As Repúblicas de Homes Libres (3c): ou como o patrón nos axuda a descubrir cousas

Last updated on 9 / Abril/ 2010

David, un lector de Capítulo 0, enviárame hai tempo unha captura do SIGPAC no que sinalaba un monte chamado “Monte Maior” ao carón da súa aldea, San Cosme de Portomeiro, no Val do Dubra. Contrasteino co catálogo O hábitat castrexo no Val de Barcala, Amahía e o Val do Dubra, de Xerardo Agrafoxo, e efectivamente, aquel monte tiña o topónimo castelá. Pero o outro día, nos comentarios do anterior post sobre as Repúblicas de Homes Libres, falei de que tamén era frecuente atoparse cos topónimos “A Granxa” e “Montecelo” nas proximidades dos antigos mosteiros, ademáis do “Castelo” que estamos a investigar. Entón David volveume a enviar a captura do mapa:

-¡E que temos os tres!

Examineino e deume a risa. Efectivamente. Estaba o Montecelo, a Granxa e o Monte Castelo (onde no mapa pon “Monte Maior”). Acudín ao tocho El monacato gallego en la Alta Edad Media, a monumental obra de José Freire Camaniel sobre esa primeira monacalización de Galicia e comecei a buscar mosteiros en San Cosme de Portomeiro. Nada. Um…continuei procurando e mirei o mapa. Aló embaixo pasaba o Tambre. Espera. O habitual no noso estudo é que o mosteiro estea ladeira abaixo, próximo ao río, como acontece uns quilómetros río abaixo en Luania…

Abrín o campo do mapa e descubrín unha aldeíña pequena, encaixada nun rechán da pendente caída ao río: Novais, debaixo dos tres topónimos e na mesma ladeira do castelo. Volvín explorar o tocho de El Monacato. E con abraio atopo na páxina 805 o seguinte:

NOVALLIS

Posiblemente Novás, Ayuntamiento de Vilasantar (CO). Por la Historia Compostellana consta, en el año 1108, que Didacum Viliulfiem dio la tercera parte “in ripa Tamaris de Monasterio Novallis” a la Iglesia Compostelana.

Así que a cousa en realidade era así:

Na ribeira do Tambre! Freire ubicara o mosteiro mercé a un topónimo similar, pero Novallis onde encaixa perfectamente é aquí, no Val do Dubra e non en Vilasantar. Cóntollo a David e aínda me engade un dato máis:

o meu pai cando viña dunhas minas de wolfran (en Vilariño creo) hai sesenta e tantos anos, que descubriron el e o meu padriño (tiña case nada de mineral e non, non se fixeron ricos) pasaba o Tambre de cara a nosa casa en Brins pola barca das Novais, dígoo porque é importante iso dos camiños, Novais hoxe e un salsepodes, a barca do Novais vello era un bo atallo

Así que, ademáis, aquel era un paso do río Tambre! Dáme a risa. Vaia se funciona este patrón de ubicación!

Por certo, en Novais existe aínda hoxe en día unha sorprendente historia do Antigo Réxime vinculada á Igrexa: o pago de dezmos. Botádelle unha visual a esta noticia (que se fixo famosa nos medios a nivel estatal) e alucinade.

Anteriores posts das Repúblicas de Homes Libres

6 Comments

  1. Hugo de Payns
    25 / Outubro/ 2009

    ¿Un topónimo ‘granxa’ próximo a un mosteiro, no mundo medieval? Vaia, algo verdadeiramente revolucionario.

  2. 25 / Outubro/ 2009

    Hugo, falo do topónimo A granxa como exemplo de que a presenza monástica deixa unha serie de pegadas toponímicas, mesmo despois de que os propios mosteiros desaparezan. É un exemplo para explicar outra relación ben máis estraña: a do topónimo “castelo” en relación aos “mosteiros”. Recoméndoche que leas os posts anteriores e a ligazón na que falabamos da cuestión das granxas e dos montecelos, ademáis dos castelos (tela no post).

  3. 27 / Outubro/ 2009

    O dos décimos aínda pervive en varias parroquias de toda esa zona próxima ao Dubra, estendéndose tamén cara Santa Combra, Carballo e Ordes. Anacronía, si, pero unha boa mostra de por onde comezar a coñecer a realidade do rural deste país, para ben e para mal.

    Parabéns pola serie, de paso.

  4. Sheamais
    30 / Outubro/ 2009

    Toda unha descuberta esta serie da República dos Homes Libres. Parabéns polos artigos!

  5. Miguel
    21 / Maio/ 2010

    Novallis:

    Según Ángel Montenegro, no seu “Toponimia Latina”, «el adjetivo Novalis se usaba entre los romanos principalmente
    para designar el barbecho ager novalis, pero era también aplicable a
    toda tierra yerma o nueva en una clase de cultivo».

  6. 22 / Maio/ 2010

    Grazas, Miguel, descoñecia o dato, pero é interesante!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará