Fórum’10: Un eloxio da acidez


O sumiller catalán Josep Roca. Foto: Fórum

Cada un conta a feira como lle vai nela, reza o refrán. Pero no Fórum tamén cadaquén conta o evento segundo os obradoiros e ponencias ás que asistiu. Onte pola noite mesmo falaba cuns compañeiros que me miraron raro cando lles comentei que neste Fórum falouse moito de acidez: eles tamén estiveran alí e nin idea. Supoño que foi o martes cando me deu tal impresión, no Fórum Viño. O Fórum Viño foi unha auténtica reivindicación da acidez como valor. ¿Lembrades durante canto tempo a acidez foi un problema para os viños galegos? Se os viños eran ácedos eran rústicos, difíciles para o estómago. Hai niveis e niveis de acidez, por suposto, e moitas veces nos viños caseiros rozan o intolerable e outras tantas, nos viños etiquetados, se disparan. En xeral, creo que a acidez é a delgada liña vermella entre os gustos do viño, mesmo entre xeracións e zonas.


Antonio Portela nos viñedos das Rías Baixas. Foto: Antonio Portela

No Fórum Viño reivindicouse a cara positiva da acidez que caracteriza ao viño galego: a da frescura e a do potencial do envellecemento. Antonio Portela, nunha poética presentación -tanto coma os seus posts no Viticólogo dos Bagos– explorou a súa diversidade xeográfica, percorrendo vellos bancais e emparrados. A espectacular ponencia de Josep Roca, o sumiller do Celler de Can Roca, tras unha síntese do seu traballo de harmonización entre a súa carta de viños e a cociña do restaurante, estendeuse tamén cunha parte da charla que me demostrou co seu nivel que este home xa non é deste mundo. Chamouse a Brillante Inmadurez e presentou caldos de distintas áreas europeas cunha acidez manifesta e apreciable. Nalgúns casos, viños con certo envellecemento. Roca reivindicou esa zona de sombra dos nosos viños “que os adegueiros non esperan a comprobar”: saber que ocorre cando deixas repousar anos o viño galego.

Acidez. Estraña amiga. Os irmáns Cannas ofreceron un obradoiro de maridaxe entre as propiedades dos viños e os pratos. Velaí sucederon jerez, albariños e un último viño que non alcanzo a lembrar. Con el, unha sorte de cóctel metido dentro dunha lima, facendo a acidez amable e única como un tesouro ao que acostumarse e aproveitar.

2 Comments

  1. enriquecastillo
    27 / Febreiro/ 2010

    un saudo don m.gago.
    era un Riesling ,o que acompañava a lima con hervaluisa.

  2. 27 / Febreiro/ 2010

    Certo, Enrique, era un riesling. Grazas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará