Ao pé do lar: a importancia dos xestos


Isaac Díaz Pardo en primeiro plano. Detrás: Carlos Vila. Sentados, de esquerda a dereita, Luciano García Alén, Carlos García Martínez, Xosé Neira Vilas e Avelino Pousa Antelo. Foto: Sole

Coido que a primeira exposición e o primeiro museo que eu visitei foi o Museo do Pobo Galego. Como tantos escolares, foi durante unha visita a Santiago. O que máis me sorprendeu foi a enorme dorna xeiteira que estaba na sala de pesca. Eu era un neno, pero a sensación, con todos os trasmallos, aparellos, anzós, poutadas da sala, foi de sorpresa. ¿Por que estaban dentro de vitrinas os obxectos que se usaban na miña vila? ¿Non gardaban cousas valiosas os museos, obras de arte, pinturas antigas?

Teño un compañeiro de traballo que está convencido de que en Galicia só se musealiza aquelo que está a piques de desaparecer. É unha visión moi atinada do fenómeno dos centros de interpretación, pero tamén creo que, moitas veces, non só sinalan que algo vai desaparecer; ás veces pode indicar que vai cambiar de estado. Os obxectos do pasado poden perder algunhas das súas funcións no presente, pero preservar outras (coma o valor simbólico). Cando eu de pequeno vin unha dorna xeiteira no Museo do Pobo Galego, como tantas que empregaron durante séculos os meus devanceiros para gañar a vida, cobrei razón de que esa barca, canda os outros obxectos da sala, formaba parte dun sentido coherente. De que a cultura non era só aquelo que aparecía nos suplementos dos xornais ou da televisión. E de que nós mesmos, nós e calquera outro pobo, tamén somos cultura polo simple feito de ser homes e mulleres, con independencia da nosa condición e nacencia. Ao mirar poutadas e nasas sen uso real pero nun lugar tan importante, de súpeto todo aquelo tamén se convertiu en importante, provocando o que os antropólogos denominan transferencia simbólica. Por iso o Museo do Pobo é unha peza fundamental para a recuperación cultural de Galicia.

Vintepico anos despois de aquela visita, comisario a miña primeira exposición no primeiro museo que eu coñecín, o da enigmática escaleira en espiral. E decátome de que o que quixemos facer coa exposición non deixa de ser tentar unha ollada, unha reescritura do nós mesmos, obrigándonos a remirar o noso arredor con dignidade, coa cabeza ben alta, axudando a ver como un concepto algo que estaba disperso. O venres, durante a multitudinaria inauguración de Ao pé do Lar -os nosos corazóns nunca estarán o abondo agradecidos ante tanto interese de xente tan diversa- o que percibín entre as mareas de xente que percorrían os corredores foi orgullo. Por alí paseaban as moitas familias que durante a produción nos deixaran entrar nos seus ámbitos domésticos máis íntimos. Eles, a súa foto, estaba no corazón simbólico da cultura popular do país. Coas miradas húmedas. Sentíndose parte da Historia -e que máis ten se escribimos Historia con maiúsculas ou minúsculas.

Pero hai unha foto que non figura na exposición e que é moi importante: a que abre este post. Durante a preparación do evento, unha significativa parte do noso traballo durante a semana previa foi argallar con Esperanza e Pedro a presenza na exposición dos velliños. Despois, con Xurxo e o comprometido equipo do Museo do Pobo preparar o acceso ao primeiro andar deles e con Ana e o seu equipo de relacións públicas a disposición das súas cadeiras na primeira fila. E alí chegaron eles. Don Avelino Pousa Antelo, Don Xosé Neira Vilas, Don Luciano García-Alén e Don Isaac Díaz Pardo. Eles son a memoria viva da nosa cultura, persoas valentes e xenerosas que mantiveron aceso o facho das nosas lingua e cultura durante décadas, moitas delas ben escuras, e que exerceron de auténticas pontes humanas entre abismos de dificultades. Ao carón deles, tamén estaba outra figura fundamental da nosa cultura contemporánea, Helena Villar, á que liamos para que fora unha valiosa integrante do equipo pedagóxico da exposición.

Queriamos, precisabamos que estiveran alí connosco, como mestres, avós silandeiros que foron para esta exposición. O seu exemplo vital valeu para estimularnos a conectar o saber ilustrado co popular, a que por riba de calquera vaidade persoal está o traballar con ledicia para un proxecto que é moito máis grande ca nós mesmos, pero do que somos parte. Por iso esa foto, de todas as desa marabillosa noite no Museo do Pobo Galego, é unha das máis importantes. E por iso eu lles quero agradecer publicamente, tan emocionado como o estaba a noite do venres, o esforzo da súa presenza.

5 Comments

  1. Jose
    8 / Febreiro/ 2010

    Noraboa Manuel.

  2. 8 / Febreiro/ 2010

    Noraboa meu!!

  3. 8 / Febreiro/ 2010

    parabéns para este traballo inxente que coordinas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará