Corkscrewed: crónicas sobre os excéntricos do viño francés


O xornalista neoiorquino Robert V. Camuto

Hai anos, o soño americano consistía en dispor dunha bonita casa nunha urbanización do extrarradio, mercar un coche e ter unha familia numerosa e feliz á que atender con solvencia económica. O soño americano actual, cando menos o que nos presenta a industria cultural, consiste en escapar do país, preferiblemente cara a vella Europa rural e dedicarse a pintorescas tarefas agrícolas mentres se viven divertidos equívocos culturais cos traballadores locais que despois podes contar aos amigos neoiorquinos mentres tomas un viño das túas propias vides, ao serán, na terraza da casa, antes ruinosa, que restauraches coas túas propias mans. Como cambiou o mundo!

Así o contan un sennúmero de pelis e libros mainstream nos últimos anos. Desde Un bo ano (2006), protagonizada por Russel Crowe a Un viñedo en la Toscana (2009), de Férenc Maté, ata videoxogos como Winemaker Extraordinaire (2007). Sempre é o mesmo. Un profesional liberal que atopa a felicidade nunha rexión agrochic de Francia ou Italia (ou sexa, Provenza ou Toscana).

Sen embargo, Corkscrewed:Adventures in the New French Wine Country, do xornalista neiorquino Robert V. Camuto, non é coma os demáis. Cumpriría cos requisitos, si (un profesional de mediana idade queimado da estresante vida disposto a deixalo todo pola súa paixón), pero esta crónica de viaxes por algúns dos viñedos máis representativos de Francia vai máis alá dos tópicos. Camuto explora a viticultura e a personalidade de viticultores moi especiais: agricultores que van máis alá do convencional nos viños e están dispostos a deixar a súa impronta e personalidade nos caldos que fan. Xenios das cepas dispostos a contar unha historia distinta. Nas súas crónicas explora o mundo alternativo aos grandes chateaux en Burdeos, mestura terrorismo e viticultura en Córcega, participa nunha vendima moi especial en Alsacia e coñece en profundidade a Nicolás Joly, o gurú da biodinámica no Loira. Unha redacción limpa con apreciacións intelixentes, nada pedante nin aduladora, nas que si se aproveita o factor do americano pouco coñecedor dun xeito intelixente, como vehículo para facilitar a comprensión das cuestións locais.

Corkscrewed representa a clase de libros enogastronómicos que me gustan. Títulos que van máis alá da receita ou da anécdota, que chegan ata as persoas que están detrás dos viños e dos alimentos. Que por que no Estado non temos libros tan así, tan limpos, intelixentes, persoais e mesurados, xa é outra historia.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará