado nun petróglifo galego). É fermoso pasear entre as pedras, e descubrir petróglifos que son como gotas de chuvia que rebotan nas laxes, como ondas concéntricas ao caeren pedriñas nun estanque. Pero o petróglifo máis intrigante é este:

Chámase a Laxe dos Homes e como se pode apreciar sen necesitar ser un experto é que os sucos son en V, non en U. Está feito a cincel, e iso indica posiblemente que foi gravado con posterioridade ás tradicionais espirais e labirintos que aparecen noutros, e iso fai que moitos investigadores garden moitas reservas sobre estas figuras. Son dúas figuras: posiblemente unha de sexo masculino e outra de sexo feminino, aínda que sobre as intepretacións que se fan, eu creo que a feminina é a que os investigadores din que é a masculina, e viceversa). Pero eu non podo deixar de mirala, mirala con calma.

A quen vexo aquí é a Cernunnos, o Señor das Bestas da mitoloxía celta e doutras moitas. Aparece noutros lugares de Galicia, tamén. O meu amigo Carlos de Rianxo estará nestes momentos ríndose. El foi quen me axudou a ver o primeiro Cernnuno no seu concello. Obsérvoo e comparo esta figura coa Caldeiro de Gündestrup, onde podemos atopar a imaxe máis canónica do Señor das Bestas. O deus rodeado de cervos e porcos bravos e cunha serpe na man. Un deus que parece soñar. E logo miro á figura esquemática de Cequeril. Os seus brazos e os seus pés. Poden ser representacións de dedos, mans e pés, pero eses estraños trazos tamén poideran ser raiceiras de árbores. Un Señor da Natureza, con cornos de cervo e pés e mans coma árbores. Miro enfronte, na accidentada paisaxe de outeiros e o río Umia serpeando. Dan gañas de chamar ao deus cun corno desde este altiplano sagrado, que aínda conserva unha pequena e fermosa carballeira no centro, e velo remexerse entre as copas dos carballos.

Con independencia de que isto só sexa unha evocación literaria e ensoñadora, asegúrolle que os investigadores non vos dar moitas máis respostas sobre esta figura. Un dos motivos máis para facer un fermoso roteiro. A mágoa. Coma sempre, non nos cruzamos con ninguén. ¿Como non se vai desfacer este país entre construción, especulación e asfalto se non nos tomamos nin o pracer de percorrelo e andalo?

13 Comments

  1. Xabres da Teixeira
    16 / Marzo/ 2010

    ¡Estupendo artigo!.
    Gracias por compartir estas pequenas xoias.
    ¡Morrerei sen coñecer nin a décima parte, e creo que coñezo uns poucos!
    Insisto, gracias

  2. Manuel Santos
    16 / Marzo/ 2010

    Efectivamente trátase dunha zona interesante. En varios traballos, algúns deles firmados con Marco García, temos abordado o tema dalgúns destes petroglifos, Laxe dos Homes atópase nun lugar que coincide co que temos denominado fronteira “antinatural”. Se vos fixades no mapa a fronteira de Cuntis segue o curso do río Umia ata que che á altura de Cequeril, aquí abandona o río e penetra na outra banda do río, para logo volver a segui-lo curso do río. Este mesmo fenómeno atopámolo en A Ferradura (Amoeiro), en Campo Lameiro ou no río Verdugo, fronte ó Castro da Peneda, ó norte do río Verdugo hai tamén un petroglifo semellante ó de Cequeril.

  3. carlos
    16 / Marzo/ 2010

    xa me soaba aljo o titulo do post , jracias polas primeiras risas do dia. As fijuras da Laxe dos Homes , creo recordar que hai investijadores que din que son escarabellos??. E o de fronteira “antinatural” ijualiño ca no Castro Valente ( concello de Padron mais na beira sur do Ulla) e o castro das Sercas (hoxendia concello de Rianxo ainda que antijuamente era do concello de Cordeiro na provinsia de Pontevedra e as Sercas estan na beira norte do rio).
    P.S : Atopei Luania nun mapa do 16??.Xa falaremos.

  4. 16 / Marzo/ 2010

    Carlos, xa me falarás dese mapa, xa te imaxinas o interesado que estou!

    Manuel, efectivamente, estiven lendo os vosos traballos sobre arqueoloxía dos espazos sagrados en Galicia (un exemplo para quen lle interese, aquí en PDF), e xusto che ía comentar o que dicía Carlos no comentario anterior. Castro Valente é un exemplo esaxerado de límite antinatural, pertencendo a Padrón e Á Coruña pero encaixado en Pontevedra, e tamén se axudsta con outras características que comentas, como o illamento con respecto a núcleos de poboación e mesmo o estar nun posible límite entre entidades sociais. Ten un recinto sagrado (unha capela, da que só se recoñece a pranta) ao carón dunha fonte (con inscrición do XVIII) e na base da muralla, unha chea de folclore, unha muralla brutal e referencias a determinados achados arqueolóxicos a principios do século XX. Sen embargo, non aparecen petróglifos. E iso que tamén desde principios do século XX se levan procurando para quen se imaxinaba alí algún tipo de lugar de culto e debeu deixar os ollos entre esas pedras. Non sei. Pero xa verás que nos vindeiros anos, o Valente -se é que queda algo del- vai dar moito que falar.

  5. 16 / Marzo/ 2010

    Pois eu vexo a unha especie de Piccoro lanzando unha Onda vital :D

    Poden datarse os petroglifos dalgunha maneira ou só polo estilo e a técnica utilizada?

  6. 16 / Marzo/ 2010

    Non hai ningunha técnica de datación precisa, aínda que as diferencias entre abrasión e uso de metal adoitan axudar a situar moitos petroglifos nun horizonte temporal “algo” máis concreto. Se tes a inmensa sorte de que apareza un obxecto recoñecible no rexistro arqueolóxico, coma nos petróglifos do Castro de Conxo, pois podes relacionalos con ese estrato con bastante precisión. Estes son os petróglifos de Conxo (Idade do Bronce):

    http://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Petroglifos_do_Castrinho_de_Conxo.jpg

  7. 16 / Marzo/ 2010

    Ademáis, o método comparativo entre motivos tamén axuda a situar as cousas. Iso axuda a situar algúns elementos. Pero todos eses métodos sempre son bastante polémicos.

  8. Manuel Santos
    17 / Marzo/ 2010

    Certamente o de castro Valente é ben interesante, ademáis é certo o da fronteira neste lugar. Por un lado semella un castro, trátase dun recinto fortificado, pero por outra banda o tamaño, a febleza da muralla, a ausencia de foxos, pero como ben di magago a escavación podería dar resultados sorprendentes.

  9. 17 / Marzo/ 2010

    Gardo este roteiro para facer cando faga mellor tempo e teña máis tempo…Saúdos e apertas

  10. lapatianco
    18 / Marzo/ 2010

    Vaia oh. Outra vez a coincidir. E xa van varias.

    Xusto este domingo irei por esas terras para preparar o roteiro que guiarei para os Amigos do Arqueolóxico nas próximas semanas. Vexo que nas últimas semanas andas visitando e revisitando esas terras (polo das ruínas de San Miguel de Couselo). ¡Haiche tanto que ver nelas!
    Haberá que ver para cando dá un día. Pero a intención é que haxa tempo a visitar un pouco a vila de Cuntis, logo subir ás excavacións de Castrolandín, tentar visitar o castro de Penalba, e rematar nas estacións de Petroglifos de Campolameiro. Pero poida que sexa moito querer. Outras cousas quedarán para próximas visitas.
    Interesante o mapa este de Cuntis. Hai máis. E, en xeral, moi boas e traballadas as páxinas de patrimonio deste concello. Enlace:
    http://www.turismodecuntis.com/mapas/mamoas-petroglifos_big.jpg
    E tampouco son malas as de Campolameiro:
    http://www.campolameiro.com/rutas_gal.html
    Saúdos.

  11. 18 / Marzo/ 2010

    E máis que me verás. Aínda teño pendentes varias cousas. Unha delas, unha subida ao monte Xesteiras. Xa contarei por aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará