Casa Trabazo: unha deliciosa viaxe no tempo na Estrada

Last updated on 17 / Outubro/ 2009


Os interiores de Casa Trabazo. Fotos: Sole

Marujita, a dona de Casa Trabazo, na Estrada [T: 986 570 045 / localización], séntanos nunha mesa de mantel a cadros bordado por mans de costureira de vila, diante dunha barra na que hai andes de botellas de coñac que son un auténtico museo arqueolóxico. Hai un cheiro a cociña de leña. E a luz eléctrica aquí ten un papel secundario.

-¿E como deron co noso número de teléfono? -pregunta.

Unhas vellas percorren paseniñamente a sala, servindo pratos a unha mesa do noso carón. E un señor aparece cunha fonte cunha gran cachola que vai cortando moi a modo, a cámara lenta e con coidado, como pretendendo facer o menor dano posible ao animal. Marujita non para quieta.

-Por Internet.
-Vaia! Porque mire que este teléfono non o ten todo o mundo. Aquí veñen os uns polos outros. Bueno. Miren. Hoxe hai…temos….mire, voulles ir poñendo un caldiño e despois xa vemos.

Ao pouco unha muller sírvenos un espeso caldo do cocido, cheo dun marabilloso e concentrado sabor, servido en cunca. E aparece unha botella dun Barrantes máis que decente. “Verán que rico”, dinos Marujita, que volveu a vir canda nós.

-Pero miren que isto non é un restaurante, isto é…outra cousa -advírtenos Marujita. Vaino repetir, como afirmándoo para si, durante toda a comida-…e aquí todo está feito con forno de leña. Como meu pai o quixo e o fixo hai 86 anos.

A luz fíltrase polo cristal esmerilado coma nun cadro holandés, con esa luz de Bert Teunissen que está presente nos antigos fogares do país. E todo está cheo de detalles. Detalles, por todas partes, que falan de cousas feitas a man. O chan apisonado. As trabes do teito. Mesmo nas obras artesanas máis perfectas está a perfección da diferencia milimétrica. As vellas andan por aquí ou acolá. Unha pía de panos na que se mesturan os manteis coa roupa de casa está nunha beira. E as tazas alí noutra. Unha fiada de xerras de breña. E así con todo. Non nos dá tempo a escoller. Chéganos unha espectacular filloa con chourizo que comemos con avidez, acompañada do Barrantes. E despois, simplemente informando, Marujita decide traernos a famosa tortilla da casa, unha omelette de gambas e xamón.

-E eses ovos xa non os ven en ningures, eh! -dinos outra das vellas que sirven.

Casa Trabazo é un lugar singular, un lugar emocionante. É unha viaxe no tempo. Marujita e Pedro manteñen esta casa como no tempo da súa fundación e todo encaixa coherentemente ao longo dese tempo, como se non precisara ser preservado. Nos seus carteis, pósteres, na combinación da louza adquirida ao longo de 80 anos e aínda en uso, está todo o noso século. Aquí cómense platos feitos a lume manso, aínda. E aos clientes se lles trata como da familia, con agarimo e coidado. Estamos alucinando con cada detalle. Xa teño falado da necesidade de nombrarmos uns BIG (Bens de Interese Gastronómico). Casa Trabazo debera entrar na primeira lista e con rapidez. Este lugar é un luxo.

-Imos maiores. A filla non vai vir para aquí. E para seguir abrindo, agora só servimos comidas, non ceas.

Pedro encárgase de todo o capítulo sobremesa. Traen o licor café e tres postres. Un queixo do país, cremoso e enorme, o brazo de xitano e a bica das paridas.

-Fáganme caso, fagan así -Pedro colle a botella de Barrantes, éncheme a taza- molle ben a bica na taza. Esta é a bica das paridas, porque se lle daba ás empreñadas para que fortaleceran.

O viño tinto desapareceu dos postres en todas partes menos aquí. Estamos acostumados a sabores doces directos. Pero aquí non. Aquí hai que mollar o doce en tinto do país, e sentir esa sensación tan pouco practicada, sumarlle calorías ao doce como unha pila alcalina. O café chega na súa cafeteira. Está o queixo. Está o bo licor, co gusto máis alcólico, menos cremoso, dese licor café que facían os avós. Un mundo manso e tranquilo, case monacal. E un mundo excepcional: observen, verán maneiras, xeitos de falar, xeitos de comportarse, formas de servir e de xantar, que xa non existen. Este é un observatorio privilexiado e único sobre as casas de comidas galegas de finais do XIX e principios do XX.

Viñemos de Santiago, a penas vinte minutos. Pero a nosa viaxe foi maior. O interesante é que este non é un lugar aillado. No inverno, na fin de semana, é moi difícil conseguir mesa. O escaso espazo -dous lenzos- énchese de grupos que veñen comer aquí o cocido. Amancio Ortega, por exemplo, é de vir e quedarse ao carón do ultramarinos. A mellor estratexia é xuntar aos amigos e reservar con bastante tempo de antelación. E pagará totalmente a pena. A min xa me fixeron pensar en organizar aquí un cocido con todas as da lei. E insisto: chamen antes. É máis difícil reservar en Casa Trabazo que en Arzak. E non esaxero nada.

Por este xantar que vos conto, pagamos 19 euros por cabeza. É un lugar moi especial, cunha excelente cociña pero con algo máis: cun espírito propio e a melancolía das despedidas, unha melodía que en Galicia ten por notas a luz, fume, cheiros, sabores tempos e fermosas palabras. Vaian antes de que se acabe.

17 Comments

  1. MJ Méijome
    17 / Outubro/ 2009

    Meteume fame Sr. Gago, en verdade llo digo.

    Nun tempo, aínda neno, lembro de estar de visita en Chantada en compaña de maiores que se fixeran cargo de min para a ocasión. Cando chegou o momento de xantar leváronme a un lugar similar ó que describe, onde a cociña case estaba no comedor, os manteis eran deses que facían na casa como vostede conta e as sillas xa estaban afeitas e mil posturas, tantas coma clientes tiveran. Puxeran caldo de primeiro, non lembro o segundo, pero aquel plato fondo dos de antes, fondo coma unha cunca na que a culler entraba inteira e afogaba sen remedio, traía gardado un rosario de sensacións que os meus sentidos aínda poden lembrar. Co tempo, visitando outros lares e fartándome doutras comidas souben que non fora o caldo, que aquelas berzas que traía non eran todo o que precisaba a cociñeira pra facer maxia con lume: era o lugar, esa luz entre os cristais, a madeira das mesas e unhas baldosas de vello que case reflexaban as vigas bernizadas pola lareira.

    Lugares, fondos secretos da terra que o tempo, coa sua manía de ir pasando, vai deixando no esquecemento sen trazas de retornar.

  2. 17 / Outubro/ 2009

    Podo dar fe de que reservar por exemplo no entroido na casa trabazo é algo imposible, hai xente que xa reserva de ano para ano.
    É unha magoa que sitios como estes estén esmorecendo, ainda hoxe na Voz de Galicia sae unha nova de a Xunta anula a licencia de 3 restaurantes que cerraron fai 30 anos. Creo que realmente eran a efectos legais restaurantes, na realidade eran casas de comidas.

  3. cesar
    17 / Outubro/ 2009

    Ben sei que o home e contraditorio por natureza. Queremos conservar o antigo, os nosos valores, a nosa tradición de pobo hospitalario e de bo comer, de pobo de fartura, de pobo que acolle o peregrino e non deixa que salga da sua casa se non e farto daquelo que teña…nembergantes suspiramos pola moda, halagamos (creo que en exceso) aquelas novas propostas que nos chegan de xente con mais sentido mercantilista que de servicio, modas frías, distantes, só dispostas a satisfacernos polos altos precios que vamos a pagar..De ningún modo pretendo ser avogado do demo, pero ben seguro que esa xente por ese prezo da o mellor de sí sen reparar en se gaña ou se perde. Seguramente se o prato costara 30 euros, non faría falla chamar con antelación…e polo que leo, posiblemente pague a pena mais que 30 euros en calquer outro sitio…Claro que habría que conservar esos sitios..pero seguramente a filla pensa que é demasiado traballo pra tan pouca xeira. Aparte de que a xente xa non é altruista..
    Efectivamente, algo se perde definitivamente, mágoa…entre todos a matamos e ela sóla morreu…

  4. adelasuma
    17 / Outubro/ 2009

    Qué beleza.
    Sen máis.

    P.D.: algo se lles esquece aos mestres cociñeiros, seica.

  5. 18 / Outubro/ 2009

    César, non se preocupe, que gañar diñeiro seguro que gañan (e paréceme moi ben, o altruísmo está para outras cousas, non para manter un negocio, aínda que teña cociña a leña).

    Afortunadamente, eu creo que as novas xeracións de cociñeiros galegos teñen moi en conta a súa tradición. Un factor común en todos os grandes da cociña galega actual é o respecto pola tradición. Todos están liados coa recuperación de pratos ou produtos tradicionais, que saben actualizar.

  6. cesar
    18 / Outubro/ 2009

    Non, Sr Gago, non me preocupa que gañe diñeiro quen o merece, senon quen abusa..(pero xa o mercado se encarga de poñer a cada quen no seu sitio.) Minha reflexión, que non crítica, ven mais ou menos porque é unha mágoa que se perden eses sitios, porque ben seguro que einda gañando diñeiro, o ratio euro/hora e baixo é o sacrificio de traballar 20 horas o día xa non o faran os vindeiros…e en vez de tomar esa fermosa filhoa rechea, por seis euros, tomaremos a filhoa ( de carrefour) o aroma de chourizo, polo mesmo precio.
    Non me faga caso, a veces gostame incordiar..non perda o tuteo.

  7. maelock
    18 / Outubro/ 2009

    E iso que vos perdestedes algo da tradición estradense, que era ir tomar os combinados á porta do sol ( xusto enfrente ) antes de comer en Casa Trabazo, pero xa pechou.

  8. 18 / Outubro/ 2009

    Moi ben me ten falado todo o mundo desa Porta do Sol, Maelock…

  9. maelock
    18 / Outubro/ 2009

    Ufff, estaban moi bos. As receitas eran herdadas do pai á filla Elena, e ademáis secretas.

  10. maelock
    18 / Outubro/ 2009

    E levouse o segredo con ela

  11. maelock
    18 / Outubro/ 2009

    Si soubera que íades vir por estas terras, tíñavos invitado a un café na Farola, hehehehe

  12. nelly
    29 / Xaneiro/ 2010

    Somos un grupo de boa xente dun colexio de Dozón que queremos comer o cocido da Casa Trabazo da Estrada e xa non hay días sen reservar…
    Alguén nos pode recomendar a señora Marujita para que nos atenda un sábado ou un domingo? alguén nos cede oseu día? Gaciñas

  13. 9 / Abril/ 2010

    Hoxe, 9 de abril de 2009, dentro de pouco máis dunha hora estarei cuns bos amigos e amigas comendo o cocido na de Trabazo. Por primeira vez…

  14. 9 / Abril/ 2010

    Pois moita sorte! Xa contarás.

  15. JESÚS
    30 / Abril/ 2011

    Comer en casa Trabazo es un lujo , de otros tiempos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará