Por unha nova narrativa oral do viño


Asistentes a O Sabor das Letras. Foto: Fundación Carlos Casares.

Marchei de Vigo á unha da mañá. Ao conducir pola autoestrada a esas horas (que deserta fica Vigo polas noites) supuña que camiñaba cun pequeno sorriso que só eu mesmo podía intuír eu. Escoitando o último de Massive Attack mentres cruzaba Rande descansei nas costas toda a tensión acumulada durante un tempo. Estou moi acostumado a falar en público, mesmo en situacións non idóneas ou en circunstancias caóticas. Pero desta volta estaba ben satisfeito, e sabía o que sentía: entusiasmo.

En Vigo, no Museo MARCO, tivera a oportunidade de mesturar nunha cata viños, viaxes e literatura. A Fundación Carlos Casares convocara un novo ciclo de Cafés Voltaire titulados “O sabor das letras”, unha experiencia de fusión entre gastronomía e literatura en colaboración coa Agrupación Amigos do MARCO. Son conferencias acompañadas de sabores e aromas, nas que se sirven viños e se degustan pratiños xurdidos da cociña de Alfonso Botas. Debe ser a primeira vez que se explora esa relación a partir dunha convocatoria dunha fundación cultural. Teño que agradecer á Fundación e a Gustavo Garrido o esforzo que puxeron en realizar unha primeira sesión que foi un auténtico luxo dos sentidos.

Desde o principio tiven claro que non quería facer unha cata convencional. Quería facer algo que traspasara as fronteiras, que crease un discurso onde os límites entre a literatura, a imaxe, o audiovisual, os pratos e o propio viño fosen borrosos, mesturados: quería facelos confusos para tornar evidente a relación estreita entre todos eles. Quería trasladar a gastronomía e o viño ao interior dos relatos literarios. Quería facelo con humor, desdramatizando, transformando o xeito no que realizamos catas enolóxicas. A inversión exemplificábase en como xogamos coas expectativas: nas zonas produtoras de branco tomamos tintos sorprendentes. Nas zonas de tinto tomamos brancos. Aí nace parte do xogo. Era a primeira vez que o facía, e estaba un tanto nervioso (aínda que non se me notara).

Eu vou a moitas catas. Gosto delas, pero boa parte desas sesións están concebidas desde o punto de vista que os enólogos, e non os consumidores, consideran importantes: solos, climas, variedades, procedementos, aromas primarios, secundarios, terciarios, tanicidades. Todos eses conceptos son fundamentais para ter unha comprensión total do viño, pero moitas veces así formulados nos distancian dun público a priori interesado pero ao que tanto vocabulario técnico lle resulta unha barreira. Así que quería ensaiar contar o mesmo desde outros lugares, facendo outra lectura dos caldos. Desde as persoas, desde os secretos de corredoira, tomando a gran Historia e as pequenas historias, quería facer voar ás persoas sobre o territorio, quería activar a súa curiosidade con incógnitas e chiscadelas, quería disparar a imaxinación alén do propio grolo de viño que tomas na copa, quería trasladar a emoción das letras á felicidade compadral do viño. Quería convertir ao viño nun relato, ou en parte dun relato, en compaña cos grandes escritores do país.

Creo que nos divertimos moito. Co espazo do restaurante do MARCO abarrotado de afeccionadas cultas e con gañas de pasalo ben, vivimos unha pequena festa dos sentidos. Ante o meu abraio ante tanta xente e tanto entusiasmo, alguén me dixo unha frase que é clave para comprendermos o que pasa coa gastronomía hoxe en Galicia:

-A xente está ansiosa por coñecer máis, por saber máis.

É unha forza que non debemos desaproveitar.

2 Comments

  1. 11 / Marzo/ 2010

    Querido Manuel,
    Aïnda veño agora de ler a túa fermosa crónica sobre a primeira sesión de “O sabor das letras”, despois da voráxine do IV Ciclo Ciencia e Sociedade e as distintas coitas coa Administración, pesados e interminables asuntos burocráticos. Fermosa e xenerosa crónica que che agradezo moito. Pero como di Soledad Antón, xogábamos sobre seguro convidándoche a facer os honores da apertura dunha nova xeira do Café Voltaire. Foi unha experiencia irrepetible polo que tivo de desenlace feliz de medos e de nervos. Agora son todo parabens e loubanzas ben gañadas por ti, e recordos dos asistentes ao evento do ben que o pasaron. Moitas grazas, polo tanto, polo traballo e pola crónica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará