Cando Pardo de Cela e Castro Valente se conectaron na ficción

Last updated on 27 / Novembro/ 2012

Investigando sobre algúns datos novos que teño sobre Castro Valente atopeime esta curiosidade que me fixo rir. É impresionante a polisemia, a cantidade de diferentes significados, que se multiplican sobre algúns lugares hoxendía esquencidos pero que continuaron a exercer, séculos despois de abandonados, forza mesmo literaria. En 1911 o artista e crítico de arte Rafael Balsa de la Vega publicou nos números 11 e 12 de Galicia: revista regional o relato Herbón. A historia narra a relación entre dous vellos amigos, o Guardián ou Prior do Convento de Herbón e un suposto señor feudal do castelo de Castro Valente, do outro cabo do río Ulla, no contexto da derrota de Xoana a Beltranexa e o Mariscal Pardo de Cela e as loitas da nobreza galega por impoñerse no reino castelán. Supoño que Balsa de la Vega debeu apreciar desde abaixo do monte as ruínas da muralla, de aquela máis limpo por efecto do pastoreo que se daba alí, segundo me falan os vellos da zona. Velaquí vai a descrición:

“Sus piedras, por el monte desperdigadas y cubiertas de sedoso liquen semejan caprichosos estuches forrados de terciopelo verde, merecen la pluma de oro de Zorrilla para ser descritos (…) Sobre una planicie rodeada de azulados montes se ven las ruinas de un castillo que a mí se me antoja famoso y que, según cuentan las crónicas, se derrumbó incendiado a fines del siglo de los Reyes Católicos”.

Ese último apuntamento é estraño, trátase da primeira referencia que teño a que alí puidera haber un castelo medieval, e non creo que sexa moi fiable. Tampouco importa, de non selo: é abraiante ver como, canda unha abundantísima tradición oral aínda viva ao redor deste lugar, tamén existe unha tradición culta, emparentada coa sociedade das artes de finais do XIX e principios do XX ao redor deste lugar que hoxe practicamente non existe para os padroneses e as súas autoridades. En si mesmo, é o típico relato medievalista de tonos románticos moi do momento. Balsa de la Vega, por certo, foi íntimo da Pardo Bazán e deseñou canda ela o toque neorománico e neogótico do Pazo de Meirás, no que escribiu moitos dos seus textos.

Atopeino no web da Real Academia Galega ( 1 e 2). Aquí está o PDF do relato completo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará