Essência do Vinho 2010: a loita (pouco épica) entre madeira e varietal

Andivemos percorrendo o ateigado Palácio da Bolsa de Porto durante o Essência do Vinho 2010, unha cita tan indispensable para os amantes do viño como ausente de visitantes galegos (tampouco hai unha campaña de comunicación en Galicia para promocionar o evento). Creo que sentín a un señor nun acumulado corredor falar nun idioma que non fora portugués ou inglés. E non sería por viño que explorar: 350 produtores de todo o país, aínda que concentrados en dúas grandes áreas: Douro e Alentejo, con certa presenza do Ribatejo e a clamorosa ausencia dos viños do Dão (debía haber tres ou catro adegas).

Igual que o ano anterior, percibín nesta panorámica dos viños portugueses a tensión entre a madeira nova e o varietal. Moitos dos viños portugueses, mesmo moitos dos clasificados por un comité de expertos coma os mellores da mostra (ligazón ao PDF) dan un maderazo impresionante. Por exemplo, o Redoma Branco 08, un Douro da adega Nieerport -que tiña o stand máis concorrido da mostra-, fermentado en barrica e con certas notas petroleadas que o aproximaban, sutilmente, a algunhas notas alemanas. En termos de tintos, acontecía o mesmo coa Quinta do Couquinho Gran Reserva 07, tamén con forte presenza de madeira, aínda sendo un viño moi sólido. Ademáis, o Douro ten circunstancias excepcionais. Todos os viñedos son únicos, na medida en que están conformados por un montón de castes diferentes, xa que a cuestión do varietal non era importante para facer os viños do Porto. Ese leigado de cepas vellas vinculado á historia da rexión provoca que, cando fas tintos, cada viño teña unha personalidade diferente e especial. A madeira pode axudar a domar a brava tanicidade daqueles viños do Douro sometidos a máis calor -o das zonas superiores do canón-, pero é un monstro que hai que controlar. Os señores da Quinta das Brôlhas, por exemplo: probamos un impresionante vertical que comezaba no 2003 e levaba ata unha Escolla especial do 2007. Podíase observar como a madeira, en todos estes viños, integrábase de xeito sutil, ata adquirir na anada 2007 uns fermosos e elegantes toques balsámicos. Outros casos collen o touro polos cornos. Atención a esta adega: Quinta do Filoco. Encantáronme os seus viños, especialmente o Quinta do Filoco Gran Reserva 2007. Unha achega diferente aos viños do Douro, cheo de personalidade, varietais propios (touriga nacional e outras castes) e frescura.

Comercial/Terroir, Moda/Tradición, Modernidade/Puretismo. Ese é un pouco o binomio. Acontece cos curiosos viñedos de Gloria Reynolds, no Alentejo, unha familia de curiosa historia que leva na rexión desde o XIX. Toda a serie Gloria Reynolds concede moita importancia á crianza. Pero o seu sucesor, Julián, elabora o Julian Reynolds Reserva, no que un fondo de compota negra, profunda e escura confírelle esa personalidade buscada: o calor do viño alentejano no que van aparecendo as froitas que maduran con rapidez. O Alentejo é curioso: alí é onde mantén unha vida digna unha variedade que en Galicia arrasou no seu momento coas nosas variedades autóctonas, especialmente no Ribeiro, pero que aló continúa a ser importante. Un viño elegante, ben estruturado é o Fita Preta 2007, de Fitapreta viños, feito con Aragonés, Trincadeira e Alicante, con gran potencia alcólica pero dunha estrutura ben saborosa.

Do Alentejo tamén me gustaron moito algúns syrah que probei. A calor dese espazo dálle grandes oportunidades a esa caste que sabe defenderse ben en climas secos. Un viño para notar moito: o Cem Reis 2007, da Herdade da Maroteira, monovarietal de syrah moderno, con notas balsámicas e final delongado en boca.

En resumo, a miña impresión é que o viño portugués, que parece ter moi boa saúde de ver eventos coma este, está dividido -coma nós- entre aqueles que se confían na crianza para darlle aos viños un sabor máis homoxéneo e de gusto supostamente máis internacional e os viños de corte máis moderno, feitos por enólogos algo máis novos, preocupados pola expresión local. Hai que seguir indo a Essência do Vinho!

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará