Restaurante Papanduxo, en Friol: unha nova proposta con gañas de comprometerse co local


O restaurante Papanduxo. Fotos: Sole

Papanduxo: “Mazá de pel gorda que se asaba no forno de leña despois de cocer o pan”. E tamén o postre da casa deste curioso restaurante de Friol, o Papanduxo [T: 982375289 / localización]. Nun prado á saída da capital deste moi rural concello lugués está este restaurante, que reformou con gusto e modernidade unha vella casa pertencente á Orde de Malta ou similar. O propietario, que non sei a que se dedicou antes de darse á hostelería -pero que a min me recordou moito á fasquía dos nosos embarcados no Gran Sol ou outros traballos de vida dura- exerce en sala; dous mozos, o seu fillo e outro rapaz, en cociña. Agora saca unha longa e estreita bandexa, do ancho da mesa, na que deposita o impresionante Pan de Ousá que se fai aquí en Friol para acompañar.

E alí se fai unha cociña con gañas de diferenciarse, o cal non é difícil na tradicional oferta local. A carta do Papanduxo quere amosar o compromiso do restaurante cos produtos da zona, nos que introduce detalles e técnicas actualizados. Nós probamos de primeiro un cruxinte de verduras con brie, unha sorte de roliño de primavera con verduras da horta da veciña -moi ben-, seguidos de carne local. Brocheta de porco ibérico con preve de laranxas e eu un desmedido entrecot de tenreira galega con salsa de cigalas (convertidas na realidade en gambiñas) e ourizos, un “mar e montaña” lugués. Bos produto, pero con usos se cadra demasiado entusiastas de módenas, ourizos e outros prebes que supoño que o tempo irá perfilando e refinando, pero que aínda se ven un tanto aristados. A historia rematou co antedito papanduxo, reinterpretado agora nunha rica mousse de mazás asadas. Se cadra tamén da horta da veciña.

O Papanduxo leva dous anos e medio aberto.

-Moi pouco tempo -sentencia o propietario. Parece querer dicir: -E tanto por aprender.

Pero van por bo camiño. Sen dúbida, un bo sitio para visitar Friol e aproveitar para coñecer -hai que visitalo, é tan descoñecido como valioso- o castelo de Narla.

Con viño da casa (un mencía, pero non tiña mala carta de caldos) e cafés, a cousa saíu en 25 por cabeza. Os días de feira a carta ofrece nunha selección de pratos populares a prezos ídem ( 4 ou 5 euros).

Grazas, Gê!

4 Comments

  1. lapatianco
    15 / Xaneiro/ 2010

    ¡Home! Friol. ¡Qué boas terras para facer andainas! E fermoso castelo con pazo interior, na parroquia de Narla, convertido en interesante museo etnográfico.

    Sonche habitual dende hai varios anos da súa feira anual do Queixo de Friol, e Pan de Ousá. Descoñecidímos ambos para a maioría da xente, pero que non teñen menos valor que outros de máis sona do país.

    A feira celébrase o derradeiro domingo dos meses de marzo. ¡Recoméndolla a todos!.

    Os queixos son curiosos, porque lles cambia o sabor dependendo da maduración que teñan. ¡¡Os primeiros en desaparecer son os que xa teñen moitos meses!! e máis que cortalos, hai que usar o machado para probralos. Calquera anaco na boca évos notar como o sabor se vai expandindo por toda a cabeza. Queixos artesanais, de cada casa das distintas parroquias do concello, que venden, sobre todo, persoas maiores; pero da gusto ver tamén xente nova que semella van ir tomando o relevo.
    E logo están os máis frescos, que tampouco desmerecen nada. Solución: comprar tres (polo menos) en diferentes estados de maduración, e logo facer unha festa entre amigos co pan de Ousá. Sen que falten uns chourizo afumados, claro.

    E ¿qué falar do pan da parroquia de Ousá?. Para min estáche á altura do afamado pan de Cea, sendo diferentes, ou dos de Carral, Carballo ou outros de tanta sona.

    Así que este ano haberá que aproveitar a feira para achegarnos a este restaurante (supoño que ese día haberá que reservar seguro).

    Pois nada. A desfrutalo os que por alí vaian.

  2. 15 / Xaneiro/ 2010

    Ten moi boa pinta. Xa tiña oido boas referencias del.

    Permítome enviarte estes links que me acaban de chegar. Fan referencia a un novo local, o “Abastos 2.0”, que acaba de abrir na Praza de Abastos. Aínda non tiven oportunidade de achegarme a probalo, pero a proposta, a primeira vista, parece interesante:

    http://www.abastosdouspuntocero.es/
    É o blog do restaurante, no que non se dí nada.

    http://blogs.expansion.com/blogs/web/gastroeconomia.html?opcion=1&codPost=55960
    Neste post desenrólase un puco máis a idea deste novo restaurante.

    Un saudo.

  3. 15 / Xaneiro/ 2010

    Grazas, Bernardo. Coñezo algo o proxecto desde hai tempo e a miña idea era falar del estes días. Grazas por avisar :-)

  4. 19 / Xaneiro/ 2010

    Gran achega, Lapatianco! Son informacións ben valiosas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará