Soños míticos na realpolitik ecuatoriana


Talla de indíxena con algúns trazos europeos na porta do Convento de San Francisco (Quito)

I. Sen pechar. O mundo, a sociedade, a política, obsérvase desde outros parámetros nestas terras. Miremos Quito, por exemplo: un gran centro histórico ateigado dos lugares de poder colonial. Casas de terratenentes, conventos por todas partes. O dos conventos parece enfermizo, como se quixeran esconxurar o que non está pechado. Un observa a fastuosidade da igrexa dos xesuítas, a monumentalidade do mosteiro de San Francisco pagado por Felipe II. Pero mirando de esguello, como se puxeramos unha máquina de raios X, observariamos unha turba, un tumulto, unha corrente subterránea dunha sociedade que está aí e que nunca marchou, que laboura incesantemente nos campos e nas cidades, que é a sociedade dos conquistados. Esa sociedade indíxena, emplastada pola forza dentro dun marco de convivencia global, segue a ser igual de impenetrable. As cúpulas católicas, os pazos de gobernación. Son castelos de area por riba desta maré humana ancestral que nunca se pechará. Unha maré que non entendes, pero que me atrae como un diamante.


Reivindicación dos mercados indíxenas na praza de San Francisco.

II. Centro e periferia.
Os colonos, que é como se lles chama aos brancos en Ecuador, viven nun esquema mental ben diferente. Os colonos de Ecuador, que hoxe viven ou queren vivir como traballadores dun mundo occidental, están certos de vivir nunha periferia, se cadra algo inseguros na súa identidade. A segunda pregunta que te fan sempre é “¿E como ven Ecuador desde alí?”. Eu fixen a pregunta en dirección contraria varias veces. “¿Como nos ven vostedes a nós?”. Sempre obtiña un educado silencio e un hábil cambio de tema. Ao final, tras eu moito insistir, unha rapaza explicoumo con boas palabras. “Antes España era a madre patria. Agora é a madrastra”. Sen embargo, os indíxenas non se notan fóra do mundo. Viven alleos a el. ¿Podes sobrevivir movéndote alleo ao mundo que te devora? Ese será un desafío. E outro detalle da periferia que aínda non sei ben explicar, e que nunca me pasara antes, de tal xeito, en ningures. Desde o primeiro momento que dicía que era galego, a xente -soubera ou non ubicar no mapa o país- xa pasaba a designarme de tal xeito e a preguntarme pola nosa realidade concreta, aceptando, por exemplo, con naturalidade, a existencia dunha lingua de noso. Nunca tal me pasou, así de doado. ¿Consecuencias da diversidade étnica do país?

III. O altofalante. Esta política ten moito que ver con outros momentos. Observade o vídeo:

As institucións son febles, as persoas poderosas. De xeito abraiante, a conquista do poder continúa a ser similar á estratexia que empregaron os españois para facer caer o Imperio Inca: atrapar o soberano. Moitos presidentes caeron en Ecuador a base de tumulto popular acompañado de intrigas na sombra. Unha vez que cae o presidente, cae o sistema e, en certo xeito, hai que volver construílo. O populismo de Correa, dialogando altofalante en man cos manifestantes que lle incomodan desde a praza, non é tanto un signo de apertura e democracia senón como de febleza das canles de comunicación institucionalizadas dun Estado democrático.

IV. O mundo mítico.
Nas disputas territoriais entre Ecuador e Perú na selva amazónica (co trasfondo da explotación mineira e de petróleo), os dous países sacaron a relucir unha disputa ancestral. As rivalidades entre AtaHualpa e o seu irmán Huáscar, motivo dunha guerra civil prehispánica entraron na discusión diplomática e política nesta mesma década. A solución entre Ecuador e Perú exacerbou o papel simbólico, un papel ancestral, de como se administra o poder e como debe ser vendido. Satisfactoria para Ecuador, o acordo implicou a cesión ao Perú de Fujimori da base de Tiwintza, en pleno territorio ecuatoriano. Pero Tiwintza tiña oito metros cadrados de superficie, e un destacamento bipersoal de soldados no seu interior. Este vídeo amosa a “toma” de Tiwintza polos soldados ecuatorianos durante a guerra do Cenepa, no ano 95. O interesante é que a “base”, apenas unha chouza, ninguén sabía onde estaba realmente. Tiwintza era unha mentira, un infundio, ou algo real, no medio da nada, sen ningún tipo de valor real, pero cheo de valor simbólico. Un mito.



V. A adoración do bocoi.
Sucedeu no ano 1972, durante a ditadura militar. As prospeccións petrolíferas de Ecuador na selva amazónica deron froito. O Goberno refregou as mans, convencidos de que o progreso bendeciría por fin petos e destacamentos. Varios bocois se prepararon e foron levados con honra a todas as provincias de Ecuador. Pero o gran bocoi de petróleo foi o de Quito. Escoltado por tanques e cargado sobre un deles, el barrilito foi en procesión polas rúas de Quito, apoiado sobre un almofadón con seda da India. Ao chegar á praza de San Francisco -próxima ao antigo pazo do inca e a un ancestral centro de reunións indíxena, a igrexa e os militares tributáronlle unha misa a tan ilustre visitante. A Cinemateca Nacional Ecuatoriana dixitalizou un noticieiro propagandístico que conta a historia, que é de non crer. Aquí pódese ver completa, e aquí podedes ver unha ligazón directa á procesión do barrilito:

No ano 1972, o xeneralato ecuatoriano convertera ao petróleo nun becerro de ouro, nun auténtico deus entronizado. Por certo, notade o acento do locutor e do dictador (ao principio do vídeo). Veredes que curioso.

VI. Confianza.
O meu pai sempre afirma que os paises vellos xa aborrecen das bandeiras e dos seus gobernantes por cansancio. Pero estes días falei con moita xente, de diferentes clases sociais. A política esperta paixóns, e mesmo xente sen especial preparación universitaria ten un coñecemento bastante preciso das grandes políticas do Estado: do petróleo, da enerxía, dos aranceis, das fronteiras. E moitos cren en Correa e apoian as súas políticas. O certo é que segue a existir, malia todos os paus que levaron, unha confianza no poder transformador da política. Ecuador, diría meu pai, é un país aínda novo. E prestan atención aos símbolos. Correa, o Presidente, sábeo, e goberna a partir deste tipo de símbolos. O mundo mítico, outra volta.

4 Comments

  1. Juan Castro
    1 / Decembro/ 2009

    Qué grande!

    ¿Imaxínaste a Touriño ou a Feijoo saíndo o balcón de San Caetano para falar cos agricultores ou cos dos metal ao estilo “como presidente vuestro que soy, os debo una explicación y esa explicación os la voy a pagar…”? :D

  2. lapatianco
    1 / Decembro/ 2009

    Sen dúbida, unha das túas mellores entradas.
    Cantas cousas están a pasar nese continente do Sur. Cantos movementos de dignificación das persoas non están medrando, as máis delas sen ter en conta ó Estado (pero baixo a súa lei), buscando vías alternativas.
    Éche moi atinada a visión dos conquistados e conquistadores. E as dúas sociedades vivindo como auga e aceite nunha mesma xeografía.
    ¿E … serán ecuatorianos eses branquiños que naceron e viven naquelas terras?. Porque ós musulmans que andiveron por esta península 800 anos, algúns todavía os chaman “invasores” que foron expulsados.
    Felicitacións.

  3. danielo
    1 / Decembro/ 2009

    moi boa entrada!

  4. Xabrés da teixeira
    1 / Decembro/ 2009

    Coido que teu pai é un sabio.
    ¿Estas seguro, de que o video do barrilito, non é sacado do NoDo?.
    Xa sei algo mais desa zona, gracias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará