Fotos: Sole
Recoñézoo: tiña gañas de xolda. De rirme fronte a un prato e un bo viño, de vacilar e ser vacilado, de aprender e ser aprendido. De botar gargalladas ruidosas, das que fan tremer as paredes.
Conseguino. Esta fin de semana celebramos a X Xantanza de Blogastrónomos, no restaurante Culler de Pau, o excelente novo restaurante do Grove do que falei en xuño, organizada milimetricamente por Mónica de Cocina de Aldea e incluíndo unha visita previa á Adega Aguiuncho (o seu albariño barrica gañou este ano o premio a mellor branco na Cata Oficial de Viños de Galicia). Recuncamos máis ou menos no mesmo menú, se ben houbo algúns pratos novos e -é o que ten volver pasados uns meses- outros estaban moito máis afinados. O equipo multicultural da cociña de Javier Olleros está funcionando a pleno rendemento, polo que se ve.
Pero sobre todo quero falar doutra cousa. Eu non sei vós: a min gústame xantar dos tres xeitos. Ás veces, durante a semana, se teño que comer fóra e de xeito improvisado, non me importa comer só. Busco un sitio discreto, como a galería do Auditorio de Galicia, mentres a luz, mesmo no inverno, anega todo. Cando vou a sitios especiais, de cociña moi traballada, gústame ir en parella, ou con poucos amigos de confianza, para apreciar ben o que acontece. E tamén me gustan as comidas multitudinarias, as de moita bulla e intercambio. As Xantanzas, aínda que apreciaba a gastronomía, eran ese momento de cruzarnos noticias, informacións, opinións. Tamén había comida, por suposto, pero eu, sobre todo, estaba máis pendente da xente que dos platos.
Pero o sábado, no Grove, cambiou todo. Decateime cando de súpeto, esta albóndiga de boi de mar sobre caldo de crustáceos prestoume como se me entrara o mar na boca. E, pouco despois, cando chegaron as navallas sobre caldo dashi, aire de piñeiro e okra, unhas navallas collidas na illa de Vionta, o esquencido satélite de Sálvora, alucinei con ese caldo dashi co que a achega oriental desta partida de cociñeiros comezaba a despegar discretamente. Decateime de que estaba en confianza, entre amigos. E sentinme ben. E rinme tanto que me deu ata vergonza. E o Valdesil prestábame a godello sincero e tecnicamente ben estruturado, e o Abadía de Gomariz sabíame a festa de domingo. E coñecía a historia de todos. A sociedade da información -gurú Castells predeciu- crearía estas redes horizontais, como esta de amantes da gastronomía, xurdida na blogosfera. Pero pasaron tres anos. 10 xantanzas. E esta xentiña, xentes do norte, do sur e do oeste, xa son parte da miña familia electrónica, esa familia singular de chegados á miña vida cos que comparto tantas cousas que nunca compartiría nun grupo de descoñecidos, nos que como en todas as familias, disfrutas coas particularidades, cos caracteres, coas teimas e os gustos diferentes. Cada un de nós implicado na blogosfera dun xeito moi diferente, ata o punto de que a blogosfera case foi un pretexto, e o relevante é xuntarse, comer, divertirse, coñecer, pensar ideas.
A sesión rematou no Náutico de San Vicente, cabo do mar, onde os De la Cierva facían probas preparando o concerto de Sevigny (non lembro o nome dos teloneiros) desa noite. Sobre a praia íase poñendo o sol, demasiado cedo, avisando de que se acabou o que se daba este verán. E chegou a choiva. E con gintonics de Hendrick’s convidados por un neófito pai, as horas pasaron e os proxectos e as ideas, divertidas e co obxectivo de aprender, de ser e vivir experiencia e de compartilas, foron xurdindo, como deben xurdir: entre risas e gargalladas, deixando que vaian nacendo na conversa, sen pai nin nai coñecidos nin querendo darse a coñecer, xurdidas na atmósfera. Se hai sorte, pode que vexades algunhas nos vindeiros meses. Nacían as ideas, morría o verán, alí mesmo diante nosa, demostrándonos que nada pasa en balde, que todo muda, e que cada ano, porque somos persoas, será mellor que o anterior. E xa levamos 10 xantanzas. Mimadriña. Moitas grazas, xente.
Outras perspectivas:
Gourmet de Provincias
Me ha gustado mucho. Actitud positiva, proyectos, buena mesa….. ¿Qué es entonces comer? Eso
Discrepo en una cosa: no sé cómo te puede gustar comer solo.
Coincido. Me lo pasé fenomenalmente bien y eso facilita todo. En cuanto salí del Náutico me di cuenta de que mi post de la Xantanza iba a ser así.
Sobre lo de comer sólo: me parece tan normal hacerlo un martes, en 40 minutos, con un suplemento cultural atrasado -tremendo placer- sobre el lago del Campus Norte o en otro lugar apacible, como terrible hacerlo el sábado o el viernes por la noche. Cada cosa. Cada momento.
Teño que agradecerche un fin de semana por Culler de pau, Pepe Vieira, Yayo Daporta e…. Sería unha boa idea vender paquetes gastronómicos.
Mágoa terme perdido esta xantanza.
Comparto os sentimentos.
yo/eu tamén/también quiero ir con vosotros, y soy de paparevivir