Restaurante Carboeiro, en Francos (Teo): cociña galega actualizada á beira dunha fermosa carballeira


Fotos: Sole

Próximo a Santiago está un enclave moi importante da comarca da Mahía, a fermosa carballeira de Rúa de Francos, en Calo (Teo). A carballeira mantense case tal cal, rodeada das casas da aldea, e alí continúase a celebrar unha importante feira cabalar. O lugar está inzando de historia. E alí hai unha casa de turismo rural, a Parada de Francos; enfronte, acaba de reabrir un restaurante un tanto insólito, o Restaurante Carboeiro [T: 981104222 / localización]. Está a casa de turismo rural, unha corredoira pola que pasa o Camiño Portugués a Compostela e da outra beira da corredoira, este edificio restaurado, baleirado no interior, cun coidado interiorismo que concede a máxima importancia ao elemento máis destacado do lugar, a carballeira. Grandes fiestras permiten meterte entre as árbores mentres comes. Un valioso activo.

Probámolo o primeiro día real no que o restaurante se abría ao público, o sábado pasado, despois dunha tempada de peche. Non son eu moi amigo de achegarme aos restaurantes ata un tempo prudencial despois de abrir. As cociñas, os primeiros días, son un perigoso banco de sorpresas que lle fan as puñetas aos cociñeiros; precisan rodar, coller ritmos, coñecer aos clientes. Pero aínda así arriscámonos. Comezamos cun polbo á grella cunha sorte de hummus de garavanzos, que non estaba nada mal, seguido dun rape con romesco e améndoas e un soberbio polo de curral ao xeito do Carboeiro, cunha excelente carne, como podedes ver na foto. Rematamos cunhas filloas recheas que tamén estaban moi ben. A xente do local estaba moi, moi preocupada pola impresión que causaban os platos, xa que debiamos ser os primeiros clientes do local. Ocorreuseme comentar, ao fío de tanto interese, que a pasta de garavanzos estaba algo seca e viñeron o propietario e a camareira a pedirme disculpas (sentinme un pouco culpable).

A carta de viños concede especial importancia aos viños galegos e é ampla, se cadra demasiado ampla para o restaurante, a prezos entre os 15 e os 20 euros de media, pero está coidada. Nós, por estes platos máis un café e cervexas, pagamos a 20 euros por cabeza. Con viño subirá aos 30, máis ou menos. Un comezo moi prometedor, aínda que por facer unha crítica construtiva, creo que o restaurante ten demasiado de todo: demasiados viños en carta, demasiados platos para escoller e demasiadas mesas (aínda que entendo o factor celebracións). Con menos mesas (moitas van estar sempre baleiras, iso non dá boa impresión ao cliente), viños (un stock difícil de asumir) e platos (con poucos platos controlas sempre un excelente produto) poderían crear un mellor ambiente, afrontar menos custes e concentrarse en facer unha gran cociña diferenciada, porque vexo que hai certa madeira para ser o típico sitio que se podería poñer de moda na zona (os nenos teñen todo un bonito bosque para xogar).

Habemos recuncar con gusto, porque a zona paga a pena. Se vas ata a carballeira de Rúa de Francos, verás antes o antiquísimo cruceiro gótico co que xa alucinou Castelao no seu momento. E moi próximo á carballeira tes a cuquiña ponte romana ou medieval sobre o río Tinto, alí onde debía pasar a vía romana. E tamén está un dos monumentos arqueolóxicos máis importantes da zona, o Castro Lupario, aínda que neste momento, debido á maleza, é impenetrable.

2 Comments

  1. 3 / Maio/ 2010

    Estuvimos este fin de semana en el Carboeiro. Los sábados tienen música en vivo (en este caso un dueto de jazz que sonaba muy bien, con una voz potente tipo Michael Bublé) y menú degustación (25 euros sin incluír el vino).
    Tomamos unos entrantes que constaban de lacón prensado “á feira”, pimientos del piquillo rellenos, vieira al horno, pulpo “á grella” como el que probaste tú y una carne que se deshacía en la boca de lo tiernecita que estaba.
    Buena relación calidad/precio y un servicio más que agradable. El local (de techos altos e importantes muros de piedra) resulta acogedor a pesar del tamaño y Manolo, con su trato natural y amable, resulta refrescante entre tanto “si me permite el atrevimiento” engolado y cansino.

  2. Ana
    22 / Xuño/ 2010

    El sitio tiene encanto, pero el dueño, (Manuel) tiene un carácter incompatible con el negocio. Salimos decepcionados con el trato recibido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará