XI Xantanza: compostelaneando entre a Praza de Abastos e a Rúa das Hortas

Last updated on 25 / Xaneiro/ 2010


Blogastrónomos (dereita), no recanto de Abastos 2.0, á entrada da praza. Foto: Foucellas

“Xa tocaba”, era un pouco a frase xeral, que se foi repetindo ao longo de todas as horas que durou a XI Xantanza de Blogastrónomos. Referiámonos a que tardamos dez edicións en celebrar unha xantanza en Compostela. Esta, a XI, comezou nun dos lugares máis compostelanos, a Praza de Abastos. Alí os amigos do Abastos 2.0 xa nos tiñan preparado un “carriño” -literal- fóra do minúsculo bar, e xusto na entrada da Praza, na rúa máis burguesa de Compostela, unha xoia por revalorizar, a rúa de Altamira.

Chegou unha primeira botella de Sameirás 1040, un impresionante Ribeiro con algo de crianza de lías e barrica ao que nos fumos entregando, quentándoo coas mans nas copas, mentres todos chegaban. Este recanto é un auténtico privilexio. Xentes entrando e saíndo da praza coas bolsas azuis das compras, que se apostan na barra para alegrar o padal -que diría o amigo Xavier Castro- tras unha dura mañá de loita contra as peixeiras. Outros pasando e crendo que o noso carriño era unha degustación aberta. Batalla de paraugas, chuvasqueiros e carriños. E coñecidos pasando continuamente.

-¿Quedas a tomar un viño connosco, John?
-Quedo, ho!

Mentres, Iago e Marcos -co Abastos 2.0 totalmente saturado de curiosos que chegaban atraídos polo rumor do novo local- íannos sacando os seus pratiños de cociña miúda.


Fotos: Sole

Os berberechos-exprés dos que xa falamos o outro día, seguidos dunhas ricas zamburiñas de inspiración oriental, para rematarmos cuns mexilóns con lombarda e cebola frita, un gran prato de tapeo, cos seus sabores contundentes de fritura, bos para acompañar chatos e cervexas. Tres pinchiños para abrir boca antes do festival que nos ía ofrecer Marcelo Tejedor na súa casa.

Os que vivimos en Compostela tendemos a abstraernos do espazo no que vivimos, a normalizalo e ao facelo moitas veces nos perdemos o pracer de mirar como estranxeiros a nosa propia cidade. Adoro facer cousas diferentes a horas diferentes na cidade, porque é como se te convertiras no turista accidental e tiveses todo por descubrir. É o que se chama compostelanear, ou sexa, dedicarlle con pracer un día do teu tempo libre a esta cidade. Baixamos ata Casa Marcelo, e desde atrás do cristal Marcelo mandounos para enfronte, para cruzar a rúa:

-Ides inaugurar algo.

Cruzamos as Hortas e entramos nunha casa de enfronte. Alí abaixo, Casa Marcelo reformou hai uns meses a adega pero aínda non se habilitara como un espazo para os clientes. “Sodes os primeiros clientes en probala”. É un pequeno espazo acolledor presidido por unha bonita lareira urbana das clásicas na zona vella de Santiago, e os enogeeks xa nos puxemos a curiosear todos os estantes. Este vídeo de Berta amosa o momento:

Na adega agardábanos un bo Pedralonga acompañado dunha empanada de choco que era un auténtico vicio, onde nos fumos preparando para o recital posterior, unha vez que pasamos a sala, especialmente alegre tralos diferentes quentamentos previso que empregamos para vencer o frío compostelán. Tratouse dunha auténtica sinfonía de pratos que combinaban os clásicos da casa coas novas elaboracións. Co restaurante cheo, o equipo que dirixe Iván Domínguez desprazábase pola cociña vista a ritmo tan frenético como milimétrico.

E comezou a sinfonía:

Non vou detallar todos os pratos, pero si me gustaría contar varias cousas. Efectivamente, foi un auténtico festival, que comeza como as grandes festas, cun mojito de ruibarbo servido entre xeo. E logo o penetrante sabor da sopa de boletus coa que arrincas. E ese Mi‐Cuit e Espuma de Foie‐gras con Champiñóns e Trufa por forza ten que ser un pecado que te mande directamente ao inferno polo pracer que provoca, e no que o concepto da anterior tempada -flocos de foie, se refina e gaña complexidade. Unha brutalidade. E que dicir doutros pratos. O salpicón de centola, zamburiña e ovas de troita, unha chiscadela aos salpicóns caseiros. A pataca-porro, por suposto, unha nova volta ao concepto do ovo e as temperaturas. O E a lamprea guisada con estofado de porros, a marca da estación. E máis, por suposto, pratos dos que me líchedes xa cousas. E unha pannacota final, nata da Capela con trufa rallada, unha larpeirada absolutamente voluptuosa. Unha auténtica festa que emocionaría a calquera.

A festa, por certo, regámola con grandes viños, que se puxeron César e Antonio a escoller coa carta de viños tamaño “A3” que Marcelo ten no restaurante. Tricó para comezar seguindo dun Alán de Val Garnacha, un monovarietal desta uva que en Valdeorras non se dá de todo mal, para rematar os postres cunha copiña dun Ordóñez nº 2. Se non me credes, non hai máis que vela.

Así que foi un gusto. Pasara moito tempo sen que os blogastrónomos puideramos visitar o restaurante de máis sona internacional do país e compartiramos unhas horas co seu chef. Como podedes ver nesta foto, os blogastrónomos ficamos ben satisfeitos!


Os blogastrónomos con Marcelo Tejedor (centro). Foto: Bea (grazas!)

Só ficaban despois uns GTs no Casino -por seguir compostelaneando de pleno- cos que comentar a xantanza ao ritmo de copas e comezar a pensar en novas grandes comidas e a Cata de Grandes Viños que virá en breve: as ofertas non nos cabían nos dedos.

Outras visións: Berta, Pantagruel Supongo (I), La Caja de los Hilos, Laconada

5 Comments

  1. enriquecastillo
    26 / Xaneiro/ 2010

    haciendo el simil cinematrografico…tiene usded
    AMISTATES DELICIOSAS …don M.Gago y por
    cierto ya que ahora “vuelve”el cine en 3D para
    cuando tendremos sus reportajes en tres dimensiones
    ya seria la hostia…

    un saludo cordial,sra Sole y don M.Gago.

  2. Lizgairo
    28 / Xaneiro/ 2010

    E tan satisfeitos que semellan! Qué envexa! E qué calidade de fotografías. Parabéns!

  3. 29 / Xaneiro/ 2010

    ¿e porqué non me convidas nunca a nada? eu controlo tamén de cociña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará